Dez anos de Feijóo como presidente da Xunta deixan un ronsel de externalizacións

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. / Cortizo
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. / Cortizo

Malia que externalizar servizos públicos non signifique privatizar, constituíndo ademáis unha boa ferramenta para ampliarmos servizos públicos hoxendía inexistentes, dende a Grande Depresión, Feijóo usou desta arma, sobre todo no eido sanitario, para reducir a calidade do servizo público sanitario.

Dez anos de Feijóo como presidente da Xunta deixan un ronsel de externalizacións

Externalizar non é privatizar. O servizo público externalizado continúa sendo de titularidade pública e xestión privada e o xestor, o concesionario, ha continuar a prestar o servizo dacordo cas regras que lle sinale o sector público, e suxeito ao control e inspección da mesma. A colaboración público-privada, canda os consorcios interadministrativos, constitúe tamén unha ferramenta de ampliación dos servizos públicos cando os orzamentos non permiten grandes investimentos fixos.

Mais dende o comezo da Grande Depresión vivimos tempos nos que a externalización de servizos emprégase adoito para recurtar a calidade dos mesmos e transferir rendas ao sector privado a empresas próximas ao Poder, sempre refractarias á libre concorrencia, rent seekers piratas do público. Hai algúns anos, o Presidente Núñez Feijóo abría o hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo defendendo a externalización ds servizos non sanitarios. Falábase entón de que non confundíramos a sanidade pública coa hostalería intrasanitaria. Pouco despois, o  actual conselleiro Almuiña insultaba á nosa intelixencia dicindo que os hospitais non son hoteis e, xa que logo, o número de camas operativas non é o relevante.

O Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo é un bó exemplo dos gravísimos riscos da externalización. Porque nun hospital a alimentación integra tamén o proceso da curación. E non se pode curar se a hostaleria hospitalaria non é quén de atender as especiais necesidades de doentes de cancro e demáis enfermos consonte ca súa afección. Neste Hospital de Vigo chegouse ao extremo de confiar a alimentación dos doentes a unha empresa de catering que non atendía ás distintas necesidades alimenticias ordenadas polos médicos e á gravísima inconveniencia de que empregados da contrata de limpeza, operantes na cadea de suxo, accederán para limpar a contorna de doentes suxeitos a illamento.

Arestora  coméntase o abandono da empresa contratista dende 2017 do servizo de electromedicina do CHUS compostelán. Unha empresa contratada só polo seu baixo prezo e que non cumpre co mantemento contratado. Canto tardará o SERGAS en restablecer o bó funcionamento das súas esenciais tarefas para mover a xeito as camas e facer endoscopias, colonoscopais ou ECG?

E poderíamos falar dos baixos níveis de calidade na prestación de servizos en ámbitos como a extinción dos lumes, ambulancias, residencias de terceira idade e salvamento marítimo, baixa calidade moitas veces vencellada aos baixos prezos de licitación e/ou a desaqueladas perspectivas de marxe empresarial dos contratistas. Como tamén da gravísima inconveniencia de que existan traballadores pobres prestando servizos públicos esenciais para a sociedade.     

Externalizar é arriscado e habería reservarse só para aquelas actividades non esenciais nas que o sector público non poida estar presente sen investimentos desaquelados. @mundiario

 

                  

Comentarios