A eólica galega engorda ás eléctricas españolas e a solar está discriminada

Molinos de viento. / Naturgy
Muiños de vento. / Naturgy

A enerxía eólica será clave nos próximos cinco anos e permitirá avanzar no proceso de descarbonización da economía e continuar coa transición enerxética,  salientan WindEurope, o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e a Universidade de Stanford.

A eólica galega engorda ás eléctricas españolas e a solar está discriminada

A edición GALICIA de MUNDIARIO ven publicando en cinco capítulos este informe para Tempos Novos, mantendo boa parte do contido de base pero actualizándoo a día de hoxe. Esta cuarta entrega céntrase na enerxía eólica e solar. Xa vimos no terceiro capitulo que a produción eléctrica de Galiza non se resentirá co peche das térmicas de carbón, e no segundo capítulo que coa merma das térmicas, Repsol vai collendo a dianteira da contaminación en Galicia. En xeral vese que o Goberno de Galicia parece algo desorientado co cambio climático.

A potencia eólica na Galiza representaba da orde do 14,6%  da eólica do Estado e a xeración eléctrica por esta fonte está entre 7-9.500 Gwh/ano dependendo dos anos. No 2018 xeran 8.374 Gwh que representan o 42,1% da demanda eléctrica galega e o 16,9% de toda a produción eólica do Estado, no 2019 xeramos  8.698 Gwh e sigue a aumentar ano a ano.

A finais do 2018  contabamos cunha potencia de 3.423 MW e a principios do 2020 tiñamos 416 Mw máis   contando con máis de 4.000 muíños. Galiza é a terceira comunidade por potencia instalada no Estado A xeración eólica na Galiza no 2019 permitiu cubrir o 47% da demanda eléctrica galega. Proxectan seguir nos próximos anos aumentando a potencia con repotenciación nos parques actuais e coa instalación de parques novos, 500 MW máis por ano, coa intención de duplicar  pronto a potencia. O negocio eólico é o mais rendible  dentro da enerxía renovable e as empresas teñen presa. A enerxía eólica está en maos de multinacionais,  máis do 60% da potencia actual está en:  Iberdrola, Endesa-Enel Green Power, Naturgy -antes GNFenosa-, e Acciona, con Greenalia de Capital apurando para posicionarse, todas  empresas que cotizan fora de  Galicia,  o que significa que o “vento galego”   apenas deixa beneficio aquí comparado coas grandes ganancias que quedan en Madrid, Bilbao ou fora do Estado. Poucos beneficios, pero pola contra quedan impactos notables, impactos inxustificábeis aínda que o seu dano sexa incomparablemente inferior a outras fontes non renovables  como as centrais térmicas.  

As serras e os montes galegos  ínzanse de aeroxeradores, liñas de alta tensión, pistas forestais, parques que alteran a paisaxe e poñen en perigo non so a flora, fauna e especies endémicas ou protexidas, senón destrúen xacementos arqueolóxicos e  asentamentos fortificados da idade de ferro por non citar xa que algúns parques están moi próximos a lugares habitados, lagoas catalogadas, fervenzas ...e ocasionan molestias e impactos. Xa no ano 2009 o 39% da potencia eólica estaba instalada en zonas protexida de Rede Natura e na actualidade algúns parques novos pretenden instalarse en zonas protexidas e áreas da Rede Europea Natura 2000, intento que sempre está avalado pola Xunta de Galicia. 

As empresas eléctricas non teñen miramentos, son prepotentes e arrasan o que faga falta. Os parques eólicos poñen en perigo ou destrución a preservación dos valores naturais, culturais, paisaxísticos e ambientais dos nosos montes e serras, e a cambio, a economía que reverten é ínfima. As empresas instalan hoxe parques onde queren aínda que logo se paralicen pola Xustiza como en Samos o ano pasado. Amenazanse  zonas  próximas a Ribeira Sacra ou o Camiño de Santiago, zonas protexidas para aves, de reserva... Perxudicase a aldeas da área de Negreira, Xallas, Outes, Lugo...Intentan formalizar contratos eólicos pouco menos que insultantes para os propietarios das terras ... O Goberno galego en silencio permíteo e mesmo xustifícao manifestando que os parques tiñan autorización de anos atrás – dez ou quince anos atrás- pero oculta que aqueles parques iniciais nada tiñan que ver cos actuais. As eléctricas parecen as donas do territorio, e algunhas até se atreven a iniciar obras sin completar documentación, non importa a destrución da natureza, de camiños reais, mámoas.. e mentres a administración mira para outro lado. 

Na actualidade a situación e tan preocupante que o Manifesto “Aldeas con Horizonte” asinado por 60 organizacións solicitaron do Goberno galego unha moratoria de novos parques eólicos terrestres e buscan un novo desenvolvemento eólico para Galiza. Razón múltiples para asinar o documento que deixa claro que o marco normativo actual dos anos 90 favorece unicamente ao gran monopolio enerxético fronte os dereitos das comunidades locais afectadas e o interese colectivo. 

A enerxía solar, discriminada na Galiza

A enerxía solar xunto coa eólica son piares básicos para a a descarbonización, por eso as instalacións solares en Europa medraron da orde do 21% no ano 2018 con relación ao ano anterior. Na Unión Europea a taxa de crecemento solar foi maior, chegando ao 37% con Alemaña a cabeza e unha potencia de nova instalación de 2.960 Megawatios (MW). Nos Países Baixos aumentaron a potencia en 1.400 MW. No Estado Español a instalación solar no ano pasado era once veces inferior en potencia que a de Alemaña, exactamente 260 MW, pero sempre dirán que o aumento respecto do ano 2017 foi do 94%. 

