Eleccións europeas, un voto que importa

Bandeira de Europa. / Mundiario
A campaña está fortemente polarizada e estatalizada, facendo que se perciba como moi afastada dos intereses de Galicia, xusto cando en Europa se toman decisións moi relevantes para o noso futuro.

Cando chegamos xa aos últimos da campaña, quen siga con atención as axendas das distintas organizacións políticas, poderá facerse unha composición de lugar da situación. Non imos negar que é unha campaña que chega despois de moitas outras, o que provoca que moita xente se queixe de cansazo e que vexa moi lonxe unhas eleccións que non espertan grande entusiasmo. Por outra parte, a campaña está fortemente polarizada e estatalizada, facendo que se perciba como moi afastada dos nosos intereses, xusto cando en Europa se toman decisións moi relevantes para o noso futuro. Por se isto fose pouco, os medios non só non lle prestan moita atención senón que en moitos casos parece que se debaten denuncias e conflitos que, en principio, pouco teñen a ver co que imos decidir o vindeiro 9 de xuño.

Fronte este barullo, o BNG leva explicando en pequenos actos por toda a xeografía do país a importancia destas eleccións e os moitos ámbitos en que Europa inflúe na nosa situación económica e, sobre todo, na dos nosos sectores produtivos, afectados por acordos tomados moi lonxe e con escasa defensa dos problemas galegos. E son eses sectores os que dan de comer a moitas persoas e os que se tiveron presenza no Parlamento europeo foi grazas a Ana Miranda, a eurodeputada do BNG. Por iso dicimos sempre que se o BNG está, Galiza está, xa que a maioría de eurodeputados/as se moven por outros intereses, con dependencias e subordinacións aos grandes partidos estatais. E estas últimas forzas políticas o que ofrecen é a conivencia con políticas que foron, en  moitas ocasións, depredadoras para o noso país, lesivas para os nosos intereses.

Coñecemos centos de persoas e colectivos que foron da man do BNG e Ana Miranda facer valer os seus dereitos a Europa: o dereito a producir, dos sectores pesqueiro, agrogandeiro e industrial, os dereitos das vítimas do Alvia ou do Vila de Pitanxo, os que padeceron os atentados ecolóxicos e económicos do Prestige ou da mina de Corcoesto ou agora a megacelulosa de Altri, os colectivos que defenden a pluralidade dos medios públicos, as redeiras que fixeron valer os seus dereitos.  Foron centos de persoas as que fixeron oír a súa voz no Parlamento Europeo grazas a que o BNG estaba alí.

Por iso nesta campaña o BNG preséntase cun bo aval, cun balance que está á vista de todo o mundo, o traballo desenvolvido en todos estes anos para ser a voz galega na Unión Europea. Velaí a nosa carta de presentación. Todo o mundo sabe que o BNG é útil para o país, por ser a forza que nos defende, apostando polos intereses da Galiza, con enerxía, buscando tamén organizacións aliadas que entenden o que somos e o que queremos.

Dous valores fundamentais

Sabemos ben o que significa un modelo de Europa depredador, que non ten medida á hora de sacrificar os nosos sectores produtivos para beneficio duns poucos, das grandes empresas. Vimos como a nosa pesca artesanal padeceu esta política, como as pequenas produtoras agroalimentarias tiñan que pechar porque as contas non daban con políticas de cotas desmedidas, como se seguen proxectando sobre a nosa terra e o noso mar proxectos de explotación enerxético que destrúen o noso medio e benefician compañías que se lucran dos nosos recursos a moitos quilómetros da nosa terra.

Porque queremos vivir e producir na nosa terra, defendemos os nosos sectores produtivos, que a nosa cultura se viva en pé de igualdade e, o que é importante, reclamamos ter voz propia onde se deciden temas fundamentais para as nosas vidas e os nosos países.

Para iso temos a mellor candidatura, encabezada por unha muller con experiencia, que coñece de primeira man as institucións europeas, que soubo petar nelas e bater con forza para conseguir, entre outras cousas, o respecto que este país merece.

O voto ao BNG ten dous valores fundamentais, o de ser garante dos nosos intereses e tamén o da aposta por unha Europa da igualdade, da xustiza, do ecoloxismo e, neste momento dunha maneira moi especial, da paz e a oposición á guerra. Opoñémonos de fronte a esa Europa antisocial e antidemocrática, á do gran capital que deixa fóra tanta xente. Situámonos da banda das persoas que sofren, do pobo palestino que está a ser masacrado coa complicidade internacional. Queremos unha Europa que non someta nin domine os pobos, que free o fascismo e que traballe por un futuro mellor dos pobos e as persoas. Traballamos por unha Europa que recoñeza a os nosos dereitos, que defenda a igualdade e a democracia e que poña barreiras á extremadereita fascista.

Son moitos os problemas que afectan os distintos sectores galegos que chegaron ao Parlamento europeo grazas ao BNG. De entre eles quero destacar de maneira particular o intenso traballo de Ana Miranda na defensa das vítimas do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 lle custou a vida a 81 persoas e 144 resultaron feridas. Quero lembrar que foi a eurodeputada do Bloque a única denunciante contra o Estado español por vulneración da normativa comunitaria de seguranza. Grazas á denuncia do BNG na Eurocámara, abriuse o procedemento e o Estado español viuse na obriga de facer un plan de acción de seguranza ferroviaria que este país demandaba, que as vítimas e familiares esixían. Ana Miranda nunca abandonou, nunca deixou de petar forte para que o que pasou en Santiago non ficase no esquecemento, non fose tema do pasado.

Velaí a relevancia de que a voz galega en Europa se escoite máis que nunca a partir deste 9 de xuño. Oxalá as persoas que avogamos por unha profunda transformación social e por mellorar a vida de galegas e galegos deixemos oír a nosa voz. Porque ou o facemos nós ou ninguén o fará. @mundiario