A entrega do premio José Couso reivindica o papel dos medios públicos

Francisco X. González Sarria, Carlos Jiménez, Jorge Suárez, Tati Moyano e Xulia Díaz Sixto na conferencia de prensa do XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa. / Mundiario
Francisco X. González Sarria, Carlos Jiménez, Jorge Suárez, Tati Moyano e Xulia Díaz Sixto na conferencia de prensa do XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa. / Mundiario

O Teatro Jofre de Ferrol foi o marco elexido para o acto de entrega do galardón a Defende a Galega, conducido pola comunicadora Rebeca Collado.

A entrega do premio José Couso reivindica o papel dos medios públicos

Os comunicadores da CRTVG Tati Moyano e Carlos Jiménez, en representación de Defende A Galega, encargaronse de recoller en Ferrol o XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Jiménez asegurou que a de Defende A Galega "é unha reivindicacion de toda a sociedade, e este premio é unha forma de visibilizala".

Segundo informa o CPXG, Tati Moyano e Carlos Jiménez, dous profesionais da Compañía de Radiotelevisión de Galicia expedientados tralo seu apoio aos venres negros, participaron nunha conferencia de prensa posterior á recepción institucional no Concello de Ferrol en representación de Defende A Galega, XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Os comunicadores estiveron acompañados pola presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria, e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.

Carlos Jiménez salientou que a súa presenza en Ferrol non é "como individuos sino como representacion de moita xente que virá ao Jofre e outra que está a traballar". A de Defende A Galega, nas súas palabras, "é unha reivindicacion de toda a sociedade, e este premio é unha forma de visibilizala".

Tati Moyano, pola súa banda, agradeceu o premio "porque é o recoñecemento a un cadro de persoal que todos os venres reclama que se cumpra a Lei de Medios de 2011, coa creacion dun Consello de Informativos que garanta a liberdade de informacion".

"Os medios públicos", asegurou Moyano, "son os medios de todos os que queremos estar informados, que é un dereito fundamental". Neste sentido, realizou un balance positivo dos venres negros, que este Día da Liberdade de Prensa fan o número 50, "por ser un símbolo de unidade". 

Tamén houbo a tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’ de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde Sabela Direito, representante das novas xeracións de xornalistas, sería a encargada de ler o manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, redactado por ela mesma, que chama a "arrincar a esperanza dos brazos do conformismo" contra "unha práctica que conserva o nome" do xornalismo, "pero que nada ten que ver nin cos principios, nin cos valores da profesión mesma".

O Teatro Jofre foi o marco elexido para o acto de entrega do galardón, conducido pola comunicadora Rebeca Collado. No transcurso da gala, a xornalista Patricia Hermida foi encargada de dar lectura a un texto realizado en nome da organización do certame, que reivindica un xornalismo valente e feminista. 

A candidatura premiada

Segundo informa tamén o CPXG, o 25 de maio de 2018, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaban a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións que están a piques de facer un ano e que se popularizaron a través dos cancelos #DefendeAGalega e #VenresNegros. Con elas, queren chamar a atención sobre "a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais".

Defende A Galega sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. @mundiario

Comentarios