As duas decisións de Feijóo

El presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. / @FeijooGalicia
Alberto Núñez Feijóo. / @FeijooGalicia
A primeira atinxe á propia presentación da súa candidatura aos comicios á cámara lexislativa do Hórreo. A segunda fai referencia á fixación da data na que se celebrará semellante cita electoral.
As duas decisións de Feijóo

Nas vindeiras semanas, Alberto Núñez Feijóo terá que adoptar dúas decisións que poden provocar impactos relevantes na conxuntura política galega. A primeira atinxe á propia presentación da súa candidatura aos comicios á Cámara lexislativa do Hórreo. A segunda fai referencia á fixación da data na que se celebrará semellante cita electoral.

Aínda que oficialmente non se efectuou a proclamación, dáse por feito que o actual presidente da Xunta recuncará como candidato polo PPdG. Certamente, tal previsión ten elevadas probabilidades de ocorrencia. Porén, a demora na formalización da súa futura presenza nas urnas suscita algunhas dúbidas por canto non semella verosímil que a causa explicativa desta xestión dos tempos preelectorais radique na suposta obtención dos máximos rendementos publicitarios asociados a esa práctica. A estas alturas, a capacidade de sorpresa que pode suscitar Feijóo entre os seus adversarios políticos ou sobre a propia opinión pública resulta insignificante.

Alberto Núñez enfrontase a un dilema complicado: se decide non concorrer, elimina os riscos dunha derrota persoal a cambio de colocar ao seu partido en inferioridade de condicións para competir pola vitoria. Se opta pola presentación asume a posibilidade -mais real que nas anteriores ocasións- da saída da vida política pola porta dos derrotados. Despois de conseguir -contra unha parte significativa dos prognósticos- a maioría absoluta dos 38 escanos no 2009 e ampliar a cifra ate 41 no 2012 e no 2016, non é doado asumir as evidentes dificultades asociadas á repetición de semellantes rexistros numéricos. Con semellante traxectoria, é lóxico que aparezan as dúbidas e os cálculos. Moitos mais cando a marca PP non atravesa, precisamente, o mellor momento reputacional no mercado electoral.

A incógnita sobre a data das eleccións ten, nesta ocasión, unha dimensión novidosa. É sabido que a persoa que dispón desta prerrogativa busca, sempre, o momento mais favorábel para o seu partido. O actual presidente da Xunta ten, enriba da mesa, unha carta que antes non tiña: a posibilidade de promover a coincidencia cos anunciados comicios ao Parlament de Catalunya. Que vantaxes podería acadar con esa operación? Por unha banda establecer a contraposición entre a “estabilidade” da política galega que el representaría e a “incertidume” da dinámica catalana e, ao mesmo tempo, estimular unha analoxía entre as forzas galegas potencialmente conformadoras dunha alternativa gobernamental ao PPdG e as organizacións que, no ámbito catalán, se moven no universo da esquerda e do nacionalismo.

A transcendencia destas dúas decisións non é, obviamente, equiparábel. Unha eventual renuncia de Feijóo como candidato decantaría o prognóstico do resultado final en favor das forzas da actual oposición no Hórreo. O calendario electoral pode complementar os efectos doutros factores pero non é, por si mesmo, decisivo. @mundiario

Comentarios