O director xeral destaca o saneamento das contas anuais da CRTVG

Alfonso Sánchez Izquierdo. / Mundiario
Alfonso Sánchez Izquierdo. / Mundiario

O reto para o futuro reside nas novas competencias que demanda a actividade dos medios públicos e mesmo en xestionar eses cambios compasándoos coas necesidades produtivas.

O director xeral destaca o saneamento das contas anuais da CRTVG

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, compareceu hoxe ante a Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia para presentar as contas anuais da Corporación correspondentes a 2017, cumprindo coa obriga marcada pola Lei 9/2011 de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia. No 2017, a Corporación xestionou un orzamento de 107,6 millóns de euros.

O director xeral salientou que a CRTVG pechou tamén o ano pasado cun resultado orzamentario positivo, por valor de 1.605.000€, tendencia que se repite desde 2009. Sánchez Izquierdo explicou que “o escenario orzamentario da CRTVG entre 2009 e 2017 estivo caracterizado por unha redución de orzamento de 40 millóns (un 27%) e tamén das achegas patrimoniais da comunidade autónoma que se reduciron en 28 millóns de euros, un 22%.

Sánchez sinalou tamén a rendibilidade social da Corporación e que a xestión económica do exercicio fixo posible que “o custo da Corporación por habitante baixase desde 2009 ata situarse actualmente nun valor inferior a 35 euros/ano”. No que respecta aos gastos de persoal, acadaron no 2017 “un valor de 48,8 millóns de euros, sendo no 2016 de 49,4, o que pon de manifesto unha tendencia de contención”, citou o director xeral.

Neste eido laboral, e no período 2009-2017 executouse un plan de saneamento da xestión laboral, financiado con recursos ordinarios, que tivo un custo total de 38,1 millóns de euros, e un proceso extraordinario de consolidación que propiciou contornas de estabilidade no emprego. O reto para o futuro reside nas novas competencias que demanda a actividade dos medios públicos e mesmo en xestionar eses cambios compasándoos coas necesidades produtivas.

En canto á débeda neta, a CRTVG presentaba a 31 de decembro de 2017 un importe de 2,5 millóns de euros, o que significa un saldo favorable á Corporación por este importe e confirma a mellora paulatina desde 2009. @galiciamundiari

Comentarios