Buscar

É posible a coalición estatal de todas as forzas territoriais, soberanistas e cosoberanistas?

Unha coalición unitaria de forzas soberanistas e cosoberanistas para as eleccións europeas sería unha solución intelixente, malia que ben difícil. Porén, como adoita dicir Morgan Freeman, nunca poderemos saber que algo se podía facer até que alguén o faga.

É posible a coalición estatal de todas as forzas territoriais, soberanistas e cosoberanistas?
Eurocámara en Estrasburgo.
Eurocámara en Estrasburgo.

Firma

Xoán Antón Pérez Lema

Xoán Antón Pérez Lema

El autor, XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA, socio-director de Pérez Lema Avogados e Consultores y secretario general de Acouga, es abogado y analista político en MUNDIARIO, TVG y Radio Galega. Profesor en escuelas jurídicas. Ex jefe de gabinete de Presidencia de la Xunta con Pablo G. Mariñas y ex secretario general de Relaciones Institucionales con Anxo Quintana. @mundiario

A enxurrada extremista da Santa Alianza das dereitas españolas –tres partidos distintos nun só Aznar verdadeiro– constitúe un gravísimo perigo para as liberdades públicas individuais e para os dereitos nacionais de Galicia e das outras nacións do Estado. Unha candidatura unitaria para as eleccións europeas é moi precisa, malia que moi difícil polos egoísmos e curtopracismo dos partidos. Cómpre sumar para gañar.

O acordo acadado polo PP, Cs e Vox  para gobernar Andalucía amosounos o grao de consenso real da Santa Alianza da dereita extrema, unha e tripla a respecto da axenda a impornos,  que recolle grande parte das propostas reaccionarias de Vox: recurtes nas políticas sociais e de igualdade de xénero, política antinmigración e substancial recurte do autogoberno.

A ofensiva tripolar da Santa Alianza resposta basicamente ao obxectivo de recentralizar o Estado suprimindo a autonomía política e mantendo as CC.AA. como Mancomunidades provinciais para a xestión administrativa desconcentrada. Para Galicia, é a peor das escollas, a que garante a súa pobreza, dependencia e irrelevancia.

Para máis, a ofensiva coincide coa substancial mutación implícita que sofriu o marco constitucional-estatutario nos últimos tempos. Dende a Sentenza do Tribunal Constitucional que anulou substancialmente o Estatut catalán de 2006 e, sobre todo, dende a aplicación, no outono de 2017 e inducida directamente polo Xefe do Estado, do 155 que converteu un mecanismo xa desaquelado  na orixe,  de limitación temporal e sectorial do autogoberno, nun estado de excepción que derroga este autogoberno. Derrogación que hoxe o tripartito da dereita española (co apoio de parte do PSOE) quere facer eterna.

O perigo é  inminente. Estamos a falar, non só do dereito de autodeterminación, senón do dereito a un autogoberno limitado, hoxe negado de facto polas propostas da dereita tripolar e extremista, así como dos dereitos fundamentais e das políticas de cohesión e inclusión social e de igualdade de xénero, que queren limitar substancialmente, cando non suprimir. Cómpre reaxir.

E, malia que sexa comprensíbel que, para  as eleccións europeas, os partidos da plurinacionalidade estatal preparen cadansúa coalición (ERC con BNG e EHBildu no ámbito da Alianza Libre Europea, PNV co PdeCat e Compromiso por Galicia no ámbito do Partido Demócrata Europeo e Compromís co Mes das Illes Balears, a Chunta Aragonesista e outros, que mesmo quererían integrar á galega En Marea) os tempos esixen moita máis unidade, moita  máis estratexia local-nacional, estatal e europea e moito menos intereses de partido, como teñen sinalado nas últimas semanas  Xosé Antón Jardón, Arnaldo Otegi ou Ramón Cotarelo.

Certo é que tería un sentido especial que as forzas políticas e sociedade civil do Principat constituisen unha candidatura unitaria exclusivamente catalá, mais a apertura a opcións doutras nacións do Estado achega unha mensaxe de solidariedade coa reivindicación catalá de autodeterminación moi precisa arestora. Neste senso, é lóxico que o PNV olle con especticismo esta escolla, nunha conxuntura na que está a mellorar dende a súa centralidade as súas expectativas electorais, como reflicten as enquisas para as eleccións municipais e ás Xuntas Xerais bascas. Mais o trivote da Santa Alianza non vai ficar parado porque en determinados territorios ou espazos non obteña a maioría. O seu voceiro oficioso, Jiménez Losantos, ven de defender tamén a aplicación indefinida do 155 en Euskadi e Nafarroa. Porque veñen a por todos. Veñen tamén por nós.

Velaí que  unha coalición unitaria de forzas soberanistas e cosoberanistas para as eleccións europeas sexa unha solución intelixente, malia que ben difícil. Porén, como adoita dicir Morgan Freeman, nunca poderemos saber que algo se podía facer até que alguén o faga. @mundiario

loading...