Os epitafios de Gayoso e Méndez

Ex directivos de Novacaixagalicia.
Ex directivos de Novacaixagalicia.

A penitencia que pagaron Gayoso e Méndez polas súas actuacións merecerá avaliacións diferentes dependendo do nivel de afinidade que se manteña a respecto do seu labor. 

Os epitafios de Gayoso e Méndez

A recente comparecencia de Fernández Gayoso nunha comisión do Congreso, como xa ocorrera antes coas respostas por escrito enviadas por José Luis Méndez, proporcionou un motivo adicional á reiterada frustración provocada polo tratamento dispensado á crise e afundimento das caixas galegas nas cámaras parlamentarias.

A pesar de que o ex-directivo de Caixanova pediu desculpas polos erros cometidos, cando concretou o enunciado autocrítico xeral só falou da súa incapacidade para captar coa debida antecipación a crise financeira do remate da primeira década do século XXI. En realidade foi moi pouco orixinal: buscou un refuxio argumental utilizado por case todos os persoeiros que tiveron responsabilidades nas entidades financeiras. Se Rodrigo Rato dende o cimo do FMI non foi quen de enfrontar a treboada, qué se lle podía pedir aos que levaban décadas ocupando os despachos mais poderosos de Caixanova e Caixa Galicia. Os erros que Gayoso e Méndez non queren recoñecer están situados noutro territorio menos abstracto: formaron parte activa da “nomenklatura” dos que alimentaron a burbulla inmobiliaria, deturpando a natureza da súa función –xestores dunhas entidades non lucrativas, supostamente posuidores da máxima cualificación técnica– para xogar o rol de “propietarios” do poderoso xoguete que tiñan nas mans. Sen asumir explicitamente esa fraude, as apelacións aos erros cometidos son desculpas de mal pagador.

Nesa mesma comparecencia, Gayoso reiterou o que defendera hai case dez anos: segundo a súa visión, o que tiñan que facer as caixas galegas era participar en procesos de fusión con outras ubicadas en territorios exteriores. Segue pensando que iso ía salvar a pervivencia da “súa” caixa a diferenza do que sucedeu despois do nacemento de Novacaixagalicia. Porén, caso de ter seguido esa estratexia, as entidades galegas ficarían diluídas nos bancos que foron creados a partir da reconversión provocada polo acordo entre o executivo de Zapatero, o gobernador do Banco de España –Fernández Ordóñez– e Mariano Rajoy. A fusión de Caixa Galicia e Caixanova tiña, certamente, dificultades –provocadas, fundamentalmente, pola evolución da contorna financeira e lexislativa– pero dispuña dunha notábel consistencia derivada das fortalezas acumuladas nas propias traxectorias históricas. O que pasou posteriormente –formación de Novagaliciabanco e posterior venda ao grupo Banesco– confirmou esa capacidade de supervivencia. Hoxe non se discute a fortaleza de Abanca como empresa privada co centro de gravidade na Galiza. O que resultou mais problemático foi a excesiva premura coa que o FROB se desfixo do banco resultante da fusión e as incertidumes asociadas ao grupo venezolano comprador.

A penitencia que pagaron Gayoso e Méndez polas súas actuacións merecerá avaliacións diferentes dependendo do nivel de afinidade que se manteña a respecto do seu labor. Para os propios protagonistas seguramente foi mais duro o grave deterioro sufrido pola súa reputación pública que a erosión do seu patrimonio pecuniario. Para o corpo social galego –e, sobre todo, para preferentistas e beneficiarios da Obra Benéfico Social– os custes da desfeita foron graves e, nalgúns casos, irreparábeis.

Na mesma sesión da Comisión do Congreso, ficou descoberta unha das medias verdades –daquela aínda non se inventara o das “fake news”– que pregoaran Feijóo e a daquela conselleira de Facenda. Non existiu unha verdadeira auditoría sobre a viabilidade da fusión senón un informe breve –e urxente– a respecto da situación das respectivas entidades. E, ademais, carísimo: case 1 millón de euros por algo que poderían elaborar especialistas das Universidades galegas a un prezo mais razoábel.

O cóctel formado polo comportamento dos diretivos caixeiros, as inhibicións do goberno galego e os plans bancarizadores deseñados nas princiapais instancias estatais foi definitivo para enterrar aquelas entidades históricas. Hoxe por hoxe, Méndez e Gayoso non teñen un relato exculpatorio críbel. Atreveranse a escreber as súas “memorias”? @mundiario

Suso Veiga

Comentarios