DE BOLINA

Triste exemplo da situación do patrimonio cultural galego: o caso do Grove

O xacemento de Adro Vellos cruzado pola estrada da Deputación de Pontevedra
Un dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros de Galicia, cruzado por unha estrada e cun chaleciño enriba , é obxecto de loita política, mentres se destrúe. / Mundiario
Non é, nin moito menos, que todo o patrimonio cultural galego estea abandonado. O das antigas  e actuais cidades está nun estado decente, pero  a conservación do patrimonio cultural no rural é vergonzosa, non sendo en contadas ocasións onde houbo gobernos municipais sensibles. Un dos paradigmas da desfeita é O Grove.
Triste exemplo da situación do patrimonio cultural galego: o caso do Grove

O patrimonio cultural galego no Grove está na situación máis desastrosa imaxinable. Debe ser o lugar do mundo no que peor se conserva a propia historia. De récord. A pesar da riqueza de bens, uns catalogados e outros non, o abandono e o desprezo son clamorosos.

Una extraordinaria riqueza patrimonial abandonada

Fagamos, poñéndoo como paradigma negativo, un lixeiro repaso: O máis sobranceiro é Adro Vello-Os Castriños, que reflicte a importancia estratéxica que tivo ao largo da Historia este emprazamento e no que ata se descubriron laudas a deuses prerromanos e abarca ata o XIX. O estado actual, incluídas as edificacións da salga, patrimonio etnolóxico por lei, é penosísimo. A Consellería, logo do interés  persoal de Román Rodríguez, iniciou recentemente o expediente para a declaración BIC do conxunto, incluído zona marítima. As demais administracións implicadas: Concello, Deputación, titular da estrada, Costas non achegan nada e úsano como arma política. A situación da Torre de Escuredo, no centro da vila, boquea a carón de aberracións urbanísticas e, coa conivencia de todos, espera pola petición de declaración de ruína para que se venda o solar. É o único Ben de Interés Cultural declarado como tal no Grove: De que vale?. Porque aí esmorece, caendo a cachos sen que ninguén dea chío.

Ben é certo que a Lei de Patrimonio Cultural obriga aos propietarios -artigo 32- a conservala, pero ningunha acción se fai nese sentido, nin se expropia. Unha tristura inmensa. A situación dos xacementos arqueolóxicos é deplorable. O castro de Cantodorxo, irmán do dos Xidoiros da Illa de Arousa, do que hai ánforas no Museo de Pontevedra e permitiu coñecer a alimentación dos devanceiros a través do estudo do seu concheiro, está comesto pola maleza e invadida a necrópole. Outro tanto ocorre coa Mouta de Nartallo (orixe de Balea), inaccesible; e cos xacementos de Veiga Grande (Reboredo), Currelos de Montes (enriba da Lavaxeira), Moreiras, Estonllo ou As Modias. O castro da Siradella (de civitatella), veciño do da Lanzada,  dá coraxe porque, aparte de estar nunha paraxe privilexiada, ten na súa aba do Sur a figueira do Meco, -declarada árbore senlleira de Galicia- que segue a producir figos vermellos como o Padre Sarmiento comprobou no XVIII.

Un desleixo insoportable que merece unha sublevación popular - para cando?- como a que se conta na lenda de que alí colgaron ao Meco. Nesa atalaia, desde a que os poboadores controlaban as entradas á illa e ás Rías de Arousa e Pontevedra, están as raíces da identidade colectiva do Grove. A única actuación municipal, bárbara, nese castro da Siradella foi a de trazar unha cómoda escaleira... coas pedras da muralla defensiva. O abandono é absoluto no resto: salgas, cruceiros, fontes, lavadoiros, Batería de costa, os vinte, ¡vinte!, muíños de auga de Cova da Loba e A Serpente. Non se salva nada, como se no Grove xermolara o odio nazi ou talibán contra o pasado.

O BIC Torre de Escuredo no Grove está a esperar pola declaración de ruina, sen que ninguén se preocupe. / MundiarioO BIC Torre de Escuredo no Grove está a esperar pola declaración de ruina, sen que ninguén se preocupe. / Mundiario

Fai falla unha actuación global urxente

É necesario ocuparse prioritariamente desta riqueza histórica. A lei de Patrimonio Cultural de Galicia di que a competencia sobre o patrimonio cultural pertence á Comunidade Autónoma coa cooperación e obriga do Concello para a salvagarda, protección, difusión e recuperación e para adoptar as medidas necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados, como ocorre co conxunto do patrimonio no Grove.

Nesta emerxencia a incapacidade demostrada ata agora obriga a tomar medidas excepcionais como consensuar un Plan Integral de recuperación do patrimonio cultural entre Ministerios, Xunta, Deputación e Concello. Evidentemente, chove sobre mollado, ninguén fará caso. Ogallá me equivoque e o friqui Guinnes non se interese por este récord. @mundiario

Comentarios