Ence e Finsa son privilexiadas pola Xunta, que esquece ás industrias con valor engadido

Fábrica de Ence en Pontevedra. / Fiveprime
Fábrica de Ence en Pontevedra. / Fiveprime

Coa política da Xunta, dous importantes grupos industriais saen ganando, Ence e Finsa, e moitos outros perxudicados. ¿Interesa máis seguir aumentando a produción madeireira  ou centrarse na industria da transformación? Análise –a fondo– da política forestal en Galicia.

Ence e Finsa son privilexiadas pola Xunta, que esquece ás industrias con valor engadido

A metade da madeira que se corta no Estado procede de Galicia, que é a novena potencia forestal europea. Pero Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana, con moito menos peso na produción forestal, teñen maior numero de empresas centradas na industria da madeira e na fabricación de mobles. Mentres  Cataluña representa o 15,9%, Andalucía o 14,2% e a Comunidade Valenciana o 12% , Galicia  chega so ao 8,2%, sendo superada mesmo pola comunidade de Madrid.

As cifras evidencian que somos importantes na primeira transformación da madeira, xerando o 40% da madeira serrada do Estado, o 60% dos taboleiros e chapas, o 20% de pasta de papel, pero non é asi cando consultamos as cifras nas industrias de segunda transformación (carpintería, mobiliario...): aquí non superamos o 8% do total. Mentres que no 2017, Cataluña e a Comunidade Valenciana  lideraron no Estado  a exportación de mobles representando a metade do valor  deste comercio,  Galicia pola contra,  so representa o 11%  (despois de aumentar a venta un 18,6% respecto do 2016). O valor das exportacións de mobles dende Galicia alcanzaba 232 millóns de euros, cando en Cataluña  se superaban os 575 millóns e na Comunidade Valenciana os 464 millóns.

Resulta curioso que  Castilla-La Mancha teña maior número de fábricas de mobles que Galicia e que outras comunidades como Murcia, País Vasco e Castilla- León mesmo se aproximen en número  ao noso país, cando non se pode comparar a produción madeireira de Galicia coa destas comunidades. Ademais representamos so  o 8,1% do total de traballadores en alta na Seguridade Social no sector da madeira e moble (ano 2015). 

Galicia esta especializada na produción de produtos intermedios –celulosa, taboleiros, madeira serrada– pero ao non ter unha  industria forte de carpintería, mobles, ebanistería, envases, fabricación de papel e cartón, artes gráficas… perdemos un importante valor engadido.

A industria de segunda transformación, comparada coa primeira transformación, consumiría menos enerxía, auga e materias primas, produciría menos contaminación e daría mais postos de traballo e mais valor engadido, pero hoxe esta industria está fora do país galego.

Aínda que somos unha potencia madeireira non se logrou que se completen os ciclos nin que se desenvolva unha industria da madeira e do moble acorde coas nosas posibilidades, necesidades e producións. Tan so transformamos dentro de Galicia o 20% da madeira serrada, o 30% dos taboleiros e chapas e menos do 1% da pasta de celulosa, ou o que é o mesmo sae fora de Galicia e exportamos o 80% da madeira serrada, o 70% dos taboleiros e chapa e o 99% da pasta de celulosa sen contar o case millón de m3 de  madeira en bruto.

¿Interesa producir ou transformar?   

A pregunta hoxe podía ser: ¿interesa máis seguir aumentando a produción madeireira  ou centrarse  na industria da transformación?

O Plan Forestal da Xunta, na sua revisión, pretende profundar na produción de madeira de baixa calidade e crecemento rápido, pretende un modelo de monte que da prioridade ao eucalipto, as coníferas e a industria de celulosa e taboleiros. Pero moitos pregúntanse: ¿vai o Goberno de Galicia na dirección correcta? ¿É necesario aumentar a produción de materia prima barata con altos custos sociais, ecolóxicos e económicos (incendios por exemplo)  cando o verdadeiro valor,  a riqueza,  os postos de traballo, a  sostenibilidade e o futuro  están  na industria de transformación e no bosque autóctono?

