DE BOLINA

Do catro de febreiro, Día Internacional da Fraternidade

António Guterres, secretario general de la ONU. / Archivo.
António Guterres, secretario xeral da ONU.
Se se conseguise completar liberdade e igualdade cunha actuación en fraternidade, a Humanidade sairía adiante; se non, pode que non vallan nin unha nin outra.
Do catro de febreiro, Día Internacional da Fraternidade

O papa Francisco, o Gran Imán de Al-Azhar e o Secretario  Xeral da ONU xuntáronse neste Día Internacional para resaltar a vixencia da fraternidade como camiño de saída para os problemas da hHumanidade. É ben certo que a fraternidade, vella utopía, aparece no lema da Revolución Francesa a carón de liberdade e igualdade, pero non se materializou como xeito de actuación no devir da Humanidade.

Fraternidade ten dúas acepcións. Unha individual, referida ao afecto entre irmáns de sangue que non ofrece dúbidas; e outra, estendida á Humanidade, ten un significado fermoso pero describe a máis grande das falacias porque nunca existiu e se algo caracteriza á traxectoria humana é o antónimo: a guerra. E mira que este vocablo vén dando voltas pola Historia!. Esa quimera frustrada está presente desde as orixes do home. Empeza no libro da Xénese, cando relata que Caín matou a Abel e converteuse no primeiro exiliado, errante e estranxeiro pola Terra. Fratricidio e exilio, actos opostos á irmandade xa desde os días iniciais. Segue con Antígona, que invoca a fraternidade como lei natural contra a lei dunha cidade e desoe as ordes de non soterrar a un irmán, sendo ela mesma sepultada en vida por incumprir, co trasfondo da guerra de Tebas. Fillos enfrontados e traxedia, outros antónimos.

Cristianismo e fraternidade

O cristianismo, desde os comezos, predicou o amor fraterno como sinal de identidade e os seus monxes chamáronse de frades e as monxas de freiras, verbas derivadas do latino frater. Sen embargo, esa fraternidade non era universal senón reducida aos que crían no mesmo -dixo o papa Ratzinger no seu libro de 1960, “La fraternidad de los cristianos” que “o cristián é antes de nada, e só, irmán do cristián”- e, por iso, dou lugar, como outros credos proselitistas, a guerras contra outras relixións e entre cristiáns. En Francia, na coñecida noite de San Bartolomeu, 23 de agosto de 1572, masacráronse a uns vinte mil cristiáns calvinistas por discrepar con que só coa fe era posible alcanzar a gloria, en vez de coas boas obras, como defendían os católicos. Foron máis os cristiáns asasinados nesa matanza que nas persecucións do Imperio Romano e, para máis inri, o papa Gregorio XIII ordeou acuñar unha moeda conmemorativa.

Revolución Francesa

Por seguir en Francia, mentres mandou Robespierre o lema da Revolución de 1789 foi “Liberté, Égalité, Fraternité ou la Mort”, de xeito que o disidente collía o camiño da guillotina. Pasado ese período inicial, suprimiuse o nada fraternal “ou la mort” e a República Francesa gábase desas “liberdade, igualdade, fraternidade”. Con iso e todo, alí existiu ata 2018 o chamado delito de solidariedade, que castigaba por axudar a un inmigrante ilegal. O caso de Cédric Herrou, un agricultor da fronteira francoitaliana condenado a multa e cadea por auxiliar a inmigrantes sans-papiers, chegou ao Consello Constitucional galo, que recoñeceu a Fraternidade como principio constitucional e anulou tal condena. Liberdade e igualdade deron lugar a infinitas literatura e praxes -capitalismo, liberalismos, comunismo-: a dereita, coa liberdade por bandeira e a esquerda, co pavillón da igualdade. Pero todos esqueceron a fraternidade que, precisamente, sería o xeito de actuar tanto en liberdade como en igualdade e impediría, nin sequera concibir, guerras ou matanzas. 

Grandola, vila morena

Vénme agora á memoria a letra de “Grândola, vila morena / terra da fraternidade”, estreada polo seu autor, José “Zeca” Alfonso, en Santiago un 10 de maio de 1972 e que transcendeu de emblema da “Revolução dos Cravos” de 1974 a himno mundial: “Em cada esquina, um amigo / Em cada rostro, igualdade / Grândola, Vila Morena / Terra da fraternidade”. É posible que a interpretación que mellor reflicta o simbolismo desta canción sexa a dos Ganhões de Castro Verde, por moi inesquecibles que sexa a do autor ou a impresionante de Amália Rodrigues.

4 de febreiro, Día Internacional da Fraternidade Humana

O actual Papa publicou no pasado outubro a sua terceira encíclica, Fratelli Tuttina que rexeita a guerra, e outras actitudes como o racismo que reflicten comportamentos contrarios á fraternidade. O día 4, no que se celebrou o Día Internacional da Fraternidade Humana, reuníronse virtualmente o papa Francisco, o Gran Imán de Al-Azhar e o Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres.  O Secretario Xeral da ONU, mostrou “a profunda preocupación polos actos que constitúen unha apoloxía do odio relixioso e socavan o espírito de tolerancia e de respecto da diversidade, especialmente nun momento no que o mundo se enfronta á crise sen precedentes ocasionada pola pandemia do coronavirus, que esixe unha resposta mundial baseada na unidade, a solidariedade e a cooperación multilateral renovada”. 

Se se conseguise completar liberdade e igualdade cunha actuación en fraternidade, a Humanidade sairía adiante; se non, pode que non vallan nin unha nin outra. @mundiario

Comentarios