A Economía Social faise forte en Galicia

Maite Cancelo. / CorreoTV
Maite Cancelo. / CorreoTV
"Entre as Cooperativas e as Sociedades Laborais estímase que aportan o 5% do PIB galego. E se sumamos as outras entidades, podemos falar do 7%", estima a profesora Maite Cancelo.
A Economía Social faise forte en Galicia

A Economía Social (ES) está adquirindo unha presenza cada vez máis consolidada no panorama económico e político europeo, español e galego. "Ademais dos datos de número de entidades, empregos ou socios, entre as Cooperativas e as Sociedades Laborais estímase que aportan o 5% do PIB galego. E se sumamos as outras entidades, podemos falar do 7%", estima Maite Cancelo, directora do Comité Científico do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP) da Universidade de Santiago de Compostela. O Libro Branco da Economía Social en Galicia presentarase este mércores, as 19:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Esta nova obra ten como obxectivo principal cuantificar a importancia que nesta comunidade autónoma ten todo o conxunto de familias que compoñen a Economía Social, a partir das fontes de datos dispoñibles. Outro obxectivo perseguido é visibilizar e analizar, facendo algunhas reflexións, as distintas fórmulas xurídicas e fórmulas asociativas e a súa contribución a economía galega, segundo explica Maite Cancelo, directora do CECOOP. Firman os traballos do Libro Branco da Economía Social de Galicia: María Bastida, Dolores Álvarez, Manuel Botana, M. Rosarío Díaz-Vázquez, Pilar Expósito, Rafael Millán, Fernando Miranda, José Antonio Montero, Ana Olveira, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez e a propia Maite Cancelo.

Datos da ES

Os Centros Especiais de Emprego de Galicia xeraron uns ingresos no ano 2017 de 380,5 millóns de euros. As Empresas de Inserción galegas facturaron, no 2017, por un total de 1,6 millóns de euros. O dato económico para as confrarías, recóllese a partir das vendas nas 41 lonxas galegas que ascendeu aos 490 millóns de euros. Así, sumando os ingresos das tres entidades anteriores, estamos a falar dunha cifra que supera os 870 millóns de euros, superando os 882 se incluímos as mutuas. Este volume de ingresos representa o 1,6% do PIB galego.

No caso das Sociedades Agrarias de Transformación, importante fórmula asociativa no rural, as 1.125 entidades posúen un capital social de 62,9 millóns de euros, o que representa case o 6% do total de SATs de España. As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) e as Mancomunidades de Montes Veciñais en Man Común, son fórmulas asociativas de explotación forestal (singulares en Galicia) que se configuran como un dos principais motores de emprego a nivel local, xa que preto de 700.000 hectáreas (3.312 montes que representan case o 25% do territorio galego) corresponde a monte veciñal de man común. As 2.994 CMVMC (nas súas 1.137 agrupacións) e con 19.848 comuneiros, xeran uns ingresos medios de 44.499 euros, o que indica o potencial non só social, senón económico no rural galego.

En abril deste ano había 28 Mutuas de Seguros de ámbito nacional, unha ten a súa sede en Galicia, a “Sociedad de Seguros Mutuos Marítimos de Vigo”. A esta, hai que engadir outras tres, de ámbito territorial. O seu volume de negocio (primas devengadas) superou os 10 millóns de euros no ano 2018. O caso singular da ONCE (dado que non é unha entidade con sede en Galicia), merece unha atención especial xa que o seu impacto na nosa Comunidade Autónoma pódese aproximar a través da súa xeración de valor engadido bruto, 36,2 millóns de euros, o que supón o 5,2% do total en España.

Tamén se dedica un capítulo as entidades da ES máis representativas no contexto nacional, a través do resumo das principais conclusións do informe publicado neste ano por CEPES (Confederación Empresarial Española da Economía Social) sobre as empresas da Economía Social máis relevantes no escenario socio económico español para visibilizar o tecido empresarial da ES, a súa pluralidade de fórmulas xurídicas e a súa presenza no territorio.

Cambios normativos

No marco xurídico recóllense os cambios normativos así como as trabas burocráticas para a creación, ou desenvolvemento, de novas cooperativas, que necesitan dun cambio na lexislación e no seu desenrolo normativo. Tamén se recolle o importante crecemento de novas cooperativas, a partir do ano 2018 así como a marxe de mellora na constitución, consolidación e a concentración destas entidades nos tres sectores, onde, maioritariamente, desenvolven a súa actividade: agricultura, a industria manufactureira e o comercio ao por maior.

Nas Sociedades Laborais saliéntase a tendencia á baixa no número de sociedades, tendencia compartida co conxunto estatal e coa Comunidade Valenciana. En termos de emprego, a redución foi menor, co que a media de traballadores aumentou no período analizado.

Nos Centros Especiais de Emprego: mais do 50%  dos contratos específicos con persoas con discapacidade realizáronse nestas entidades o que as converten en entidades que hai que potenciar dado o seu elevado valor social.

Nas Empresas de Inserción Laboral hai un fito relevante: o incremento do número de traballadores en modalidade de inserción, e máis concretamente, no número de mulleres nesa situación. Tamén se recollen conclusións significativas con relación as outras familias da Economía Social, así como unha análise das políticas públicas que se están a desenrolar en Galicia, a través da análise dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma, que presentan unha tendencia crecente dende o ano 2013 nas liñas de axudas recollidas en catro eixos: Promoción, estudo e difusión da ES, Cooperativas e Sociedades Laborais, Cooperativas e ensino, e Centros Especiais de Emprego e Empresas de Inserción.

A metodoloxía aplicada é a proposta por CIRIEC-España, que xa foi utilizada na elaboración do Libro Blanco del Cooperativismo y la Economía Social de la Comunidad Valenciana (Chaves, Juliá e Monzón, 2018), con dúas diferenzas: a inclusión das comunidades de Montes e Mancomunidades de Montes en Man Común, como fórmula asociativa singular do Código Civil galego e a análise circunscrita ás entidades produtoras de mercado da ES en Galicia. @mundiario

Comentarios