Kale borroka en Ence para se manter ocupando o dominio público na ría de Pontevedra

Fábrica de Ence, industria contaminante.
Fábrica de Ence, unha industria contaminante.
Co Goberno en funcións, Rajoy prorrogou ilexítimamente no 2013 e ate 2063 a concesión para seguer a ocupar terreos de dominio publico na ría.
Kale borroka en Ence para se manter ocupando o dominio público na ría de Pontevedra

Só a medio da represión (ducias de mariscadoras foron prendidas e algunhas botadas ao cárcere) e da vía de feito propias da ditadura franquista foi posíbel a ocupación  no 1958 de grandes e moi produtivas extensións de terreo de dominio público marítimo-terrestre na ría pontevedresa para construir unha celulosa promovida por unha empresa pública, despois privatizada. Esta celulosa fornecía e fornece dunha primeira transformación ao eucalipto galego, sen que nunca se construise unha integración produtiva con ulteriores transformación que lle desen valor á cadea, como si fixeron outras madereiras. É dicir, os gaños para Ence e as perdas para os pontevedreses, tanto a xeito dos  gravísimos custos ambientais que xera a celulosa como da servidume de non poder usar estes terreos públicos para outras finalidades social, ambiental, urbanística e económicamente máis úteis.

Dende 1999 Miguel Anxo F. Lores (BNG) é alcalde de Pontevedra, desenvolvendo un proxecto de cidade exitoso. O peche da actividade industrial de Ence no seu emprazamento actual foi e é parte esencial deste proxecto e da axenda política e social do alcalde, do goberno local e da ampla maioría da ciudadanía pontevedresa que ven anovando o amplo apoio ao BNG e aos seus socios de goberno dende 1999.

Velaí que Ence declarara a guerra á cidade de Pontevedra, producíndose nestas últimas datas accións violentas abertamente delictivas que chegaron á agresión física ao alcalde Lores e outros cargos municipais. Accións que contaron coa comprensión e falla de condena clara do PP e, quizais, cunha tolerancia policial que adoitamos non ver noutros conflitos.

O goberno Rajoy, de xeito abertamente ilexítímo por estaren en funcións, aprobou hai agora cinco anos unha prórroga até 2073 da concesión de Ence a respecto dos terreos de dominio  público que ocupa, que ía rematar no verán de 2018. O artigo 18 do proxecto de lei estatal para a Transición Enerxética quere reducir a un máximo de 75 anos as concesión desta caste de terreos de dominio público, co que a concesión de Ence remataría no 2033.

Ence tenta estas semanas confundir á opinión pública comparando o seu caso co doutras empresas galegas que si precisan do acceso ao mar e, xa que logo, da supresión deste malfadado artigo 18 deste proxecto lexislativo. Mais Ence pode trasladar a súa actividade a outro lugar. Outra cousa é que prefira seguer a chuchar sen causa dos recursos públicos e non enfrontar unha lóxica de mercado na retribución dos seus factores produtivos.

Ence quere tamén asociar o seu problema ao de desinvestimentos que atinxen actividades que si son estratéxicas, como a fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao ou a de ferroalacións de Ferroatlántica en Cée. A actividade de Ence é viábel fóra da ría de Pontevedra e, no nunca demostrado suposto de non selo, o que cumpriría é un rigoroso plan público-privado para a desmontaxe da factoría, rexeneración dos terreos e desenvolvemento das novas actividades produtivas que enfrontasen os efectos no emprego do eventual peche da factoría de Lourizán. @mundiario

Comentarios