Buscar

Eleccións empecinadas

O resultado destas eleccións reiteradas pódese converter nun martirio para o PSOE e nunha desgraza para os españois. Os galegos tiramos o beneficio de recuperar a representación do BNG, forza xenuína galega.
Eleccións empecinadas
Ana Pontón no Día da Patria Galega. / Xurxo Lobato
Ana Pontón no Día da Patria Galega. / Xurxo Lobato

Firma

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

La autora, MARÍA DO CARME GARCÍA-NEGRO, es columnista de MUNDIARIO. Es doctora en Ciencias Económicas y Empresariales y profesora del departamento de Economía Aplicada de la Universidad de Santiago de Compostela, donde ocupó los cargos de directora del Centro de Documentación Europea (1990-1994), directora del Grupo de Investigación de Economía Pesquera y directora del Curso de Postgrado Especialización en Economía Pesquera. @mundiario

Nunha sobremesa con asuntos políticos actuais, alguén utilizou o alcume de Empecinado para nomear a Pedro Sánchez. Non todos estaban de acordo, xa que as opinións ían desde a comparación cos merecementos heroicos do verdadeiro Empecinado, non existentes no caso do Presidente en funcións, até aqueles outros que sabían da orixe de empecinado como enluxado en lama negra, e polo tanto moi despectivo. 

Pedro Sánchez vai pasar a historia por perder sucesivamente cotas de poder a base de se crer imbatíbel, é dicer a base de actitude soberbosa, xa que empiorou os resultados do seu partido e non deu reestabelecido o ansiado –en termos españois– bipartidismo.

O resultado, xa que logo, destas eleccións reiteradas pódese converter nun martirio para o PSOE e nunha desgraza para os españois.

Os galegos tiramos o beneficio de recuperar a representación do BNG, forza xenuína galega. As formas actuais do combate político en campaña electoral, e mesmo nas longas precampañas coas que convivimos nos últimos anos, correspóndense a novas chaves de comunicación, a novas formas de envolver os contidos políticos dos programas (nen se citan) e a un uso hipertrofiado da imaxe frívola sobre o contido en razón, en razoamento e máis en debate democrático.

O rol da equipa dos candidatos coa conseguinte exhibición de currículos profesionais ou de experiencia política de prestixio, oponse no presente ao uso hábil de certa dialéctica ben efectista, para que o resultado sobre os instintos primarios dos televidentes cale o máis fondo posíbel para conducir –cal animaliños coa resposta de Paulov– ao voto menos racional posíbel. As campañas americanas dan-levan dando- moi bos resultados(ollo! segundo os obxectivos declarados) en América. Referímonos aos Estados Unidos de América.

Desde os xa lonxíncuos anos 60 do século pasado en que John F. Kennedy gañou as eleicións sendo rico, guapo e contando cunha equipa inmellorábel, pasaron varias décadas e pedimos moitas desculpas  se alguén pensou que estamos comparando a maneira de plantexar unha campaña nos USA e no Estado español, por moito que contraten de asesores a rapaces con méritos máis que dubidosos.

Os contidos e a forma non son separábeis e sucedeu que de tanto aprofundar exclusivamente na forma esqueceuse completamente o contido da política responsábel: a democracia é non so respecto á lei senón ser quen de criar leis que sexan por si mesmas respectábeis.

Logramos que se recoñecesen en lei direitos antes negados (por exemplo ao divorcio) cambiando as leis, e agora atopamos que algunha lei é como o cadaleito na estampa de Castelao: ”canto pesa e como fede”. A lei no Estado español deberá acoller a existencia de distintas nacións que compoñen o Estado, recoñecelo, aceptalo e promover unha convivencia pacífica, non criar fontes de odio entre os que debemos convivir xuntos.

Somos distintos, pero podemos convivir en paz, non sometidos uns aos outros. Mentres non se poñan de acordo os partidos políticos españois para resolver este problema político, sen espírito de vencer e de aniquilar ao declarado inimigo, non haberá democracia que valla. A proba está que dos baixos instintos utilizados como ariete de propaganda, agroma a extrema direita que ninguén decía esperar. @mundiario