DE BOLINA

Cegado e desconcertado pola realeza e as luciñas

El rey Felipe VI en su mensaje de Navidad de 2020. / Mundiario
El rey Felipe VI en su mensaje de Navidad de 2020. / Mundiario
Estes días de  fin de ano non está de máis algunha reflexión sobre as condutas de Juan Carlos I e/ou Felipe VI; claro que, tampouco sobre un persoeiro  tan conspicuo como  o alcalde de Vigo.
Cegado e desconcertado pola realeza e as luciñas

Un xa vai entrado en anos -quen o diría!- pero aínda nin aprendeu todo o que hai que ensinarlle, nin veu todo o que hai que ollar, nin o día a día déixao de sorprender. E nestas datas de fin de ano nas que disque hai que repasar o acontecido, quero deixar aquí o meu asombro por algunhas cuestións que, a verdade, fanme dubidar se teño algo claro…a estas alturas.

Quixera sinalar, entre moitos, dous temas falándolles da Monarquía e do alcalde de Vigo; aínda que de quen estou a charlar é de min, porque non hai maneira de que entenda nada e vostede, esforzado lector deste De Bolina – que é navegar contra vento-, se cadra, igual me comprende. Ou non.

Do pasmo coa actuación da Corona con Juan Carlos I

Por protocolo empezarei coa Corona española que, de verdade, e xa sen mencionar as orixes desa institución, non me deixa escapar do desconcerto. Non sei se desconcerto é a palabra axeitada e se busco sinónimos atopo estupor, perplexidade, aglaio ou pasmo. Será un pouco de todo. Insisto, se acaso, no de pasmo, acordándome da novela de Torrente Ballester Crónica del rey pasmado,  e da fabulosa interpretación de Gabino Diego na película de Imanol Uribe. Claro que pasmado no galego da miña aldea é un froito que non creceu ben e no dicionario da RAG ten a acepción, digamos positiva, de "que sente tal perplexidade, asombro ou admiración ante algo que oe ou ve, que non pode reaccionar"; pero en castelán, no que escribía don Gonzalo, é máis, digamos, directo: "Dicho de una persona: alelada, absorta o distraída". Pois eso: un algo pasmado e enténdao como queira.  

Resulta que o daquela maneira fundador da dinastía, un produto do seu tempo, afeito a mañas nin edificantes nin respectables no eido tributario, por moito que estean cubertas polo ventante - na acepción de intuítivo- manto constitucional da inviolabilidade ou atuídas pola prescrición. Claro que como ultimamente Juan Carlos I viña moito por Galicia, e todo se pega, dirá que se viu obrigado a facelas polo sí ou polo non. Ocorreu que en canto ventou -na acepción relacionada co olfacto- un problema coa xustiza aplicou a vella doutrina da fuga, coa conivencia e consello de diversos poderes. Disque para non chamar a atención, a pesar de que desde esa evasión non se deixase de falar del un só día. Fuxiu, largouse, escapouse co rabo entre as pernas, a gozar da abdicación na quenturiña. Non parece un proceder exemplar nin intelixente neste mundo globalizado. Semella outras cousas. E, agora, para máis inri, din os papeis que disque o seu herdeiro -que renunciou (?) á herdanza futura do obtido ilegalmente -só faltaría-, non lle dá permiso para volver polo Nadal. E como se come iso? Quen é o fillo para prohibirlle ao pai, un cidadán con tódolos dereitos, que non vaia a onde lle pete?. Que argucia vén sendo esa?.

Claro que se é por non ter quen lle pague a luz nestes tempos que corren, que veña para Vigo e así enlazo co seguinte tema porque outro conto que me ten descadrado -non debe ser difícil- é o das luces de Nadal en Vigo.

Alumbrado navideño. / vigoe.es

O das luciñas polo Nadal na cidade olívica

A ver: Abel Caballero non é un calquera: atesoura unha formación intelectual envexable -coa pexa de que só utiliza o galego foneticamente-, doutor, catedrático de Teoría Económica, oficial da Mercante, ministro, escritor; en fin, que por calquera dos seus logros resulta admirable. É socialista, perfecto coñecedor dos principios desa ideoloxía, por moi augados que estean na actualidade polo pragmatismo.

Pois ocorre que leva anos co conto da ornamentación municipal con fondos públicos con luces, feirantes, barullo e quincallada para festexar o Nadal, celebración católica por excelencia. E prestándose el mesmo, como finísimo clown, a ser protagonista do espectáculo, aínda que xa parece, como as estrelas de Hollywood do pasado século, preso dunha especie de star system. Unha prodigalidade nestes tempos de bonos sociais pola carestía da enerxía que incrementa un tipo de visitantes á súa cidade en ondadas multitudinarias para extasiárense apampados coas luciñas, en momentos de restricións das aglomeracións. E, ademais, ese éxito popular xera un efecto de imitación por tódolos currunchos, máis de circenses que de panem. Como se estivese vixente unha política telecinqueña, por dicilo para que se me entenda. Pero a ver: o poder público en xeral e o socialismo en particular non é aconfesional, laico?

Medirase o éxito político polo share ou cota de audiencia?. E dende o punto de vista de construír fundamentos sociais, económicos, de futuro nun sitio como Vigo, acae esa pomposidade fatua?. Todo é discutible, pero ás miñas idade e acidez haiche cousas que xa non me cadran. Tocará reciclarme para entender que uns queren salvar/se a Corona e outros que o comercio gañe máis ou, vaite a saber, mesmo coroarse rei de Vigo. Serache así, mentres se lle deixe. @mundiario

 

Comentarios