Descobre as dúas claves do éxito de "Fariña"

Fotograma da serie "Fariña". / @FarinaTV
Fotograma da serie "Fariña". / @FarinaTV

A serie de televisión dirixida por Carlos Sedes e inspirada no polémico libro de Nacho Carretero, foi unha das grandes apostas de Antena 3 para esta tempada.

Descobre as dúas claves do éxito de "Fariña"

Realizada por Bambú Producciones, Fariña é unha serie protagonizada por un elenco de actores e actrices galegos “na que intentamos comportarnos como somos”, segundo salientaba o seu director, Carlos Sedes, durante un coloquio celebrado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra este martes. Para Sedes, as claves do éxito da serie son claras: "orixinalidade e identidade", dacordo coa publicación realizada pola Universidade de Vigo (UVIGO) ao respecto do evento. A serie de televisión, inspirada no polémico libro de Nacho Carretero, foi unha das grandes apostas de Antena 3 para esta tempada.

O equipo técnico e artístico buscou recrear nela esa atmosfera das vilas galegas nas que na década de 1980 se desenvolveron as organizacións dedicadas ao narcotráfico, “ata nas propia pedras das paredes” ou rachando coa idea do “acento neutro” co que contan polo xeral as series de ficción en España. “E iso foi un privilexio, porque normalmente non che deixaban facer estas cousas en televisión”, engadiu Sedes, que lembraba nese senso o cine español da década de 1980, “no que tiñamos máis identificación autoral, no que non íamos buscando tanto aos americanos, o que fai que todo teña unha mesma pátina. Neste caso, paréceme que Fariña ten algo diso, algo que é moi identificativo”, engadiu.

Antena 3 estreou Fariña o pasado mes de marzo cunha cota de pantalla superior ao 20% no seu primeiro capítulo. “Sempre digo que Fariña é o meu mellor traballo como director, o máis diferente e con máis identidade”, engade este realizador que, na xornada previa á emisión do último capítulo da serie, visitou a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación xunto ao actor Antonio Durán, ‘Morris’, para falar de Fariña e de ficción televisiva.

Pola súa parte, 'Morris' puxo o acento en que “unha das cousas que funcionaron ben é que responde a un relato real”, a unha realidade que “nada ten que ver cos gánsteres ou narcos doutros países”, un aspecto no que tamén Sedes puña o foco. “Ao principio falamos moito de como intentar diferenciarnos de Narcos, de Gomorra... desde tipo de series, e a verdade é que o mellor de todo foi a identificación co noso. E con iso conseguimos ter éxito”, engadiu o director dunha serie “que aínda que é ficción, ten moito que ver coa actualidade” e que nese senso, viu precedida a súa estrea de acontecementos como o secuestro do libro no que se inspira ou a detención de Sito Miñanco, “que aínda por riba tiña o guión da serie na casa, cousas que sobrepasaron totalmente á serie” e que, de feito, lembrou, provocaron que se adiantase a súa estrea.

“Intentamos plasmar esa realidade dunha forma crible e creo que iso é o que sorprendeu, xa non só en Galicia, senón fóra", engadía 'Morris', quen salientou tamén clave esa identificación con Galicia, “non polo narcotráfico, senón polo tipo de personaxes, pola forma de comportarse...”, nun coloquio no que lembraba como, na súa experiencia como actor en producións fóra de Galicia, acostumaba a neutralizar o acento. “Era a primeira vez que nos dicían que o fixeramos con máis acento”, lembraba o actor que interpreta o papel de Manuel Charlín Gama nun “proxecto moi bonito e moi traballado” e para o que realizou un traballo, sinala, “como o que pode facer un policía cos datos que lle dan para un retrato robot, un traballo de documentarme, no que non quixen imitar a ninguén”. @galiciamundiari

Comentarios