Discurso na entrega do Premio Diego Bernal 2023

Alfonso Rueda entrega el Premio Diego Bernal a José Luis Gómez. / Xunta de Galicia
Alfonso Rueda entrega o Premio Diego Bernal a José Luis Gómez. / Xunta de Galicia
Discurso do editor de MUNDIARIO, José Luis Gómez, no acto de entrega do Premio Diego Bernal 2023, concedido pola Asociación de Periodistas de Galicia.
Discurso na entrega do Premio Diego Bernal 2023

Presidente da Xunta de Galicia, autoridades, amigas, amigos, quero agradecer ao Xurado a concesión do Premio Diego Bernal, galardón que aprecio especialmente, pois síntome vencellado a el por varias razóns: a primeira, porque tiven a oportunidade de ter relación persoal e profesional co gran xornalista que da nome ao premio, o entrañable, intelixente, divertido e santiagués Diego Bernal; a segunda, por ser un premio que conceden os compañeiros e compañeiras de profesión, co difícil que é hoxendía ter recoñecementos xerais e transversais, e a terceira, por ter asistido á entrega deste importante premio a notables xornalistas do noso País. Xa que logo, todo o meu agradecemento. De corazón. Tamén, por suposto, a Pepe Castro e a María Méndez polas súas cariñosas palabras e por toda unha vida levándonos ben, cada un coas súas ideas.

Cando recibín de María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, a noticia da concesión, a miña reacción inicial foi de emoción. Despois, ao ter un pouco de tempo para pensar nas razóns polas que recaeu en min esta honra, concluín que, froito da xenerosidade do Xurado, prémiase na miña persoa a moitas outras que contribuiron a que hoxe esté aquí.

Un é o froito de quen ten ao seu arredor, dos compañeiros, dos amigos, da familia... E eu confésome afortunado despois de traballar con grandes xornalistas en Compostela, na Coruña, en Vigo, en Barcelona, tamén en Madrid e por España e Europa adiante.

Xa me gustaría poder mencionalos hoxe a todos, pero hai nomes dos que non me podo esquecer. Son os xa finados José Luis Alvite, Armando Fernández-Xesta, Juan Ramón Díaz, Antonio Franco e Ancaaos que debo engadir outros nomes importantes na niña carreira: Rey Novoa, Emilio Rey, Luis Fernández, Ángel Expósito, Carsten Moser, Sánchez Izquierdo, Jacinto Rey e Óscar Outeiriño. Máis alá das diferenzas, é bo ser agradecido, do mesmo xeito que o é saber estar en certos postos para procurar facer as cousas ben, ata que chega o tempo de cambiar.

Especialmente nestes tempos, tamén quero salientar o papel que teñen os medios no mantemento da calidade da democracia e o seu rol de proximidade, acentuado en Galicia grazas a periódicos como La Región ou El Progreso. A fin de contas, como sostiña o falecido director de La Repubblica de Italia, Eugenio Scalfari, "os xornalistas son persoas que lle contan á xente o que lle pasa".

Hai crise no xornalismo? Sí. Mesmo hai malas prácticas? Sí. Pero tamén hai moitas cousas boas, como a amizade, a honestidade de uns, e o compromiso e a profesionalidade doutros. En calquera caso, non estou hoxe aquí para dar leccións a ninguén, e menos a vos, que sodes magníficos e experimentados xornalistas, sabedores de sobra de que vai todo isto…

Para facer xornalismo temos referentes, espellos propios nos que mirarnos. A prensa de calidade en España caracterizouse durante a maior parte da democracia por adoptar tendencias, pero non por ser partidaria, senón máis ben por ser plural e veraz na súa información, e por fixar posición só na súa sección de opinión.

Ter tendencia é o habitual tamén na prensa anglosaxona, se cadra a de maior prestixio no mundo pola súa capacidade de análise e interpretación da realidade, ben combinada coa súa probada capacidade de investigación.

A segunda metade dos 70, os 80 e os 90 foron anos de bonanza para a prensa: mellorou a calidade, vendíanse moitos exemplares, había suficientes subscritores e non faltaba a publicidade. Por entón, os bos diarios gañaban diñeiro e pagaban razoablemente ben aos seus xornalistas, que podían ser independentes. Naqueles tempos felices por alí andábamos Ruco Lezcano –xa falecido–, Gaciño, Caetano, Carlos Luis, Morgan, Paco, Pousa, Leoncio, Vilela, Xosé Ramón, Vituco, Bieito, Pastor, Fernando…, tamén Ojea, Julián, Xabi, Fariñas, Rafa, Martín, Man, Fernanda, Sola, Rubín, Manolo, sempre Xurxo… e tantos outros como David, Rodil, Pablo, Miguel Ángel..., ou Sangiao, Doda e Mónica, cos que coincidín en distintas etapas.

Dicía George Orwell, un referente ético, que “Xornalismo é publicar o que alguén non quere que publiques. Todo o demais son relacións públicas”. Posiblemente esaxerou un pouco, pero é un criterio a non perder de vista.

Augusto Assía díxome un día na súa casa de Xanceda: “Se o Times de Londres colorea as fotos, toda a prensa publicará as fotos en cor”. Se vivise, hoxe preguntaríalle: se o New York Times cobra polas súas noticias en liña, todos os diarios cobrarán?

Por desgraza para os medios, os agregadores non están baixo o seu control. Nin en España nin siquera nos Estados Unidos. Os grandes operadores nese mundo e no das redes sociais –casi todos norteamericanos e chinos– encauzan os medios, pero non teñen una verdadeira cultura de prensa. Hoxendía todo está moi embarullado. Mesmo hai xente que pensa que o que se di nas redes ten a entidade do xornalismo, sen decatarse de algo tan elemental como que nas redes apenas se fai xornalismo e menos ainda investigación.

Está ben innovar, claro que sí, están xenial os podcast, os vídeos con entrevistas ben editadas, mesmo algúns  textos feitos de documentación con intelixencia artificial, pero –por favor– non deixemos que os rapaces pensen que un tiktok ou un tuit é xornalismo. E menos xornalismo de calidade e de investigación. As tecnoloxías poden axudar, e moito, pero as exclusivas non brotan nas leiras tecnolóxicas, senón grazas as habilidades dos bos xornalistas, xeralmente xornalistas con fontes.

Dito todo isto, quedo ao voso dispor, tamén desde MUNDIARIO, que é por riba de todo un medio plural no que garantimos a liberdade de expresión. Xa sexa para escribir no periódico ou para escribir libros en MUNDIEDICIONES. De feito, dous dos nosos libros teñen que ver coa APG: nun deles Arturo Maneiro escribe sobre os inicios da radio en Galicia, e noutro, algúns de nós escribimos arredor da figura de Arturo, que no epílogo desa obra coral lémbranos que os xornalistas temos unha profesión emocionante.

María Méndez, Alfonso Rueda y José Luis Gómez. / @Concello de Oleiros
María Méndez, Alfonso Rueda y José Luis Gómez. / @Concello de Oleiros

Moitas grazas a todos e a todas. Por suposto, moitas grazas benquerido Pepe, grazas María –neste caso teño que repetir o nome, ¡María!– e moitas grazas Alfonso, a quen hoxe debo dicer: grazas Presidente. Moitas grazas emocionadas a todos e a todas. Tamén, como non, ao meu amigo Paco e a miña nai, Lourdes de Souto, a aldea de Brión na que nacín. @mundiario

Discurso na entrega do Premio Diego Bernal 2023
Comentarios