Diego Calvo anuncia que se presenta á reelección como presidente do PP na Coruña

Diego Calvo. / Mundiario
Diego Calvo. / Mundiario
Define o proxecto do PP provincial como algo colectivo, lonxe de personalismos e cun traballo baseado na humildade e o servizo aos cidadáns.
Diego Calvo anuncia que se presenta á reelección como presidente do PP na Coruña

O Congreso Provincial do PP da Coruña terá lugar o próximo 25 de setembro, tal e como aprobou a xunta directiva provincial reunida na Coruña baixo a presidencia de Diego Calvo e coa asistencia, entre outros, do secretario xeral do PPdeG. A cita, á que se poderán presentar candidaturas ata o día 3 de agosto, terá lugar despois da celebración do congreso galego esta fin de semana, onde Alberto Núñez Feijóo revalidou a confianza dos afiliados e onde quedou constancia, segundo explicou Diego Calvo, de que o Partido Popular traballa na mesma dirección en todos os puntos de España.

“Está claro que somos un partido forte, unido, e cos obxectivos de traballo moi claros, centrados nas próximas eleccións municipais do ano 2023 e nas xerais do ano 2024”, explicou Calvo, que engadiu que o Partido Popular da provincia da Coruña está “obrigado” a recuperar as alcaldías que nunca deberon perderse nas eleccións do ano 2019 e volver a gobernar a Deputación da Coruña.

Coa vista posta nesas citas electorais, anunciou a súa disposición a seguir ao fronte da organización provincial outros catro anos. “Teño falado estes últimos días con moitos afiliados e cos responsables municipais da maior parte da provincia e, se a militancia así o quere, estou a súa disposición para seguir traballando como ata agora polo noso partido”, asegurou. 

Un partido ao servizo dos coruñeses

Durante a súa intervención, salientou o seu convencemento de que o Partido Popular é o que máis se parece aos coruñeses e a única formación política capaz de dar resposta plural ás necesidades plurais dos coruñeses.

“Empezamos no 2016 un traballo moi importante, renovando e consolidando as nosas estruturas locais, e nas últimas eleccións autonómicas conseguimos un resultado histórica, o mellor da nosa provincia ata o momento logrando 14 deputados autonómicos”, argumentou Calvo, que animou aos responsables municipais “a dar o mellor de si para recuperar os gobernos locais”. 

“Temos que blindar aos nosos alcaldes revalidando as nosas maiorías absolutas, e temos que gañar tamén en moitos concellos nos que non gobernamos por moi poucos votos, sobre todo nas cidades, onde non é suficiente con sacar máis votos que os demais e temos que facer un traballo moi importante”, matizou o líder provincial, que anunciou un Congreso Provincial reformista e renovador que demostrará que o Partido Provincial da Coruña non é un proxecto individual, senón colectivo e por riba de personalismos, tal e como se demostrou no Congreso do PPdeG celebrado este fin de semana pasado. 

“Quedou claro que o Partido Popular, todo o Partido Popular de España, traballa na mesma dirección, que non é outra que dar resposta ás necesidades dos cidadáns. Iso é o que faremos tamén na provincia da Coruña”, apuntou. 

Reactivación económica

Diego Calvo fixo fincapé en que o traballo dos próximos anos terá que centrarse na reactivación económica post-pandemia, algo no que os concellos teñen que ser fundamentais. “Unha vez máis, teño que eloxiar o enorme traballo feito polos nosos alcaldes durante a pandemia, e estou seguro de que volveremos estar á altura das circunstancias agora, cando toca facer un esforzo sobrehumano de cara á recuperación económica”, salientou. 

Calvo insistiu, finalmente, no carácter aberto e integrador do Partido Popular da provincia da Coruña, onde teñen cabida todas aquelas persoas que queiran facer algo por mellorar a calidade de vida dos seus veciños. 

Comunicacións a debate no congreso 

José Manuel Rey Varela e Fabiola García Martínez serán os responsables das comunicacións que se presentarán no Congreso Provincial do próximo 25 de setembro.

A do portavoz ferrolá versará sobre os Novos retos para o municipalismo e a da conselleira de Política Social centrarase nos Servizos públicos máis modernos e eficaces para a Galicia das familias. @mundiario

Comentarios