Dúbidas sobre si a contaminación do Eume a pagará Endesa, dañina pola térmica das Pontes

O río Eume ten dende hai 10 días unha cor branquecina. / @PabloAranguena
O río Eume ten dende hai 10 días unha cor branquecina. / @PabloAranguena

De momento, a Xunta de Galicia fala  dun “teórico” expediente a compañía Endesa co obxecto de “analizar e esclarecer a orixe da contaminación”. A eléctrica pública italiana leva moitos anos contaminando en Galicia desde As Pontes pero cotiza fora.

Dúbidas sobre si a contaminación do Eume a pagará Endesa, dañina pola térmica das Pontes

A Xunta de Galicia anunciaba este fin de semana un gasto de 1,5 millóns de euros no marco da emerxencia declarada no Río Eume por mor da contaminación  e para eliminar a turbidez da auga na potabilizadora municipal, non sabemos si tamén  pretende eliminar a turbidez e contaminación no curso fluvial. Na nota do día 17 de outubro a Xunta apunta unha serie de deficiencias que tiña a potabilizadora de Pontedeume (pouca capacidade de filtrado, decantador excesivamente pequeno...) , deficiencias que non son de agora nin teñen que ver coa contaminación e perda de potabilidade da auga. Eso si serven para desviar a atención, para xustificar o gasto de 1,5 millóns e  para saír do paso con obras na potabilizadora aducindo que son a medida máis “áxil e eficaz  para restablecer os parámetros que permitan o consumo de auga”.

A nota citada  iba nunha dirección diametralmente oposta a de días anteriores,  nada dicía de  que ante as reiteradas denuncias públicas a Conselleira de Medio Ambiente  “viuse obrigada” a comprobar si era certa a turbidez e contaminación das augas. A visita  de autoridades e Conselleira ao río servía para definir a situación como “inaceptábel “ e quedaba claro que  “depurarían  responsabilidades”. Aseguraban que a orixe da contaminación apuntaba a explotación do encoro en mans de Endesa.  Ao final todo se resumiu nun “teórico” expediente a Endesa co obxecto de “analizar e esclarecer a orixe da contaminación”.

Ante o gasto anunciado pola Xunta, podemos preguntarnos: é costume que paguemos todos os cidadáns o custo social da contaminación provocado presumiblemente, segundo apunta a consellería, por Endesa, empresa destacada pola contaminación da térmica de As Pontes e empresa hidroeléctrica que cotiza fora de Galiza?. Ningunha declaración ou nota oficial  vimos que citara que o responsable vaia pagar os gastos que se orixinan na potabilizadora, nen os gastos de reparar os danos ambientais, nin os gastos de beber auga embotellada e as  molestias ocasionadas na poboación, tampouco citaron ate agora posibles sancións  ou perda de dereitos..., en fin  algunhas  empresas  sempre traballan  como si o terreo fora conquistado.

Este non é un feito illado, as noticias sobre o Eume son recorrentes (ano 2009, 2010, 14...),  a contaminación, degradación, vertidos “crónicos” son continuos no Eume e en moitos ríos e aparte teñen  vertidos puntuais  agudos e graves. Si o Eume está así e pertence a un Parque Natural, poden imaxinar como estarán outros rios ?. Os concellos e en xeral a administración, miran para outros lado ate que transcenden con casos como o que aquí apuntamos ou ate que o voluntariado ambiental e as asociacións de defensa da natureza, -en setembro 2020 foron 64 entidades e 88O voluntarias/os  que suplen o papel da administración-   o poñen en evidencia: retiraron  nuns poucos tramos dos ríos 14 toneladas de lixo  .

Pouca inversión e abandono

A propia Augas de Galicia no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2015-2021 afirmaba que o 21% das masas superficiais naturais de auga tiñan un estado ecolóxico  entre moderado, deficiente ou malo e detectaba 28 especies exóticas  invasoras  (plantas vasculares, invertebrados, peixes...) pero aínda así o Plan  destina cantidades ridículas para restauración fluvial, so 6,8 millóns de euros dun total de 654 millóns que van a outros 11 apartados. Para o ano 2020 son  1,13 millóns destinados a restauración e 202.502 euros corresponden a conservación e mellora da estrutura e funcionamento dos ecosistemas acuáticos, cando os custes totais  do Plan Hidrolóxico son 112,8 millóns .

O abandono e desinterese xeneralizado dos ríos, antes ricos en recursos vivos, contrasta coa preocupación que teñen concellos e organismos públicos na creación de pequenas rutas fluviais e sendeiros  nas zonas urbanas  con fins turísticos sempre en áreas moi concretas e restrinxidas e con obras que a veces fan desaparecer zonas periglaciais de intres ecolóxico. Os proxectos son curtos, non superan a decena de quilómetros e na maioría dos casos son de centenares de metros, eso si a administración góstalle empregar grandes cartaces anunciándoos e madeira nórdica nos paseos, nunca madeira galega (Galiza é o noveno produtor de madeira da UE),  e góstalle gastar ou xustificar gastos de  decenas ou centos de miles de euros  con fondos propios  ou de organismos europeos.

Por si o anterior non chegase, a administración tampouco cumpre a lexislación sobre zonas de servidume de paso. Os cursos fluviais, están suxeitos en toda a sua extensión lonxitudinal a unha zona de servidume de cinco metros de anchura coa finalidade de uso público (peonil, protección do ecosistema, vixilancia, conservación , salvamento...) pero esta zona está maioritariamente intransitábel ou  con impedimento de paso.

O curioso é que os organismos públicos  teñen nos ríos unha fonte de recadación. A Valedora do Pobo, o Concello e a empresa concesionaria de augas de Ferrol teñen sobre a mesa unha denuncia e queixa colectiva por  cobro “abusivo”  da taxa da auga. Segundo a Plataforma de veciños a  depuradora de augas EDAR-Ferrol, cobrou un imposto sobre saneamento durante 31 meses  sin que estivese prestando  servizo, nada menos que 7,12 millóns en concepto de taxa de depuración e mesmo manifestan que non se cobra por consumo real senón por mínimo o que prexudica  e discrimina a vivendas que teñen    unha/dúas persoas, beneficiándose as empresas concesionarias. @mundiario

Comentarios