Sobre 'Descubrindo Ana Pontón'
Un escritor vai a un lugar –Airexe, parroquia de Chorente, concello de Sarria (Lugo)– e conta o que ve. Describe a paisaxe, a materia, que é aquilo do que o noso espírito adoita ser reflexo. Ese mesmo escritor fala cunha manchea de persoas e transcribe o que lle contan. Ao mesmo tempo ese escritor pregúntase se el é a persoa adecuada para escribir iso que escribe, se non debería ser outro ou outra a cronista, talvez máis nova, máis conectada coa enerxía do presente, talvez con outro xeito de escrita.
O escritor é Suso de Toro, un dos grandes vultos da nosa literatura, da de hogano e da sempre. E o que dá escrito, e o que entrega ao prelo, é Descubrindo Ana Pontón (Edicións Xerais).
E este artigo que eu escribo tenta ser unha especie de Descubrindo que é Descubrindo Ana Pontón.
Porque o libro é un obxecto curioso, digno de estudo, un artefacto non doado de identificar.
É un volume biográfico? É un libro de conversas? É unha crónica xornalística? É un ensaio político? É un brillante exercicio literario, lindeiro cos libros de viaxes? É épica ou é lírica? É literatura dentro da literatura, a indagar en que consiste o oficio do escritor? É un fresco histórico sobre vitorias, tamén sobre fracasos? É unha reflexión sobre a nación galega que si existe e a que pode chegar a existir?
Pois é iso un pouco todo á vez e hai poucos maxíns capaces de mesturar tantos xéneros á vez e de o facer con tanto xeito, con tanto talento. Tan é así que Descubrindo Ana Pontón, como no seu momento o libro que De Toro publicou a principios dos 90 sobre Camilo Nogueira, é un modelo para armar, unha utilísima referencia para todas as persoas que se dedican a escribir, quer literatura quer xornalismo (este como xénero de aquela). Un libro que desde xa ten que ser lido nas faculdades de humanidades deste país.
Son pouco máis de 140 páxinas que se len de contado e que saben a pouco, e talvez iso tamén responda a unha estratexia do autor, que transfire parte do traballo a quen le, que sexa el ou ela, o leitor ou a leitora, quen completen a tarefa da descuberta.
E que é o que se descobre? Aspectos non moi coñecidos de quen –como dixo Fran Alonso, director de Xerais, na presentación do libro na Coruña– é sen dúbida a figura política do momento na Galiza. A figura que marca xa un período, desde o seu aparecemento como portavoz nacional do BNG en 2016 até hoxe. Unha figura cun interesante percurso feito desde Airexe-1977, mais con todo o horizonte por diante. Alguén que se explica por si mesma, mais que se explica tamén en función da súa condición, da nosa condición, de ser social, nunha terra e nun tempo dados.
Ao termo de Descubrindo Ana Pontón un descobre que si, que en efecto Suso de Toro era a persoa para escribir ese libro, e que si, que en efecto Ana Pontón simboliza o país que soñamos e que alcanzaremos. @mundiario