No ecuador da lexislatura galega, a vida política segue igual

Alberto Núñez Feijóo. / Xoán Crespo
Alberto Núñez Feijóo. / Xoán Crespo

A intensidade vivida na política estatal dende o trunfo da moción de censura contra Rajoy contrasta agudamente coa rotina aborrida que preside o mandato do máximo dirixente do PPdG. 

No ecuador da lexislatura galega, a vida política segue igual

O azar quixo que se rexistrara unha práctica coincidencia entre os 100 días do goberno de Pedro Sánchez e os dous anos da última vitoria de Feijóo nos comicios ao Parlamento galego. Aparte de outras diferenzas, hai unha que resulta moi visíbel:a intensidade vivida na política estatal dende o trunfo da moción de censura contra Rajoy contrasta agudamente coa rotina aborrida que preside o mandato do máximo dirixente do PPdG. As maiorías absolutas prolongadas que coñecemos no noso País arruinaron en grande medida as posibilidades creativas das institucións políticas vixentes.

Mirando cara ese pasado inmediato, segue pendurando unha pregunta decisiva:cómo foi posíbel a obtención dunha nova maioría absoluta por parte de Feijoo despois da desfeita electoral padecida polo PP -na primavera de hai tres anos- nas sete cidades galegas e da perda dun volume notábel de votos experiementada polo partido de M. Rajoy nas xerais de 2015 e 2016? As circunstancias ambientais eran,teoricamente, propicias a unha mudanza política no pazo do Hórreo:só faltaba acadar o apoio social suficiente para efectivizar unha alternativa de goberno aos 8 anos de políticas restritivas en materia de benestar social e de renuncia reiterada a calquera horizonte de mellora do autogoberno. A explicación do sucedido é unha combinación de acertos e deméritos dos actores involucrados.

No “haber” de Feijoo hai que anotar a indiscutíbel blindaxe mediática que ignorou unha boa parte dos seus erros de xestión, minimizou o impacto das fotos con Marcial Dorado (qué tería sucedido se os protagonistas foran Touriño ou Quintana?) e colocou os episodios de irregularidades que afectaban a membros destacados do PPdG no que podiamos denominar “historias de corrupción de baixa intensidade” (incapaces de competir coa espectacularidade da Gürtel, dos cartóns “black” e doutros casos de semellante nivel). No “debe” da oposición (En Marea, PSdG e BNG) contabilizouse unha tendencia excesiva á división interna e unha carencia de credibilidade á hora de visualizar unha opción gobernamental alternativa. Se repasamos as situacións das corporacións de Coruña, Santiago, Lugo, Ferrol e Pontevedra despois dos comicios locais do 2015 observamos que non existiron gobernos de coalición. Xa que logo,non se estaba enviando unha mensaxe convincente para os sectores do electorado que podían desexar o remate da hexemonía de Feijoo. Poren, no ano 1999 non ocorrera iso:BNG e PSdG foran quen gobernar conxuntamente naquelas cidades que permitían esa fórmula (todas menos Ourense e A Coruña). eis anos despois -no 2005- Fraga perdeu a maioría absoluta e chegou o bipartito. Foron moitas as razóns que provocaron aquel ponto de inflexión pero é probábel que as previas experiencias municipais favoreceran a criación do clima preciso para facer realidade semellante cambio.

No ecuador da lexislatura que naceu no outono de 2016, resulta complicado identificar medidas relevantes promovidas polo executivo que habita en San Caetano.Non houbo iniciativas políticas:só respostas conxunturais para tratar de neutralizar vellos problemas que renacían periódicamente.Dous exemplos resultan ilustrativos:os graves incendios rexistrados no outono do ano pasado e a reclamación da transferencia da AP-9.O tratamento dispensado pola equipa de Feijoo foi o de sempre:negar a súa responsabilidade na desfeita incendiaria e mirar para outro lado no asunto da autoestrada para non incomodar ao goberno amigo de Rajoy. O presidente da Xunta só variou o guión cando se viu obrigado pola presión social ou pola acción eficaz da oposición.No caso da AP-9 a viraxe foi case surrealista:de aceitar a coartada marianista de que o conflito catalán impedía o traspaso a defender, agora, que non é necesario agardar polo acordo do Congreso para comezar a negociación entre ambos gobernos.

Núñez Feijoo presume reiteradamente da estabilidade que lle proporciona a terceira maioría absoluta consecutiva.Mais alá da evidencia aritmética hai que constatar que tal circunstancia depende moito do liderado superlativo construído polo presidente do PPdG. A fraxilidade potencial desta situación non debe ser descoñecida. Xa tivemos unha primeira mostra no recente proceso de sucesión de Rajoy:máxima incertidume no corpo orgánico do partido ante o hipotético traslado do seu dirixente á rúa Xénova, pouca participación nas votacións congresuais e división nos apoios ás candidaturas presentadas.

Cando nos acheguemos á cita do 2020 escoitaremos unha nova versión dunha cantiga xa recitada:Feijoo é quen mellor garante a unidade do partido e a única persoa que pode asegurar a continuidade da maioría absoluta. O aludido será receptivo a tal argumento e, talvez, engada un incentivo motivador adicional:igualar a marca dos catro mandatos acadados por Manuel Fraga.Veremos. @mundiario

Comentarios