DE BOLINA

Do abandono do patrimonio cultural etnolóxico

O manancial, con portada pétrea e o lavadoiro de Fefiñáns (Cambados) acorralados por instalacións municipais de recollida de refugallos.
O manancial, con portada pétrea e o lavadoiro de Fefiñáns (Cambados) acorralados por instalacións municipais de recollida de refugallos.

Normalmente está nas mans da Administración local a protección do patrimonio etnolóxico, que  se ben non é o máis monumental, é o máis achegado aos xeitos de vida, particularmente no rural.

Do abandono do patrimonio cultural etnolóxico

Sería inxusto dicir que o Concello de Cambados non se preocupa do patrimonio cultural porque, aínda que houbo notorias desfeitas, é o municipio do Salnés máis sensible con esa riqueza.

Exemplos notorios desa sensibilidade son Santa Mariña, o casco histórico, a torre de San Sadurniño ou a Praza de Fefiñans. Por iso sorprende extraordinariamente o absoluto desleixo que se observa no lavadoiro público que dá nome á rúa Fonte de Fefiñáns, que posiblemente sexa o máis monumental do Salnés: un elemento etnolóxico de notables dimensións, co manancial cun fermoso portal de pedra e a carón da contorna de protección do BIC Pazo de Fefiñáns. Crece, ademais, na súa parcela un notable metrosidero.

Actualmente presenta un estado de conservación lamentable: auga correndo por fóra, tellado estragado, graffitis, sucidade e rodeándoo, perturbando a visión do conxunto etnolóxico, un transformador de material plástico con pintadas, unha ridícula gateira e uns oito contedores de lixo, que pola habitual falta de limpeza desprenden un cheiro nauseabundo porque son neles onde a hostalería da zona deposita residuos orgánicos da súa actividade.

Na mesma praza hai outros dous grupos de colectores de lixo, algúns soterrados: non se coñece outro sitio, en ningures, con tanta acumulación de colectores en tan pouco espazo.

Hórreos, cruceiros, cruces de mortos, petos de ánimas, muíños de río, de mareas ou de vento, fontes e lavadoiros comunais ou públicos, telleiras, pontellas, recintos de feira, carballeiras públicas, fábricas de salga, carpinterías de ribeira, embarcacións tradicionais dependen da sensibilidade do correspondente concelleiro encargado do patrimonio e, a verdade, case nunca se pode observar que se preste a atención e coidado  mínimos que merece.

Un exemplo notable de desleixo é o trato que lle dá o Concello de Cambados ao manancial e lavadoiro de Fefiñáns, no casco urbano desa vila, que pode valer como paradigma da situación xeral. 

O que faltaba é que estes días o Concello de Cambados instalou entre a rúa, con aparcamento de coches en doble fila, e o conxunto etnolóxico uns composteiros eliminando a cuberta vexetal preexistente. É vergonzoso porque supón unha falta de respecto, incrible, impropia, a esta construción tan significativa e, ademais, vulnerando a legalidade.

A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia considera aos lavadoiros como bens integrantes do patrimonio etnolóxico; establece un entorno de protección de vinte metros que aquí se viola de xeito groseiro, ao acumular instalacións desaxeitadas, maiormente destinadas á recollida de refugallos e que, obviamente, non contribúen, precisamente, a resaltar ese ben cultural.

Os lavadoiros como reivindicación feminista

Pero é que, ademais, esta aldraxe faise a un elemento etnolóxico cunha compoñente fundamental de reivindicación do rol histórico da muller, nun municipio que hoxe encabeza unha alcaldesa, porque os lavadoiros tiveron un papel extraordinario como lugar de encontro e espazo de socialización feminino ata a chegada da auga corrente e as lavadoras, no último cuarto do século XX.

Foron as mulleres as que deron vida a estes lugares onde os homes eran alleos, non sendo en vergonzantes ocasións na mentalidade deses tempos. Os lavadoiros, e por suposto as fontes, cumpriron tamén a función de ser onde as mulleres se organizaban, contábanse confidencias, compartían sentimentos, penas, alegrías e transmitíanse coñecementos.

Por outra banda, o fomento público dos lavadoiros representou, aparte da mellora das condicións do traballo de lavar, tamén un couto para o control da muller, ao ser un lugar aberto, visible, porque ata fai ben pouco a muller tiña que estar localizada entre a casa e a igrexa, nas labores do campo ou no lavadoiro. Todo iso sen deixar de lembrar o oficio das lavandeiras. Esa fonte seguramente abasteceu de auga á poboación do núcleo de Fefiñáns, co correspondente carreto de baldes e vivencias, que aínda queda quen poida contalas.

Estas construcións transcenden, pois, calquera idea de conservación por razón da súa peculiar arquitectura -notabilísima neste caso- ao presentaren aspectos históricos, sociolóxicos, antropolóxicos e de reivindicación feminista.

Por todo iso non é doado entender o abandono e desprezo do lavadoiro e manancial da Fonte de Fefiñáns e alguén tería que pedirlle á Alcaldesa de Cambados que saque, por favor, toda esa quincallada que rodea eses elementos etnolóxicos e  que lle dea o realce e respecto que merecen. Como alguén tería que pedirlle aos concelleiros de patrimonio de tódolos municipios que fagan o mesmo en cada unha das aldeas de Galicia. @mundiario

Do abandono do patrimonio cultural etnolóxico
Comentarios