Endesa, Iberdrola e Naturgy fórranse á vez que os consumidores sofren

Portada da revista Tempos Novos. / Mundiario
Portada da revista Tempos Novos. / Mundiario

As tres compañías eléctricas que cuase monopolizan o mercado español, Endesa, Iberdrola e Naturgy / Gas Natural Fenosa, rexistran por ano beneficios superiores aos 5.000 millóns de euros. ¿Debe recuperar o Estado a responsabilidade sobre a planificación enerxética?

Endesa, Iberdrola e Naturgy fórranse á vez que os consumidores sofren

Endesa, Iberdrola e Naturgy –as tres eléctricas que cuase monopolizan o mercado español– fórranse á vez que os consumidores sofren. Pero por encima quéixanse. As sucesivas subidas do prezo da electricidade sempre veñen acompañadas por campañas publicitarias que difunden o mantra de que as compañías eléctricas perden diñeiro en España, e que se sobreviven é grazas aos seus negocios no estranxeiro, segundo constata o informe titulado Estafa enerxética que publica a revista Tempos Novos. "Algo totalmente falso", suliña esta publicación que dirixe o xornalista e profesor Luís Álvarez Pousa.

Para Tempos Novos, é lexítimo que as empresas que participan no sistema eléctrico español consigan beneficios derivados da súa actividade. "Pero tamén o é preguntármonos se eses beneficios son razonables. Non en van esas compañías operan nun sector estratéxico regulado polo Estado, e determinan o acceso dos consumidores á electricidade, un ben básico que ata hai uns poucos anos era considerado un servicio público", opina esta revista galega.

Os expertos / colaboradores de Tempos Novos, Xoán R. Doldán García ("A ilusoria competencia do mercado eléctrico") e Rosa María Regueiro Ferreira ("O potencial desenvolvemento eólico") profundizan nas causas desta situación e apuntan alternativas.

A revista coida, por exemplo, que abonda con detectar os efectos da evolución  oferta/demanda para advertir a existencia de grandes fallas no sistema: mentres se produce un desgarro no bolsillo dunha cidadanía que sufre os rigores da crise, as compañías eléctricas –e especialmente as tres que cuase monopolizan o mercado: Endesa, Iberdrola e Naturgy/Gas Natural Fenosa– rexistran por ano beneficios superiores aos 5.000 millóns de euros. "Pese a iso, o prezo do produto non deixa de subir –ata case un 25% nos últimos seis anos– malia que a súa demanda non deixa de baixar –ata un 30% de menor consumo nese mesmo periodo de tempo–. Agás as illas de Irlanda e Chipre, non hai en Europa ningún país no que o prezo da electricidade supere no ámbito doméstico ao existente en España", conta tamén Tempos Novos.

Completa este informe titulado Estafa enerxética unha entrevista a fondo con Jorge Fabra Utray, un dos máis reputados especialistas no mercado eléctrico, cofundador de Economistas Frente a la Crisis, que se manifesta moi crítico co oligopolio eléctrico.  "Os consumos básicos –asegura– deben ter prezos alcanzables, e as actividades económicas non deben ver penalizada a súa competitividade por custos que non se corresponden cos de produción".

Noutra parte da entrevista, Jorge Fabra Utray afirma o seguinte: "Este é o xogo da economía. As empresas deben tentar aumentar as súas marxes de explotación. O Estado debe garantir que tal cousa se faga sen recorrer a prácticas fraudulentas, tais como a alteración artificial dos prezos. Todos os axentes deben defender os seus intereses. Ao Estado correspóndelle defender os intereses xerais. As empresas son moi eficientes, mais o Estado non o está sendo tanto na defensa dos intereses que lle corresponde defender. Empezando pola deficiente regulación do sector eléctrico, cuxa reforma é urxente dende hai xa moitos anos". Chega á conclusión de que "o Estado debe recuperar a responsabilidade sobre a planificación enerxética". @mundiario

Comentarios