Endesa pecha en León e Teruel pero non en As Pontes, o complexo máis contaminante

Central térmica de As Pontes.
Central de As Pontes.

As emisións de As Pontes, de 8,11 millóns de toneladas de dióxido de carbono, son moi elevadas considerando que en Galicia emítense menos de 30 millóns de toneladas/ano. Por mor das térmicas de As Pontes e Meirama, Galicia representa o 11,67% das emisións de dióxido de carbono, e está no terceiro posto por comunidades.

Endesa pecha en León e Teruel pero non en As Pontes, o complexo máis contaminante

Endesa anuncia o peche de centrais térmicas en León e Aragón cando debería pechar As Pontes, o complexo máis contaminante. Nese senso, Endesa ven de informar de que presentou o día 19 deste mes a solicitude  formal de peche para as centrais térmicas de carbón  de Compostilla (León) e Andorra (Teruel), dada a imposibilidade de cumprir cos límites de emisión que entrarán en vigor o 30 de xuño do 2020. Peche e desmantelamento que  se prolongará entre 4 e 6 anos.

En paralelo a solicitude de peche Endesa presentou plans de futuro onde prevé desenrolar  ate 1000 MW de nova capacidade fotovoltaica na zona da central de Andorra, con inversión de mais de 800 millóns de euros e outros proxectos fotovoltaicos de 300 MW en Ponferrada con inversión de 240 millóns. Proxectos que se suman aos anteriormente previstos en enerxías renovables con 513 MW eólicos en Aragón e  e 20 MW eólicos en Castilla-León con inversións conxuntas de 520 millóns de euros. Ao tempo di que respectara os postos de traballo de 166 empregados no caso da central térmica de Compostilla e 153 en Andorra.

A xustificación de Endesa polo peche é fundamentalmente de rendibilidade económica   ao non ver claro que as grandes inversións que precisa teñan retorno “interesante”, xa que para adaptarse  a nova Directiva de Emisións Industriais (DEI) comunitaria con límites máis esixentes as emisións contaminantes (2020) e aos novos límites BREF mais esixentes (agosto do 2021) precisaría grandes inversións e prefire outros negocios (en renovables por exemplo) teóricamente mais rendibles.

Pero  podemos preguntarnos como é a contaminación da central térmica de Compostilla e Andorra con relación a central térmica de As Pontes (Endesa)  ou  Meirama (Naturgy, antes Fenosa), xa que todas utilizan hulla subituminosa e lignito negro como combustible principal. Con relación aos Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), as emisións de Dióxido de Carbono - principal GEI - na central de Andorra alcanzaron no 2017, segundo o Rexistro de Emisións PRTR un total de 4,8 millóns de toneladas (t), na térmica de Compostilla 2,8 millóns,  mentres  na central térmica de  As Pontes as emisións superan as dúas centrais xuntas e alcanza 8,11 millóns de toneladas e mesmo Meirama aproximase a Compostilla en emisións con case 2,4 millóns de toneladas.  Con relación as emisións en Metano, gas tamén de efecto invernadoiro, as maiores emisións son de As Pontes con 36,3 t , síguelle Andorra con 32,1 t  e Meirama con 13,4 t , calquera delas supera a Compostilla.

Queda claro que Endesa ao elixir Andorra e Compostilla  atrasa o proceso de descarbonización xa que tería que empezar polos focos mais contaminantes e maiores emisores e sen dúbida a central térmica de carbón de As Pontes non so é o mais contaminante de Galicia  senón do Estado. As emisións de As Pontes  de 8,11 millóns de toneladas de Dióxido de Carbono son extremadamente  elevadas considerando que en  Galicia emítense menos de 30 millóns de toneladas/ano  por todas as fontes: centrais  térmicas, refinería, industrias diversas, transporte, vivenda, comercio, hospitais... Por mor das térmicas de As Pontes e Meirama, Galicia representa o 11,67% do total das emisións de dióxido de carbono do Estado, e está no terceiro  posto por comunidades.

Para os que defenden a ultranza os postos de traballo e as térmicas de carbón, pódese dicir que pechar algo non ten por que ser necesariamente traumático sempre que o peche conleve Plans de Futuro alternativos e con inversións adecuadas que non so conservan os postos de traballo das industrias que pechan senón que parece que os implementa en novos proxectos como o que  Endesa anuncia, falta so  que estes plans se apliquen e para eso está ou debe estar o Goberno. Sen dúbida as renovables son a alternativa  ao carbón e estas xa contaminaron demais. @mundiario

Comentarios