A economía galega responde mellor que a do conxunto de España ás consecuencias da Covid-19

Patricio Sánchez, José Francisco Armesto Pina, Fernando González Laxe y Santiago Lago. / Mundiario
Patricio Sánchez, José Francisco Armesto Pina, Fernando González Laxe e Santiago Lago. / Mundiario
Galicia contrae a súa actividade nun 2,9%, mentres España cae un 4,3%. Asturias e Galicia lideran o descenso da poboación activa.
A economía galega responde mellor que a do conxunto de España ás consecuencias da Covid-19

Segundo o Foro Económico de Galicia, a saúde da economía galega no primeiro trimestre deste ano sufriu o impacto dos rebrotes producidos despois das vacacións do nadal e, en menor medida, do impacto da tormenta Filomena. A contracción da economía galega deste primeiro trimestre é dun -2,9% con respecto ao ano anterior, un dato que segue sendo de menor intensidade que no conxunto do Estado (-4,3%) pero por riba da media da Unión Europea que só baixa un -1,8%.

O mellor comportamento da economía galega con respecto ao Estado explícase pola baixada da demanda interna (-3,1 puntos)  e unha lixeira suba da externa (0,2 puntos). Pola contra o gasto en consumo das administracións públicas presenta unha medra interanual do 3,3%.

No conxunto dos grandes sectores produtivos, Galicia tamén presenta un mellor comportamento que o do conxunto de España, agás o sector primario (-3,1% fronte ao crecemento do 3,7% en España). A construcción é o sector que rexistra a maior caída interanual, tanto en Galicia como en España.

Son algunhas das conclusións do Informe de Conxuntura Socioeconómica elaborado polos expertos do Foro Económico de Galicia Fernando González Laxe, Santiago Lago, José Francisco Armesto Pina e Patricio Sánchez e que foi presentado esta mañá. O Foro Económico é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica.  Máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega.

Destrución de emprego

A contracción económica trasládase  ao mercado laboral, que segue presentando unha destrución de emprego de menor intensidade que a caída do PIB.  Os expedientes de Regulación Temporal de Emprego son o mecanismo de protección dos traballadores por conta allea. A 31 de marzo un total de 34.759 persoas estaban acollidas a un ERTE, un 4,7% do total estatal. Mentres que o número de empresas afectadas é de 12.378, un 6,9% do total.

Para o Foro Económico de Galicia, cabe salientar que a diferenza co acontecido nos trimestres anteriores, o axuste no emprego foi máis intenso entre homes que entre as mulleres. Asemade, a poboación ocupada redúcese no conxunto dos traballadores, tanto por conta propia como allea, sendo o sector público o único que incrementa a contratación.

Galicia sitúase como a segunda comunidade autónoma coas taxas máis baixas de poboación activa, un 52%, fronte a Asturias cun 50,6% e un 57,7% no conxunto do Estado.

O papel de China na economía mundial

O último informe de conxuntura do Foro Económico de Galicia salienta tamén un apartado específico adicado ao papel de China na economía mundial, que antes ou despois afectará a economía europea e, polo tanto, á galega.

China aspira a ser un relevante actor mundial sendo a súa aposta máis salientable a Nova Ruta da Seda (denominada One Belt, One Road -OBOR). Esta iniciativa invoca a antiga Ruta da seda; evocando os intercambios comerciais cando a civilización china estaba no cénit da súa potencia e riqueza.

A aposta actual consiste na construción de grandes infraestruturas que permitan inserir e conectar China co resto del mundo xunto cos denodados esforzos da burocracia chinesa para desenvolver unha nova orde internacional, incorporando a novos países baixo o liderado do goberno chinés. 

En definitiva, a través da Nova Ruta de Seda, China desexa conformar un proxecto de integración económica e militar de alcance mega-rexional, transcontinental,  que fomente a procura dunha transformación xeopolítica do sistema internacional. @mundiario

A economía galega responde mellor que a do conxunto de España ás consecuencias da Covid-19
Comentarios