A desaparición das loxas de madeira na cidade de pedra

El Derby, en Compostela. / Mundiario
O Derby, en Compostela. / Mundiario
A desaparición de El Sol e o Derby súmase a unha longa listaxe de comercios con identidade propia, espazos emblemáticos de Santiago de Compostela.
A desaparición das loxas de madeira na cidade de pedra

A pasada semana as madeiras da carpintaría da papelaría El Sol amoreadas na Porta da Mámoa anunciaron a desaparición dun novo estabelecemento histórico da cidade, a poucos metros do café Derby que tamén pechou a porta deixando unha longa memoria apegada á tradición cultural de Santiago de Compostela. 

A desaparición de El Sol e o Derby súmase a unha longa listaxe de comercios con identidade propia, espazos emblemáticos que non nos custa lembrar, que permanecen en nós a pesar de as súas portas pecharen hai tempo. 

A papelaría El Sol evócanos con facilidade outro comercio do sector, a papelaría Compostela, tamén coñecida como Cinco Rúas pola súa localización, un estabelecemento que desapareceu recentemente tras noventa anos de historia. Tampouco é moito esforzo lembrar o seu mostrador de madeira e os seus andeis, ou os escaparates en que nos detivemos tantas veces. Era este un espazo singular, xusto cando o Preguntoiro se bifurca, cando nos conduce quer aos edificios históricos da Universidade e á Praza de Abastos, quer á populosa Caldeirería que conserva aínda algún comercio dos que se dedican á mesma actividade a través das décadas, ultramarinos ou venda de louza, eses espazos que son cada vez máis singulares nas cidades. 

Mais as madeiras de Sol fan tamén que a memoria nos conduza aos portalóns da Libraría González, inaugurada en 1929, que viu pasar xeracións e xeracións de estudantes polos seus corredores, cos estantes de madeira e a letra caligrafada que era marca da casa. En 2009 puxo o feche total e fomos moitas as persoas que lamentamos a noticia como cando desaparece un espazo que ten a ver con nós propias, que forma parte do noso mapa persoal. 

Sucumben as librarías

Foi tamén por aquel tempo cando puña o fecho a que estaba considerada a máis antiga libraría de todo o Estado. Un fermosísimo cartel pendurado sobre os cristais do escaparate identificaba a Galí que deixou de despachar libros tras 134 anos de actividade e sen apenas modificacións para se converter primeiro nun dos numerosos comercios de souvenirs seriados e, finalmente, nun estanco que mesmo tentou tapar os magníficos escaparates-vidreira do exterior. Son os estabelecementos de souvenirs os que, xunto coas lavandarías e os locais de máquinas de venda de produtos, parecen protagonizar o futuro do comercio nunha Compostela en que os prezos dos baixos comerciais continúan disparados, campo de especulación vedado para aquelas casas que vendían produto artesán e de proximidade e en que se gozaba de atención personalizada do día a día e unha clientela fiel. Fronte ao obxectivo de se manteren todo o ano e de lle daren servizo prioritario á poboación local e da contorna, mudamos o esquema para o negocio rápido e en serie destinado en exclusiva ao sector turístico.

A rúa do Vilar era a vía das librarías e nos anos setenta eran sete as que se instalaban neses concorridos metros que van desde o Toural até as Praterías. Ademais das dúas de González e Galí, Carballo, Porto, Fernández ou Encontros daban nome ás librarías dunha das rúas máis visitadas dunha cidade en que a cultura e a Universidade formaban parte esencial da súa maneira de ser. Encontros pecharía en 2016, ao tempo que deixaba tamén de vender libros a Toural, situada nun dos baixos dos soportais da praza. 

As librarías sucumbiron baixo a presión do mercado. Posibelmente as contas non desen para manter abertos comercios que, sen dúbida, formaban parte do encanto da cidade, dos tesouros dun lugar de destino que gaña canto máis identidade conserva, canto máis patrimonio posúe. Mais o importante é analizarmos se as administracións poden ou deben facer algo para evitar a despersonalización total e a falta de servizos de proximidade para as persoas que residen ou traballan na contorna todos os días do ano.

Ninguén dubida de que a Shakespeare and Company de París ou a Lello do Porto son dous dos lugares máis frecuentados das dúas cidades, librarías con encanto que singularizan, que foxen da homoxeneización e se converten xa en sinais de identidade das súas cidades. 

