A enerxía solar está estancada en Galicia, e a eólica, disparada e sen control

eolica_galicia
Parque eólico en Galicia. / Pixabay.
Galicia sigue estando entre as tres últimas comunidades do Estado por potencia e xeración solar. As eléctricas son as donas do territorio, e algunhas ate se atreven a iniciar obras sin completar documentación mentres a administración mira para outro lado.
A enerxía solar está estancada en Galicia, e a eólica, disparada e sen control

As instalacións solares en Europa medraron da orde do 21% no ano 2018 con relación ao ano anterior. Na Unión Europea a taxa de crecemento solar foi maior, chegando ao 37% con Alemaña a cabeza e unha potencia de nova instalación de 2,96 Gigawatios (Gw). Nos Países Baixos  aumentaron a potencia en 1,4 Gw. No Estado Español  a instalación solar no ano pasado era once veces menos en potencia que a de Alemaña, exactamente 0,26 Gw, pero sempre dirán que o aumento respecto do ano 2017 foi do 94%. A situación de Galicia é ben distinta porque a potencia solar instalada é mínima e xa estabamos e seguimos estando nos últimos postos do Estado, pasamos de ter  30Mw no ano 2017 a 39,95 Mw  na actualidade e si utilizamos as unidades arriba apuntadas medramos a ridícula  cantidade de 0,00995 Gw. 

Potencia e xeración eléctrica solar.

A mediados do 2019 tiñamos unha potencia solar fotovoltaica de 39,95 MW cando o Estado Español alcanzaba 4.466 MW de fotovoltaica e 2.304 Mw de solar térmica. A fotovoltaica galega representaba unicamente o 0,36% da potencia eléctrica galega.  No ano 2018 catro comunidades (Castilla-La Mancha, Andalucía, Estremadura e Castilla-León) tiñan o 61% da potencia fotovoltaica instalada do Estado e dúas (Andalucía e Estremadura) tiñan o 80% da potencia térmica, Galicia  estaba e sigue estando entre as tres últimas comunidades do Estado por potencia e xeración solar (fotovoltaica e térmica).

A xeración solar bruta de electricidade en Galicia   representaba no 2017 o 0,25% do total fotovoltaico do Estado, no ano 2018 a situación é similar e incluso algo inferior 0,23% (fonte Re Eléctrica de España, REE ). A xeración eléctrica galega o ano pasado por todas as fontes chegou a 31.312 Gigawatioshora (Gwh), pero a produción solar foi unicamente de 18 Gwh. Esta situación non se xustifica aducindo que aquí temos poucas horas de sol, o cal é falso,  a captación solar media alcanza máis de 1.100 horas equivalentes  (factor de capacidade medio anual) e tan so é a  metade da capacidade que alcanza a  enerxía eólica ou a hidráulica e destas somos  potencias en produción eléctrica. Ademais  o tema nunca  é de horas de sol senón de vontade política e interese económico e social, pois Alemaña con moitas menos horas de sol que España é o primeiro produtor solar da UE chegando a multiplicar por dez a potencia do Estado e outros países como Inglaterra multiplícana por tres e incluso Holanda e  Bélxica  non están lonxe da potencia solar do Estado Español.  

 Mentres a enerxía solar apenas conta aquí, a Xunta de Galicia difundía estes días nos medios de comunicación que o seu complexo administrativo en Santiago de Compostela  instalara 1.173 paneis fotovoltaicos  para cubrir o 15% do consumo dos edificios de tres consellerías e pretendía dar exemplo para incentivar a sutentabilidade, aproveitar os recursos autóctonos, e potenciar as renovables... Estes xestos da administración pretenden anular ou disimular o nulo interese que ten polo tema solar, xa que  apostou pola enerxía eólica dirixida polas grandes empresas eléctricas. Non importa que os custes ambientais das eólicas sexan maiores que os da solar e tampouco importa que non se poda consumir toda a electricidade que se xera e que se exporte de Galicia o  34,8% do total como sucedeu no 2018 -segundo REE-.

A enerxía eólica disparada.

