“A división no PP non é certa”, sinalou a vicesecretaria de comunicación

Marta González Vázquez, recentemente nomeada vicesecretaria de comunicación do Partido Popular. / CRTVG
Marta González Vázquez, recentemente nomeada vicesecretaria de comunicación do Partido Popular. / CRTVG

Marta González Vázquez se referiu ó máster de Pablo Casado, cuxa obtención esta a ser investigada pola Xustiza.

“A división no PP non é certa”, sinalou a vicesecretaria de comunicación

Hoxe estivo no Bos Días da Televisión de Galicia Marta González Vázquez, recentemente nomeada vicesecretaria de comunicación do Partido Popular. Durante a entrevista con Marcos Sueiro falou dos novos retos do PP co seu novo presidente e da actualidade política do noso país.

A política galega referiuse en primeiro lugar ós atentados de Barcelona e Cambrills, dos que hoxe se cumpren un ano. Afirmou que "é un día de tristura pero tamén de reivindicación da democracia, da liberdade e dos dereitos humanos". Así mesmo, sinalou que había que afastarse de reivindicacións políticas e “só centrarse nas vítimas”.

Arredor da nova etapa que comeza o PP tras a elección de Pablo Casado como presidente, afirmou que “hai moitísima ilusión e ganas de traballar, coa idea de estar preparados para os novos retos que a sociedade demande de nós”. González declarou que “a división non é certa” e manifestou que unha vez que rematou o proceso, todos son compañeiros e membros do Partido Popular.

A vicesecretaria de comunicación tamén se referiu ó máster de Pablo Casado, cuxa obtención esta a ser investigada pola Xustiza. González sinalou que “é un problema ficticio creado polos medios e promovido polos partidos para degradar a imaxe dun novo líder ilusionante”. Así mesmo, afirmou que o asunto non preocupaba en absoluto no seo do partido e que “a evidencia máis clara é a vitoria de Casado nas primarias”. Ante as afirmacións de que con Casado o PP sufrira unha viraxe á dereita, González explicou que “non penso que o PP estea xirando á dereita” senón que agora o partido non se reprime á hora de expresarse: “Hai máis claridade na mensaxe e unha maior contundencia”.

Marta González salientou que “o PP vai facer unha oposición firme” e asegurou que o PSOE está a vivir de réditos, facendo pasar por seus logros que non o son, como os orzamentos e a oferta pública de emprego. Para rematar, fixo fincapé no emprego de medios públicos por parte de Sánchez para viaxes privadas ou o novo posto de traballo da súa muller, afirmando que “é moi triste que os que presumían de volta á decencia teñan tantas noticias chamativas”. @galiciamundiari

Comentarios