A beleza dos andeis

Para nós, González ou Galí, poderían cumprir ese papel, salvando as diferenzas. Aínda podemos lembrar, sen dificultades, a beleza dos seus andeis, os seus mostradores de madeira e os escaparates que daban a unha rúa que, por sorte, aínda conserva unha sombreiraría e unha mercería que son xa case elementos arqueolóxicos nunha cidade que progresivamente vai perdendo o seu comercio tradicional, a súa propia historia, a personalidade de seu. 

As cidades máis avanzadas, as que coidan o seu patrimonio porque forma parte tamén do seu desenvolvemento económico, puxeron en marcha desde hai tempo programas e liñas de actuación para protexer o seu comercio tradicional, non só a arquitectura e os elementos decorativos dos locais máis emblemáticos senón mesmo a actividade comercial. En Roma, por exemplo, prohibíase mudar o tipo de actividade e, desta maneira, unha libraría tiña que seguir sendo libraría mentres que en Barcelona o concello aprobou hai tempo o Plan para a protección e promoción de estabelecementos emblemáticos. Ou iso, ou asistir como público a un outro xeito de desaparición programada. Porque hai desaparicións por asolagamentos ou terremotos, por diferentes catástrofes naturais, e hai as mortes de morte matada, as que asistimos semana a semana cando observamos que xa apenas fica rastro inmediato do que fomos. E non o dicimos por nostalxia ou por pensarmos que o pasado foi mellor, senón polo que este fenómeno significa de ataque á esencia da nosa cidade, ao noso característico xeito de habitar o territorio, tamén o urbano.

É preciso aprobar medidas

Certo é que en Santiago son moitos os comercios emblemáticos que xa desapareceron mais é preciso aprobar medidas para que, os que fican poidan seguir sendo parte da singularidade do noso concello. E tamén o Concello debe realizar unha planificación daqueles servizos comerciais que faltan e son imprescindíbeis para fixar poboación. Desta necesidade xorde a proposta do BNG de desenvolver, a través do Consorcio, unha liña de compra paulatina de locais para ofrecer a comercios, empresas, profesionais autónomxs, cun deseño que xurda da definición da cidade que queremos. Mais para iso precísase financiamento e unha administración que defenda os nosos intereses e non cale ante o incumprimento de promesas, como aconteceu coa choiva de millóns para o Consorcio a que PSOE e PP se comprometeron o 25 de xullo de 2021, hai máis dun ano, sen ningún resultado práctico nin até o de agora nin nun futuro a curto ou medio prazo. E as medidas proteccionistas, como dicía, non se estabelecen desde a nostalxia senón desde a vontade dun futuro distinto, desde o coñecemento de que ese patrimonio contribúe tamén ao noso produto interior bruto, material e inmaterial, á nosa riqueza como concello. Co corazón en Compostela.

Santiago ten un pasado como centro comercial da comarca que forma parte da súa historia. Aos poucos, vimos como foron desaparecendo e cando, de paseo pola zona vella, atopamos un ultramarinos, unha pequena tenda de acibeche ou unha mercería co seu mostrador de madeira, case pechamos os ollos para desexar que non desaparezan nunca. As e os compostelá(n)s temos que ser conscientes do valor do noso comercio histórico e contribuír a que se manteña, mais tamén é necesario activar programas institucionais para conservar os comercios emblemáticos que aínda fican entre nós.

Inventariar os estabelecementos

Que a cidade perde cando pecha un café como o Azul para abrir unha franquía ninguén o dubida. Que levariamos un gran desgusto se algún día vísemos desaparecer algúns dos poucos comercios históricos que aínda perduran é tamén unha realidade. Por iso, é necesario, antes que nada, inventariar os estabelecementos, ter un catálogo de comercios de interese histórico, unha ferramenta para a promoción mais tamén para a creación de roteiros ou de medidas promocionais de apoio ao patrimonio comercial. 

Porque para todo hai medidas e, claro está, que esta protección ten que facerse desde o respecto ao patrimonio mais tamén ao interese de profesionais que queren continuar a súa actividade comercial na améndoa da cidade, adaptándose aos novos tempos. Fórmulas como a do Ultramarinos Carro, situado no baixo dos soportais do Toural,  que actualizou a tenda creada en 1880 conservando os seus elementos principais ou Espadela Encontros, que abriu unha tenda de roupa mais tamén de artesanía, libros e música no baixo ocupado pola libraría mais destacando a riqueza arquitectónica do local, son novas maneiras de conservar e promocionar a tradición comercial de Santiago. Son fórmulas ben afastadas dos locais de luz branca e obxectos seriados fabricados a milleiros de quilómetros para turistas que camiñan con paso lixeiro por unha cidade que ben merece o paseo demorado para achar a súa propia identidade, tamén comercial. @mundiario

Comentarios