Teñen presa as multinacionais, e no ano 2019 instalaranse en Galicia  20-25 parques eólicos (o máximo fora no 2005 con 18).  Temos unha potencia eólica  que representa o 14,6% do total do Estado, e xera  en Galicia o 31% da electricidade total,  está a cabeza de Europa  unicamente superados por Dinamarca que produce o 34% da electricidade con orixe eólico, séguenlle Portugal 26%, Alemaña e Irlanda 24%,  Suecia 15%, Gran Bretaña 14%, Grecia 10%, Franza  8%, Italia 7%...  Aínda así e seguramente pretendendo superar a Dinamarca antes de que finalice o 2019 aumentará a potencia eólica instalada nun 15% e a Asociación  Empresarial Eólica (AEE)  prevé que se instalaran no territorio galego un total de 23 novos parques con 500 Mw de potencia, a maioría na provincia de Lugo,  chegando a unha potencia total de 4.000 MW en 184 parques con 4.100 muiños eólicos.

Non importa que se inzen os montes de aeroxeradores e liñas de alta tensión e novas pistas, que se altere a paisaxe e se poña en perigo flora e fauna autóctona e se afecte a  xacemos arqueolóxicos e asentamento fortificados da idade do ferro (Parque Mouriños entre Zas e Bergantiños). Non importan as protestas a estes parques de veciños nin de organizacións de defensa da natureza. Neste mes os veciños de Bergantiños e Santa Comba movilizaronse en contra dun novo megaproxecto eólico da empresa Greenalia Wind Power  que pretende instalar antes de fin do 2019 da orde de 110 MW de nova potencia repartidos en tres parques: Campelo (potencia 42 Mw e 11 muiños), Bustelo (46,2 Mw con 11 muiños) e Monte Toural (21 Mw e 5 muiños), proxectos redactado anos atrás cando a potencia eólica era de menos de 1 megawatio e aeroxeradores de 40 m de altura  e agora son de 4 megawatios e 112 m de alto e rotor de 136m. Pretenden colocalos  relativamente próximos a zonas de gran importancia ecolóxica con bosques, lagoas catalogadas, fervenzas...e mesmo zonas habitadas.

Non é o único caso de preocupación, recentes están as protestas ante o Parque eólico do Oribio na zona de Samos  nun espazo natural protexido da área Ancares-Courel,  Parque eólico da Serra do Monciro (Naturgy) en Castroverde, Parque de Paradela (Enel Green Power/Endesa), Parque eólico de Mouriños (Naturgy)...as empresas  instalan hoxe parques case onde queren mesmo en Rede Natural 2000, nas zonas ou proximidades da Ribeira Sacra ou Camiño de Santiago. A Xunta de Galicia permíteo e xustifícao porque moitos parques tiñan autorización de anos atrás – dez ou quince- pero aquiles parques nada tiñan que ver cos actuais. As eléctricas son as donas do territorio, e algunhas ate se atreven a iniciar obras sin completar documentación mentres a administración mira para outro lado, non importa a destrución da natureza, de camiños reais, mámoas...

 Para rematar dicir que aquí falta rumbo e vontade política. Frente a enerxía eólica centralizada dirixida por multinacionais  -causantes de problemas ambientais que son tamén económicos, sociais e culturais e que se amplificaran no futuro -, temos na actualidade a gran posibilidade de instalar enerxía solar fotovoltaica descentralizada e a baixo custo -nunha década os paneis solares baixaron o prezo nun 90-95%- e mesmo pódese xerar electricidade sen destruír nin  ocupar territorio -nos tellados das vivendas, granxas, naves e polígonos industriais-. Hoxe os paneis solares teñen unha eficiencia do 19-21%  cando antes estaba no 15% e experimentalmente laboratorios americanos e centros de investigación suízos conseguiron alcanzar unha eficiencia do 35,9%. Por si fora pouco  existen paneis solares que poden aproveitar a enerxía das gotas de choiva cunha eficiencia do 7% idóneos nun país como o noso...

Urxe que o Goberno galego se involucre, frene as multinacionais eólicas e protexa o país potenciando a enerxía solar. @mundiario

  

A enerxía solar está estancada en Galicia, e a eólica, disparada e sen control
Comentarios