A empresa pública Sogama non da exemplo, contamina tanto como a empresa privada

Isidro García Téllez. / Mundiario
Isidro García Téllez, director general de Sogama. / Mundiario

A responsabilidade da Xunta é grande, si quere achegarse aos obxectivos da Unión Europea. A incineración non ten sentido e moito menos si queren deixar de emitir contaminantes tóxicos e perigosos. Pouco exemplo da a empresa pública sobre o tema da contaminación

A empresa pública Sogama non da exemplo, contamina tanto como a empresa privada

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) defínese como unha empresa pública autonómica adscrita a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. En realidade é unha empresa mixta onde a participación da Xunta de Galicia é do 51% e o restante 49% pertence a Naturgy, ate fai poucos días coñecida como Gas Natural Fenosa Renovables.

Segundo información publica de Sogama, cuxa base principal é Cerceda (A Coruña), o modelo fundamentase no principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que se complementa coa incineración para producir electricidade.

O proxecto tivo dende o principio un gran interese da empresa eléctrica Fenosa xa que ia producir electricidade a partir da preparación e incineración do lixo. Na actualidade Sogama presume da súa produción eléctrica que supera o medio millón de Mwh/ano en tres plantas, unha planta termoeléctrica de 50 MW, unha planta de coxeración de 22MW e unha planta de Biogás.

O complexo estaba ate agora dimensionado para tratar 500-550.000 toneladas/ano pero a el chegan 900.000 toneladas (por tren so a metade e no 2016 era o 25%), polo que a diferencia terían que destinalo a un vertedoiro de 47 hectáreas de superficie: O depósito
temporal de Areosa. Para solucionar a capacidade teñen obras para ampliar o complexo ate un millón de toneladas, para o que a Xunta vai inverter 29 millóns de euros.

Os datos de xestión de residuos urbanos do ano 2017 aportados pola empresa indican que reciclou 99.206 toneladas de lixo, mandou a vertedoiro 252.355 toneladas e incinerou para producir electricidade 550.278 toneladas, é dicir que de 901.839 toneladas que chegan a Cerceda tan só reciclan o 11%, mentres que mandan a vertedoiro controlado o 28% do total, e queiman ou incineran o 61% dos residuos sólidos urbans.

Quedan claras as prioridades e os intereses da planta, mentres no Estado se recicla e composta o 30% do lixo, na Galiza en Sogama o 11%, mentres no Estado se incinera o 13% do lixo aquí aínda considerando a recollida selectiva estamos por riba do 50% e en Sogama en particular no 61% . Neste complexo incinerase a quinta parte ( 20,6% ) de todos os residuos sólidos urbans que se incinera no Estado.

Con relación a media de reciclaxe e compostaxe da Comunidade Europea tamén estamos moi afastados, mentres en Europa é do 47% aquí en Sogama é do 11% e anos atrás aínda foi moito menos. Pretender cumprir os obxectivos do 50% de reciclado que obriga a UE para o 2020 (Directiva 2008/98/CE) parece tarefa imposible.

COMPARACIÓN DO TRATAMENTO DO LIXO

  UE ESPAÑA

GALIZA

(Sogama)

Reciclaxe/compostaxe 47% 30% 11%
Vertedoiro 25% 57% 28%
Incineración 28% 13% 61%

 

Pero moitos moitos cidadáns pregúntanse: ¿Contamina unha empresa creada para evitar a contaminación do lixo? ¿De onde procede a contaminación que xera? ¿Como unha empresa que recibiu decenas de millóns de Fondos de Cohesión Europeos pode despois de 20 anos reciclar tan pouco e seguir contaminando?

Vexamos a contaminación do Complexo Medioambiental de Cerceda. So a incineradora, a planta termoeléctrica do complexo, emite: óxidos de nitróxeno, partículas, monóxido e dióxido de carbono, dióxido de xofre, clorhídrico, fluorhídrico, dioxinas e furanos, compostos orgánicos volátiles, cadmio, mercurio, níquel, zinc, chumbo...

No Rexistro de Emisións Contaminantes do Estado, PRTR e para o ano 2016 figuran as emisións da incineración dos resíduos domésticos ou municipais:

> Emisións a atmósfera: Óxido de nitróxeno : 372 toneladas. Óxido nitroso: 14,7 toneladas. Mercurio: 11,8 quilogramos. Níquel : 51,3 quilogramos. Ademais de dióxido de carbono que non cuantifica o PRTR posiblemente por non chegar as emisións ao limiar de declaración que é de 100.000 toneladas /ano e o mesmo sucede para o chumbo que ten un limiar de 200 kg/ano e para outros
contaminantes.

> Emisións a auga: Arsénico : 10 quilogramos. Fenois: 72 quilogramos. Non cuantifica mercurio, cadmio... A estas emisións da incineración temos que engadirlle as correspondentes ao vertedoiro de lixo coñecido como Depósito Temporal de Areosa. No Rexistro PRTR, ano 2016, último publicado, figuran 9.850 toneladas de metano, gas de efecto invernadoiro e un dos responsábeis do cambio climático. As emisións do ano 2016 son tres veces superiores as correspondentes ao ano 2007.

A incineración non so emite sustancias prexudiciais para a saúde (produtos canceríxenos, danos para as vías respiratorias e pulmóns, compostos implicados en problemas cárdeo-respiratorios, ictus, diabetes...) ademais ten baixa eficiencia enerxética, altos custos, destrución de sustancias aproveitábeis, impacto nos ecosistemas e no clima e o que é mais importante volvese un obstáculo ao reciclado.

Na Unión Europea chegaron a conclusión de que unha taxa alta de incineración pode dar lugar a menores niveis de prevención, reutilización e reciclado, polo que intentan modificar o erro cometido ate agora e ademais de frear as subvencións propoñen na actualidade un modelo mais sostible coñecido como economía circular con obxectivo de reutilización e reciclado de residuos domésticos e políticas de residuos cero. Propoñen reutilizar/reciclar para o ano 2025 un mínimo do 55% do lixo e para o 2035 reducir o 10% dos residuos sólidos urbans, seguramente estas propostas necesitan e mesmo obrigaran a reformar ou reformular Sogama de novo, polo que non valerá unha ampliación que está en marcha onde a incineración é o obxectivo e volve quedar por diante e maioritaria con diferencia respecto da reciclaxe.

A responsabilidade da Xunta é grande, si quere achegarse aos obxectivos da Unión Europea. A incineración non ten sentido e moito menos si queren deixar de emitir contaminantes tóxicos e perigosos. Pouco exemplo da a empresa pública sobre o tema da contaminación, non é de estrañar despois o pouco intres que mostra a empresa privada por diminuír as emisións. Teñen un exemplo onde mirar e copiar. @mundiario

 

Comentarios