Eleccións á vista en Galicia

Una urna.
Unha urna.
Existen arestora garantías para que se poida votar en Galicia? Pódese garantir que as eleccións e a campaña electoral non constitúan graves riscos para a saúde pública da cidadanía galega?
Eleccións á vista en Galicia

O presidente Núñez Feijóo está a piques de convocar outravolta as eleccións nacionais galegas, interrompidas a fins de marzo por mor da pandemia da Covid-19. Considera Feijóo que cómpre facer as eleccións, quer o 12, quer o 19 de xullo e para iso achega informes sanitarios e xurídicos opinábeis e ambivalentes.

O subdirector xeral de Epidemioloxía da Xunta, Xurxo Hervada, informou que os últimos días de xuño e primeiras semanas de xullo serían as épocas de menos risco de rebrote do andazo. Mais xuridicamente xa non son posíbeis eleccións anteriores ao 12 de xullo. Precisamente Hervada avisa do perigo de rebrote por mor da visita a Galicia de persoas doutros territorios estatais (supoñendo pechadas as fronteiras extraestatais até ese intre), mais tamén da carga recorrente de todos os veráns de españois non residentes en Galicia a respecto dos servizos de saúde primaria, hospitalaria e de urxencias do noso País. Deste xeito, dende a terceira semana de xullo o risco incrementaríase substancialmente. Por outra banda, os outros informes médicos que Feijóo achegou aos partidos manifestan unha grande cantidade de dúbidas sobre a evolución da pendemia só con que mudara un dos principais factores actuais ceteris paribus.

Canto ao informe xurídico da Avogacía da Xunta que está a usar o Goberno Feijóo, concordo con que a vixencia formal dos estados de “alarma” ( en galego alerta) e de emerxencia sanitaria de Galicia poden ser salvados, dende a aprobación da vixente prórroga do estado de alerta que autoriza as eleccións galegas. Mais o grave problema é o da materialidade xurídica, o da plena vixencia dos dereitos políticos. Convocadas outravolta as eleccións e vixentes as restricións de dereitos fundamentais de mobilidade, reunión, manifestación e participación política que sen dúbida regula o estado constitucional de alerta.... que campaña e precampaña teremos? U-los mitins, entrega de publicidade electoral, percorridos electorais ou mailings? U-los debates electorais obrigatorios, nun País que lle nega á oposición o dereito a debater co Goberno saínte?

Non, miñas donas e meus señores. Non hai máis persoas en Galicia pendentes das eleccións galegas ca Núñez Feijóo e a súa contorna. As prioridades de hoxendía para a cidadanía galega son a saúde e a recuperación económica. As mesmas que motivaron a suspensión das eleccións previstas para o 5-A, nunha decisión consensuada co BNG, PSOE e Galicia en Común que abría a porta ao reactivvamento do proceso baixo os mesmos parámetros de acordo plural, malia que foran deficientemente recollidos-por confiadas de máis as forzas da oposición- no definitivo acordo de suspensión electoral.

Se Núñez Feijóo reactiva a convocatoria electoral demostrará a súa falla real de preocupación pola saúde pública e reconstrución económica e máis a súa preocupación- que sería lexítima noutras circunstancias- pola maior vantaxe do PP. @mundiario

Comentarios