O derradeiro tren na vida política de Alberto Núñez Feijóo

El presidente Alberto Núñez Feijóo / Xoán Crespo.
El presidente Alberto Núñez Feijóo / Xoán Crespo.

Afeito a ver pasar trens polo seu lugar de nacemento, Alberto Núñez deberá decidir nos vindeiros días se colle o derradeiro comboio da súa vida política.

O derradeiro tren na vida política de Alberto Núñez Feijóo

A pesar de que el nunca o recoñecía, Alberto Núñez Feijóo figuraba en todos os prognósticos que se formulaban de cara á sucesión de Mariano Rajoy. Agora, consumada a retirada do ex-presidente do goberno por mor da moción de censura presentada por Pedro Sánchez, todas as miradas converxen no político dos Peares. Só fica pendente a confirmación oficial da súa candidatura á presidencia estatal do PP.

Con todo, as cousas non van suceder como estaban previstas, seguramente, na cabeza do inquilino de Montepío. A secuencia agardada era a seguinte:aprobados os orzamentos do ano 2018, o goberno de Rajoy continuaría ate o remate de 2019 –ou comezo de 2020– e, nese momento, habería un relevo organizado que colocaría a Alberto Núñez Feijóo  como candidato no cartel electoral do seu partido. Finalmente, a folla de ruta vai ser diferente:antes de que remate o mes de xullo terá lugar un Congreso extraordinario do PP para elexir á nova equipa dirixente e, xa que logo, o actual presidente da Xunta deberá conseguir, con urxencia, os apoios necesarios para acadar o obxectivo desexado.

As incógnitas están servidas. Utilizará Rajoy a súa capacidade de influencia para que exista unha única candidatura ou deixará que se rexistre unha competición entre diversas alternativas? A resolución desta dúbida será moi relevante para o futuro da opción Feijóo. Se comparecen na disputa persoas como Ana Pastor ou Iñigo de la Serna, a incertidume do resultado final será moito maior que a provocada pola eventual presenza de Cospedal e Saenz de Santamaría e obrigará a unha maior asunción de riscos por parte do dirixente galego.

Afeito a ver pasar trens polo seu lugar de nacemento, Alberto Núñez Feijóo deberá decidir nos vindeiros días se colle o derradeiro comboio da súa vida política. Se o fai e consegue chegar á estación da rúa Génova aínda lle quedará unha travesía non menos complicada: gañar o suficiente nivel de confianza entre un electorado que vai ter outras referencias moi potentes nos espazos políticos e sociais mais próximos (Albert Rivera e Pedro Sánchez). A Moncloa fica mais lonxe do que parece.

En calquera caso, sexa cal sexa a opción adoptada, resulta lóxico pensar que o PPdG deberá cambiar de candidato para as vindeiras eleccións ao Parlamento do Hórreo. E iso pode abrir un novo ciclo na política galega. @mundiario

Comentarios