Os efectos da crise económica foron e están a ser drásticos nos espazos culturais

Rosario Sarmiento. / Xurxo Lobato
Rosario Sarmiento. / Xurxo Lobato

No Consello da Cultura Galega celebrarase a xornada titulada Os espazos culturais da arte en Galicia: Estado da cuestión, que terá lugar o martes 11 de decembro.

Os efectos da crise económica foron e están a ser drásticos nos espazos culturais

A xornada titulada Os espazos culturais da arte en Galicia: Estado da cuestión terá lugar o martes 11 de decembro no Consello da Cultura Galega, organizada pola súa sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, que coordina Manuel Quintana Martelo. Esta xornada realizarase baixo a coordinación de Rosario Sarmiento –colaboradora de MUNDIARIO–, Sofía Santos e Ramón Rozas.

O obxectivo do encontro Os espazos culturais da arte en Galicia é facer unha valoración e unha análise da situación actual dos espazos artísticos en Galicia, ante a desaparición e cambio de rumbo de institucións que foron claves na modernización da arte contemporánea na Galicia das últimas décadas.

Os efectos da crise económica foron e están a ser drásticos nos espazos culturais, e modifican non só os seus sinais de identidade senón a xestión, a programación e a calidade dos mesmos. "Ademais de dar claves para entender a situación intentaremos propoñer posibles medidas de actuación", din os organizadores.

Nesta xornada participarán Ramón Rozas (comisario, crítico de arte e membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG), Sofía Santos (membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG), Aurelia Balseiro (museóloga e directora do Museo Provincial de Lugo), Anxo Lorenzo (director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia), Silvia García (decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra), Antón Patiño (pintor e escritor), Rosario Sarmiento (membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG), Mónica Alonso (artista), Luis Sirvent (coleccionista) e Manuel Vilariño (fotógrafo, poeta e membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG). @mundiario

Comentarios