Desaceleración da actividade económica de Galicia no segundo semestre de 2018

Billetes de euro. / Archivo
Billetes de euro. / Archivo

A variable recollida no Indicador que experimenta un maior crecemento son as importación de bens e servizos, xunto cos viaxeiros entrados nos hoteis.

Desaceleración da actividade económica de Galicia no segundo semestre de 2018

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica experimentou no mes de decembro un crecemento interanual do 3,2 %. Esta porcentaxe supón unha diminución respecto ao mes anterior dunha décima, continuando na senda de desaceleración acontecida ao longo do segundo semestre do ano.

En termos intertrimestrais, o crecemento da actividade económica de Galicia tamén descendeu, ao situarse no 0,6 %, unha décima menos que en novembro. Rematado xa o exercicio 2018, o Indicador Abanca-Foro reflectiu no transcurso do ano dous trazos claros: un crecemento notable da actividade económica no conxunto do ano e unha desaceleración no segundo semestre.

Á espera dos datos oficiais da Contabilidade Rexional do Instituto Galego de Estatística (IGE) para 2018, a previsión do Foro Económico de Galicia apunta na liña da estabilidade no crecemento do PIB galego roldando as cifras do trimestre pasado (un crecemento interanual do 2,6 % e intertrimestral do 0,6 %).

No que vai de ano, ao igual que acontecera no mes anterior, a variable recollida no Indicador que experimenta un maior crecemento son as importación de bens e servizos, xunto cos viaxeiros entrados nos hoteis. No lado negativo, destaca a evolución do índice de produción industrial (IPRI) cunha evolución negativa de xaneiro a decembro de 2018.

Este Indicador está elaborado pola equipa de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia. Para a súa confección pártese da análise e cuantificación de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e do sector servizos.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @GaliciaMundiari

Comentarios