A situación de Galiza é ben distinta porque a potencia solar instalada é mínima e xa estabamos e seguimos estando nos últimos postos do Estado, pasamos de ter 30 MW no ano 2017 a 39,95 MW a mediados do 2019, eso si  medramos o 33% respecto  ao 2017. A xeración solar bruta de electricidade en Galicia representaba no 2017 o 0,25% do total fotovoltaico do Estado, no ano 2018 a situación é  incluso algo inferior 0,23% (fonte Rede Eléctrica de España, REE ). A xeración eléctrica galega o ano pasado por todas as fontes chegou a 31.312 Gigawatioshora (Gwh), pero a produción solar foi unicamente de 18 Gwh. 

A mediados do 2019 Galiza estaba entre as tres últimas comunidades do Estado por potencia e xeración solar (fotovoltaica e térmica). A potencia  solar fotovoltaica galega de 39,95 MW era insignificante si a comparaba coa solar no Estado  con 6.770 MW dos cales eran fotovoltaica 4.466 MW e 2.304 MW eran de solar térmica. A fotovoltaica galega representaba unicamente o 0,36% da potencia eléctrica galega e si no 2019 as renovables  supoñina a produción electrico do 88,5% do consumo – segundo Asociación Eólica de Galicia-, a  aportación da solar era insignificante.  As posibilidade da solar en Galicia non son peores que as posibilidades solares de países  como Alemaña ou outros de centro  europeos ou norte de Europa, non nos discrimina o sol, discrimínanos  a política oficial.

Na actualidade existe posibilidade de instalar enerxía solar fotovoltaica descentralizada e a baixo custo -nunha década os paneis solares baixaron o prezo nun 90-95%- e mesmo pódese xerar electricidade sen destruír nin ocupar territorio -nos tellados das vivendas, edificios públicos, granxas, naves e polígonos industriais...-. Hoxe os paneis solares teñen unha eficiencia do 19-21% cando antes estaba no 15% e os novos paneis terán maior eficiencia (conseguiron alcanzar xa o 35,9%) . Mesmo existen paneis solares que poden aproveitar a enerxía das gotas de choiva cunha eficiencia do 7% idóneos nun país  con moita precipitación como o noso...  Pero  o Goberno galego non ten presa nin interese no tema, non vemos nos edificios públicos (concellos, deputacións, hospitais, centros de saúde e de ensino, estacións de autobuses...) paneis solares térmicos e fotovoltaicos que permitan aforrar enerxía e den exemplo aos particulares e empresas. Si queremos  actuar fronte o cambio climático nin vamos rápido nin o estamos facendo coa enerxía solar.

O futuro, na eólica mariña

En Europa durante  2018 instaláronse 2.650MW eólicos mariños, chegando a unha potencia total de 19.000 MW. Neste momento  non so existen  parques mariños  fixos próximos a costa senón que a tecnoloxía permite a implantación de parques eólicos  con solucións flotantes en zonas profundas , superiores a 60 m e distantes da costa decenas de km e alleos a vista e a nós.

En Europa na actualidade o mar do Norte e o Báltico van a cabeza de eólica mariña.  Alemaña, Inglaterra, Estados Unidos e Australia están volcados na eólica flotante, e recentemente outros países como Franza ou Portugal xa instalan aeroxeradores flotantes no mar. En España  céntranse na eólica terrestre e parece que  desprezan as posibilidades de eólica mariña fixa do Mediterráneo ou a de eólica mariña flotante distante da costa no Cantábrico ou Atlántico (non se contempla no PNIES). 

Como cos parques eólicos terrestres novos vanse dar notables impactos, tanto o Goberno do Estado como o Galego  tiñan que contemplar a posibilidade de Plans de Ordenación de instalación eólica mariña e en especial eólica flotante  e ver a maneira de obter maiores beneficios para fins sociais. En  Galicia no litoral  e nas súas proximidades  está ben a  prohibición de instalar parques de eólica mariña fixa  - que se instala a profundidades inferiores a 60 m -  pero  seguro que a  eólica mariña flotante de profundidades superiores (centenares de m) poden ter un lugar. Localizada lonxe de nós, fora da vista, a 20, 30 ou 40 Km de distancia da costa ou incluso máis lonxe en zonas acoutadas pode ser a alternativa a eólica de terra e os impactos que xera. Chega unha superficie como a do concello de Fonsagrada no mar é dicir  pouco máis de 400 km2 para ter un parque eólico  dunha potencia equivalente a metade da potencia eólica actual  que temos en terra, no mar  o vento e mais regular, constante e  seguro e ofrece potencialmente máis xeración.  Non serve dicir que ocuparían zonas de interese no mar, pois temos un corredor marítimo de Fisterra que tamén ocupan os buques  mercantes  e ninguén o cuestiona. Nin tampouco serve dicir que provoca impactos  porque serian inferiores aos que se ocasionan en medios terrestres nos montes aquí.  Pero seria fundamental apuntalar a industria eólica asociada e non desmantelala como sucede na actualidade con Siemens-Gamesa. A industria naval e de componentes xogarian un importante papel  para fixar aqui o desenvolvemento da eólica, mediante plataformas, sistemas de amarre, palas, góndolas... @mundiario

A eólica galega engorda ás eléctricas españolas e a solar está discriminada
Comentarios