Un día 1 de novembro dos anos 50

Samaín ou Halloween? / YouTube
Samaín ou Halloween? / YouTube
Só quedan os colares de zonchos nun Samaín que, por máis que digan, tampouco é galego...
Un día 1 de novembro dos anos 50

​Un colar de zonchos no colo. Unha cabaza cun cabo de vela no seu interior xa valeirado situada nun curruncho escuro do alpendre, diante do curral. Un día gris, de chumbo. Unha lareira sempre acesa. Unha lámpada de carburo pendurada na mesma trabe na que se afuman os chourizos. Unha sella de madeira e un cazo de aluminio. Unha ventá que permite contemplar o palleiro, o hórreo con rateiras de pedra e a eira de terra pisada. Novembro. Todos os Santos e Difuntos. O cemiterio cheo de vidas que choran ós mortos.

Unha nena loira de carrapito teso que cheira ao mexo. Unha folla de calendario riba da artesa. Un morteiro de colas. As tañeiras dunha carrola agardando a mañá. A "Morena" e a "Lucera" na corte, a primeira unha vaca maronda, e a segunda unha vaca parida á que afastaron o cuxo para que nun mame todo o leite porque boa parte deste vai para o mercado de mañá en Cariño. Na mesma corte unha ducia de coellos que remoen no toxo do estrume e brincan na semiescuridade. Unha cabuxa, na corte pequena. reclama atención.

Un día 1 de novembro dos anos 50. Festa de mortos na lembranza de vivos. Aínda manda Franco. Aínda hai bágoas que demandan presencias. Hai, tamén, ausencias: as dos que permanecen presos por pensaren distinto; as dos que nunca máis han voltar; as dos que foron obrigados a disparar contra irmáns polo simple feito de vivir noutra rexión e un día renunciaron a facelo; as das nais que percuraron nas cartuxeiras de Viveiro o consolo de saber se o seu fillo era vivo ou morto; as dos que mandaron a un exilio absurdo. Mortos vivos que se levaron de nenos a Rusia e que algún día retornarían a un seus país libre de aqueles que non visitaban os seus mortos por Deus e pola Patria.

Unha pila de esterco ao pé do alboio agardando a ser esparexido na leira por sementar. Unha grade. Unha moa que mañá afiará e amolará fouciño, coitelos, lampos, fouces. Un par de raños que han levantar terróns. Un arado deitado no alpendre á espreita de novos sucos e somas. Unha taza de caldo espeso con anacos de unto como compango. Un cacho de broa. Un forno con brasa aínda morna na porta. Unha trepia con leña de toxo aceso de chama multicor. Os zonchos na pota para se coceren e que a mai faga colares para o neno e a nena no Día de Difuntos. 

Daquela mandaba que morreu na cama do seu cuarto. Hoxe mandan os iPad, os teléfonos móbiles, as tablet. Os mortos, no cimeterio, teñen flores novas do trinque. Na rúa, ao vaivén do ghalogüín, desfilan mozas e mozos nun adianto do carnaval de vivos. Son todos os santos, que van de paseo. Só quedan os colares de zonchos nun Samaín que, por máis que digan, tampouco é galego. @mundiario

Comentarios