DE BOLINA

Do ecocentrismo, ou da Natureza con personalidade xurídica

Islas Atlánticas, Galicia. Parque Nacional Illas Atlánticas.
Parque Nacional Illas Atlánticas, en Galicia. / Turismo de Galicia

A relación home - Natureza ten que cambiar, e que se deixe de entender que o ser humano ten ao seu servizo toda a Terra. O homo sapiens só é unha parte integrada neste planeta. Dotar de personalidade xurídica a  espacios naturais pode ser un bo instrumento para avanzar.

Do ecocentrismo, ou da Natureza con personalidade xurídica

A raza humana forma parte da Natureza pero ten unha relación con ela de amor-odio. O home destrúe o propio hábitat e convive cos cataclismos, que nalgúns casos están influidos polo deterioro que el provoca e que se incrementarán co cambio climático. Temos que modificar forzosamente esa influencia actual do ser humano no planeta Terra porque está a provocar consecuencias desesperanzadoras.

Do antroponcentrismo ao biocentrismo

A relación Home -Natureza describiuse, ata agora, desde tres puntos de vista. A inicial visión antropocéntrica, con orixes escritos na Biblia, considera que os recursos naturais existen para que o home dispoña deles. Dela pasouse á visión biocéntrica, na que ao home xa se lle esixe responsabilidade na conservación e coidado dos recursos naturais. Estas dúas maneiras de entender a interrelación home-medio non conseguiron frear o proceso de destrución. E, por iso, xurdiu un terceiro xeito de enfocar esta convivencia: a visión ecocéntrica, na que se concibe á Natureza, onde se integra o home, como suxeito de dereito, ata o punto de considerar que os espazos naturais dispoñen de personalidade xurídica propia e, polo tanto, poden defenderse con autonomía diante de calquera ataque, quedando facultados para esixir o recoñecemento e respecto dos dereitos bioculturais (biocultural rights).

Espacios naturais con personalidade xurídica propia

Esta novísima corrente vén de ter un recoñecemento explícito, outorgado pola Corte Constitucional de Colombia, admitindo a personalidade xurídica propia do río Atrato, que atravesa unha selva tropical, nun territorio de gran diversidade natural, étnica e cultural, onde conflúen múltiples grupos raciais e que está afectado pola minería para a extracción de ouro e platino, pola explotación forestal, a guerra e o narcotráfico. No ano 2015 diversas ONG presentaron un litixio para defender os dereitos do propio río e das comunidades da súa ribeira. A Corte Constitucional de Colombia declarou que o río Atrato ten personalidade xurídica e que ostenta dereito á protección, conservación, mantemento e restauración. Ou sexa que ese río pode exercer accións dirixidas a que non se lle vulneren os seus dereitos, como calquera persoa xurídica. Antes fixéranse declaracións parecidas para o río Ganges na India e para o Wanganui en Nova Zelanda.

Espazos naturais en Galicia

En Galicia dispomos de moitos espazos naturais. Un deles, ademais do Parque Nacional das Illas Atlánticas,  que sinalamos como exemplo, que forma parte da Comarca do Salnés, é o denominado Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, sobre o que conflúen as denominadas Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais Complexo Ons O Grove, Zona de Especial Conservación, Zona de Especial Protección para as Aves e Zona Ramsar. Un incrible tesouro natural. Imaxínense que esta visión ecocéntrica, que se lle recoñeceu ao río Atratos, se incorporase ao Dereito español ou ao europeo e que esta zona natural dispuxese de personalidade xurídica propia para soster e exercer os propios dereitos para a protección, conservación e mantemento, podéndose defender por si mesma. Con seguridade sería un camiño, por exemplo, para acabar cos vertidos -insultante o de Sanxenxo na Revolta- e, tamén, para conservar os dereitos bioculturais dos que vivimos nesa Zona. Avanzariamos. @mundiario

Comentarios