Economía forte, Estado débil

Alarmas en España. / Mundiario
Alarmas en España. / Mundiario
O Estado español é débil e o pior da cuestión é que na Unión Europea xa o saben.
Economía forte, Estado débil

Canto máis avanza o tempo de desenvolvemento dos feitos nesta pandemia, máis asombro provoca a enorme cantidade de asuntos mal resolvidos polo Goberno central e que resultan inexplicábeis. Ten interese  analisalos xa que as medidas que se adoptaren no futuro inmediato dependen do que previamente se teña adoptado. Tanto o seu contido, a intensidade e o  período temporal da política económica a implentar -unha vez superado o momento crítico da pandemia- van vir determinados polas actuacións previas, sexan estas erróneas ou acertadas. E non imos citar nada que teña a ver con temas técnicos dos que competen a entendidos en medicina, senón só aqueles que dependen do talento organizativo, das facultades de aprovisionamento máis da acción coordinada cos gobernos autonómicos, en fin, da capacidade de goberno, máis alá dunha comunicación en rodas de prensa, por certo de formato singular. 

Referímonos así mesmo á aptitude de anticipación ante a epidemia, á capacidade de fornecemento de material de protección tanto público como sanitario, e ás medidas de acompañamento da alarma tal e como se fixo noutros Estados. Coñecendo a característica exportadora e importadora da economía galega, mesmo unha parte dela moi significativa como é a pesca -entendida en todos os seus subsectores-, sabemos das fluídas relacións económicas  permanentes, non ocasionais, con países asiáticos: China, Singapur, Corea, India, Taiwan… En China, en concreto, hai varias delegacións permanentes de empresas pesqueiras galegas, hai relacións continuas de empresas de confección, hai exportacións e importacións doutros bens industriais  que dan boa conta do saber facer, xa que se trata de relacións estruturais. Existe  coñecemento de intercambio, de produción conxunta, financeiro…, é dicer, o mundo que está en Asia, non é lonxincuo nen ignoto para a industria galega, a importación e a exportación son correntes habituais. 

En Galiza hai relacións económicas con China e non por razóns de turismo. Pois ben, da mesma maneira que nesta nosa nación, parte –pequena, seica– do Estado español, e ben pouco valorada, se pode achegar saber facer para comprar o que sexa necesario de forma urxente, fóra do mercado de ‘tabeiróns’, a prezo corrente. Sábese, pódese e, ademais, fíxose,  que non será do saber facer dos grandes coñecedores dos mercados do mundo que florecen na industria española de ‘alto copete’?. Como é posíbel que o olimpo madrileño de altísimos dirixentes de empresa que negocian con todo o mundo non prestaran colaboración ao Goberno (ou, alternativamente, que o Goberno non tivera autoridade para actuar) e comprar ipso facto máscaras, testes de diagnóstico, outro material de protección, sobre todo, ao persoal sanitario, e todo canto se precisar para non dar mágoa e para non enviar á guerra ao persoal sanitario sen protexer, e sen armas de combate anti-epidemia.  O espectáculo penoso compúxose coas máscaras  amoreadas nun veñen e van, co consabido eco nos faladoiros e mais nas novidades  do día en medios que alardean de serios. 

Como é posíbel que o Goberno do Estado español, décimocuarta potencial mundial, sexa tan débil, e presente como desculpa argumentos cuase infantís para xustificar o que non ten fundamento nen defensa posíbel?. A explicación non se atopa na simples ollada ao Goberno. A súa composición non é máis que un espello do que dá de si o Estado. E o Estado español, por razóns varias, é un estado débil dun país con máis fortaleza económica que institucional. No caso que citabamos arriba, dos aprovisionamentos internacionais de material de protección, tanto en centros sanitarios como para o público en xeral, xorde unha pergunta inmediata: non hai acaso na industria española capacidade de fabricación por vía de urxencia deses elementos de técnica tan simples como que calquer amateur pode facer cascos protectores na súa impresora en tres dimensións? E as máscaras? Que se precisa? Tea apropriada, máquina de coser (lembremos aquel invento do século XIX) e máis nada. Non houbo quen organizase.  Máis ben, alguén -e grazas a unha ocorrencia de corte absolutamente recentralizador- houbo quen desorganizase: constitúese (por orde legal) un mando único para gobernar a crise social e sanitaria da pandemia. Non se tivo en conta o “detalle” de que o Estado español é desde 1978 un estado conformado por autonomías. No caso concreto das competencias en materia sanitaria hai  42 anos que se xestiona de forma autonómica, con distintas velocidades e fortuna, a sanidade en cada autonomía. Mesmo por acordos de xestión inter-autonómicos téñense levado  a cabo compras conxuntas, pero de forma pontual. Non é posíbel ignorar desde Madrid esta realidade e sen máis improvisar un órgao central de toma de decisións e de execución. Foi un fracaso amén dun fiasco. Non souberon ter en conta que xunto co exercicio durante maís de 40 anos de competencias exclusivas tamén se crearon novas capacidades e que hoxe os mellores técnicos administrativos públicos (ou mixtos) están formando parte dos órganos de goberno autonómicos. E é preciso contar con eles, pero non, nunca, baixo un mando único militar de “ordeno y mando”. Volveron os entes sanitarios autonómicos a cumpriren as súas funcións e a má experiencia non conseguiu nen sequer un acordo unánime na elaboración das estatísticas sobre os dados diarios de atinxidos pola Covid-19. 

A segunda pergunta vén da man dos responsábeis das relacións internacionais. O Estado compra e negocia nos mercados internacionais, desde petróleo á elaboradísimas armas en forma de avión-caza, pasando por equipamento dotacional de centros de alta tecnoloxía. Que se pasou?: que compran o que lle venden, non hai técnicos comerciais de ningún tipo, non hai economistas do Estado que saiban como se fai, non hai agregados comerciais nas embaixadas, ou só hai bolseiros? Pois non debe de haber. Deuse tal baleirado de funcionarios, dos corpos do Estado da máis alta cualificación que non queda persoa que asesore para indicar a quen hai que perguntar. É difícil aceitar que isto sexa o que realmente estexa ocorrendo; non obstante, os resultados así o indican, e indican tamén a debilidade dun Estado merecente, á vez que necesitado, de mellores administradores. Non é atribuíbel, porén, esta debilidade anémica aos responsábeis actuais do Goberno. Vén de máis atrás. É unha herdanza dunha política económica de baleirado da estrutura administrativa do Estado entendido como o conxunto de institucións cun corpo que nos mellores anos do liberalismo se considerou preciso adelgazar sen distinguir músculo de graxa nen de auga, e co baleirado acabamos na anemia actual. O Estado español é débil e o pior da cuestión é que na Unión Europea xa o saben. @mundiario

Comentarios