As compañías eléctricas non admiten recortes e sempre ganan ante un Goberno feble

Francisco Reynés. / Mundiario
Francisco Reynés. / Mundiario

Con permisividade e medo a danar a conta de resultados das multinacionais eléctricas, vai ser difícil para o Goberno conseguir algo no sector eléctrico, xa que está unido e de fronte. Mesmo Naturgy  xa se apurou a ameazar con frear inversións en infraestruturas gasistas.

As compañías eléctricas non admiten recortes e sempre ganan ante un Goberno feble

Dentro dos obxectivos enerxéticos da Unión Europea  figura que no ano 2020 debe darse un 20% de mellora na eficiencia enerxética e no ano 2030 un 32,5%. O Estado Español pretende ir máis alá, o “Plan Nacional Integrado de Energia y Clima 2012-2030” planifica unha mellora na eficiencia enerxética do 39,6%. Mentres as empresas eléctricas que nunca tiveron interese no tema de busca de eficiencia e diminuír perdas no transporte e distribución de electricidade seguen impasibles a este interese do Goberno, e todo indica que seguirán así.

O venres 5 de xullo, a CNMV– “Comisión Nacional de los Mercados y de la Competencia”- fixo pública unha proposta de recortes  dos ingresos regulados que reciben as compañías enerxéticas pola inversión en redes eléctricas e gas. Os recortes nas empresas eléctricas afectarían ao transporte e distribución para o próximo período regulatorio 2020-2025, serían do 7% para a retribución que reciben pola distribución, e outro 8,2% as grandes redes de transporte eléctrico. Quedaría fixada a retribución por distribución en  5.455 millóns para un período de 5 anos  e en transporte 1.656 no mesmo período. Ao mesmo tempo  Red Eléctrica de España, REE, empresa participada polo Goberno é  transportista único en alta tensión en réxime de exclusividade e operador do sistema  incrementaría a súa retribución como xestor e operador nun 21,6%.

Os cambios parece que non serian bruscos para contentar as eléctricas, supoñería un recorte de 188 millóns no primeiro ano e 340 millóns/ano máis adiante só polas actividades de transporte e distribución de enerxía eléctrica, cantidades que aínda moi considerables son pouco importantes tendo en conta as cifras que manexan, mesmo no 2016  só cinco grandes distribuidoras Naturgy -antes Gas Natural  Fenosa-, Iberdrola, Endesa, EDP -Hidrocantábrico e  EON-Viesgo recibiron  4.734 millóns por estes conceptos, cifra que  representa o 91,7 % do total repartido polo Goberno nese ano, mentres 300 pequenas empresas distribuidoras so recibiron  o 8,3% do total.

Do Informe da CNMV pódense extraer polo menos tres carencias:

1. A CNMV non fai ningunha referencia a necesidade de maior eficiencia das eléctricas. As perdas eléctricas no transporte -42.045 Km de liñas aéreas- e distribución son moi elevadas alcanzando no 2017 da orde do 9,7% só no transporte - normalmente oscilan entre o 8-10%  do total -, mesmo o Banco Mundial  daba no ano 2014  perdas de distribución en España do 10%. A Unión Europea ten de media perdas do 6% e moitos países europeos están lonxe do despilfarro do Estado: Italia 7%, Franza e Dinamarca 6%, Bélxica, Suecia, Holanda 5%,  Alemaña e Finlandia 4%...

Os ingresos regulados das eléctricas  aínda con recortes -insignificantes como os que agora pretenden- para distribución e transporte sin tocar o tema da eficiencia son un novo estimulo para seguir despilfarrando electricidade e as empresas  seguirán con despreocupación perdendo sin xustificación electricidade no aire. Os beneficios que obterían asumindo a eficiencia parece que son depreciables comparados coas millonarias  axudas gobernamentais.  

2. A CNMV non cuestiona a forma e o reparto do mercado da distribución eléctrica. Os consumidores non podemos escoller distribuidor eléctrico aínda que si comercializadora. Existe un reparto no Estado  de distribución: Naturgy distribue en Galicia, Castilla-La Mancha e Madrid; EDP en Asturias ; Viesgo en Cantabria; Iberdrola en Castilla-León, Navarra  e o País Vasco; Endesa  en Aragón, Cataluña, Andalucía, Baleares e Canarias e en Estremadura Endesa e Iberdrola comparten  distribución.

 Si o esquema de distribución fose distinto, sen estar centralizado e si existira competencia real e non ficticia e si en vez dun único distribuidor fosen varios a situación podía ser distinta, seguramente máis eficiente e vantaxosa para o consumidor final. Nun sistema centralizado  a enerxía que se xera vertese a unha rede xeral e común do Estado, si fose descentralizada os muíños eólicos do Faro por exemplo poderían desde o parque eólico  subministrar electricidade directamente nas proximidades con perdas case cero ou mínimas de transporte e distribución, podería abastecer a vilas próximas como Lalín, Rodeiro, Chantada e a comarca do Deza e Trasdeza..., mesmo si se fixese a nivel de Galicia e con boa xestión as perdas máximas non alcanzarían o dous ou tres por cento como sucede en países pequenos  similares ao noso. 

3.  A CNMV  non fai referencia a inxusta desigualdade no pago da electricidade polo consumidor debida a un modelo centralista da electricidade.  Cando existe unha tarifa eléctrica para todo o Estado estase provocando grandes desigualdades, xa que existen comunidades grandes produtoras de electricidade que por selo non obteñen beneficio comparado coas comunidades grandes consumidoras.  O Informe da CNMV non fai ningunha referencia a que poda existir diferencias na factura eléctrica , pagamos igual a electricidade aquí que en Madrid que é a primeira comunidade autónoma con maior dependencia eléctrica -xera menos do 5% da electricidade que consume- e Naturgy subminístralle a Madrid e a outras comunidades electricidade que sae de Galicia (un terzo da produción) coas perdas conseguintes. O mesmo podiamos dicir de outras dependentes  eléctricas:  Comunidade Valenciana, Pais Vasco, Cantabria que precisa do exterior o 30-50% da electricidade e outras menos dependentes como Cataluña,  Andalucía...  

Tampouco  é igual transportar  electricidade dentro de Galicia ao pé de embalses, térmicas e eólicas que transportala e distribuíla polo Estado para abastecer mercados afastados distantes  centos e centos de kms dos centros de produción. Fai 60 anos os embalses do Miño e Sil construíanse e a xustificación política do asolagamento dos pobos e terras e o desprazamento da poboación foi  que se necesitaba electricidade para industrializarnos, logo chegarían algunhas  industrias electrointensivas e agora esas vanse ou ameazan con irse porque non poden pagar a factura de electricidade que consumen. A tarifa única que non teñen  en conta entre outros factores que territorios producen e exportan e que territorios demandan sen apenas producir  é un disparate e a Galicia tráelle consecuencias económicas e sociais importantes. O modelo centralizado  nunca nos beneficiou nin nos beneficia.

En definitiva o Goberno non debería centrarse só en recortes das retribucións reguladas xustificadas para equiparalas  co resto de Europa senón que tería que poñer en cuestión a curto prazo outros aspectos como os anteriormente citados  ou as mesmas retribucións. Neste momento buscar eficiencia é esencial para a transición enerxética. Pero con recortes, permisividade  e medo a danar a conta de resultados das multinacionais eléctricas  vai ser difícil para o Goberno conseguir algo no sector eléctrico xa que está unido e de fronte e mesmo Naturgy  xa se apurou a ameazar con frear inversións en infraestruturas gasistas. @mundiario

Comentarios