Galicia está diante dun plan forestal sen futuro, con moita madeira e pouca industria

Como o Goberno galego non atende a razóns, vexamos a continuación unha mostra das posibilidades perdidas:

> A industria da madeira da Estrada, referente a nivel galego pola sua importancia, despois da guerra civil utilizaba a madeira de frondosas autóctonas dos montes da zona ou das ribeiras dos ríos: carballo, castiñeiro, bídalo, salgueiro, ameneiro, freixo, nogueira, cerdeira, buxo...  a industria do moble na Estrada chegou a ter o 12% da poboación ocupada do concello. Pero a partir dos anos 60 nótase a falta de madeira  destas árbores e a inexistencia de  repoboacións de autóctonas – salvo excepcións– polo que os serradoiros da comarca que traballaban con castiñeiro e carballo, entre outras madeiras, ao reducirse a materia prima acaban por importar madeira de calidade  ou modificar a sua estrutura e mesmo pechar. Así reduciuse o número de serradoiros da zona en máis da metade, ate o extremo que a principios deste século so destacan cinco serradoiros dedicados a piñeiro e eucalipto, tendo como resultado  a perda de postos de traballo.  

> A industria do moble da Estrada que tiña gran importancia tamén no conxunto da comarca Tabeirós-Terra de Montes e mesmo en Cuntis ou Silleda basease na sua maior parte  nunha materia prima de frondosas autóctonas e nunha produción de calidade,  a sua vez directa ou indirectamente tiraba e potenciaba outros sectores ou actividades económicas como as relacionadas coa tala de arbolado, empresas de transporte,  asesoría fiscal e laboral, formación, publicidade... No ano 2003 o sector do moble na Estrada representaba o 73% do peso da industria local, pero foi minguando e so nos últimos 6 anos a industria da madeira perde o 8% da man de obra, cando xa perdera antes serradoiros, carpinteiros, artesáns...

> A pesar de ter todo en contra sobreviviron na Estrada empresas familiares, hoxe punteiras e modernas – exemplo do que pode dar de si o sector do moble–  que compiten a nivel internacional  e  seguen competindo  coas multinacionais  nórdicas en calidade, deseño e bo facer como demostra o feito de amoblar en moitos países tendas de moda (Inditex), hoteis de grandes cadeas (Hilton), e outras empresas en Oriente Medio... ademais de vender no mercado propio. Pero é a excepción que citamos podía amplificarse e converterse en  norma si  o Goberno galego tivese  os pés na terra e gobernase non en función dos intereses do Estado senón en función dos intereses galegos.

E digo intereses do Estado, porque a revisión do Plan Forestal  do PP-PSOE para os próximos 20 anos vai  profundar no erro.  España necesita máis madeira para as celulosas e fabricas de papel, Bruxelas igual, aprema – ademais de axudas e subvencións– co abandono de terras agrícolas e forestación ainda que sexa en zonas de gran interese ecolóxico pero sen arborado porque é gran deficitaria en madeira  e aquí, disciplinados e mansos estamos ao seu servizo, o Goberno a cabeza, dando total prioridade a unha política forestal  allea, errónea  e  centrada en especies australianas e californianas, mentres dous importantes grupos industriais  saen ganando, Ence e Finsa, e moitos outros perxudicados.  

> Pero Galicia ten posibilidades de producir madeira de calidade  codiciada e valorada en calquera país do mundo. Ten posibilidades que outros non teñen e non aproveitalas é inxustificable. Temos posibilidades de  cerrar os ciclos da madeira e potenciar industrias  menos contaminantes que as xa citadas e xeradoras de moitos máis postos de traballo. O Goberno elixiu un modelo con gran impacto e de consecuencias coñecidas , pero existen outros  modelos, poñelos a proba sería hoxe imprescindibel. @mundiario

Comentarios