Dereitos dos pais

Aula. / Pixabay
Aula. / Pixabay
O desenvolvemento do ensino público ha ser obrigatorio, laico, universal, científico e de acordo coas leis vixentes (entre elas o estatuto de cada comunidade histórica), incluídas as convencións / acordos internacionais que se teñan asinado.

O ruído mediático protagonizado pola dereita carpetovetónica e os seus acompañantes actuais (Vox, PP) contra a nova lei de educación do Estado, contén elementos totalmente falaces e outros terxiversados, que, se non fose polo perigo público que significan, serían obxecto de mofa e befa.

No caso de Galiza é doloroso, cómico ou insultante á intelixencia e ao coñecemento común, ter que escoitar sen perder a compostura, que o goberno de coalición (PSOE e UP) impede o uso do español na nova lei de educación:  todo o mundo sabe, e sofre, o feito da desaparición do ensino en galego.

Hai clases de lingua e literatura galegas como se de materia extranxeira se tratar: non hai hoxe en Galiza nengún centro público onde os escolares reciban o ensino na lingua oficial de Galiza que é o galego (“Lei Orgánica do Estatuto de Galicia”).

Que méritos espera arrecadar o PP galego, onde se apontan os tantos na competición de mentiras? Non vale a pena dicer máis, nen argumentar nada, coñecida a situación presente: fracaso escolar, abandono prematuro do ensino regrado, dificuldades de inserción laboral por falta da mínima cualificación, intensificación do traballo dos docentes... E, non obstante, aumento de recursos e fondos con destino ao ensino concertado, maioritariamente en mans da Igrexa Católica.

Eis algúns dos problemas que caracterizan o ensino público no noso país, e que non se deben precisamente ao feito de que se imparta ensino no idioma do país. Saber e estudar en galego nunca é contrario ao aprendizado doutro idioma nen próximo (español por presenza evidente) nen outros distantes.

Se continuamos tratando do ruído mediático contra unha lei non do PP, debémonos fixar no tan cacareado dereito dos pais a elexeren ensino para os seus fillos. A primeira pergunta é: onde figura ese dereito? Consultamos a Convención sobre os dereitos dos nenos, declaración de UNICEF, a Constitución Española, o Estatuto de Autonomía de Galiza, e non atopamos en nengures un artigo que recolla o dereito dos pais a escolleren a educación dos seus fillos, unido á obriga do Estado de pagar a súa escolla. Non se nega que se hai pais que queren que os seus fillos sexan ensinados en chinés como lingua vehicular teñan dereito a que sexan escolarizados os seus fillos en chinés, pagados por eles mesmos en escolas privadas.

Ninguén pode negar aos pais que escollan o ensino que queiran para os seus fillos sempre que non entre no adestramento de delito, superstición, degradación ou indignidade; para os restantes contidos do ensino, os pais poden escoller sempre que a súa escolla se manifeste como as restantes demandas nesta sociedade: pagando a alguén que teña a ben oferecer tal servizo.

O desenvolvemento do ensino público ha ser obrigatorio, laico, universal, científico e de acordo coas leis vixentes (entre elas o estatuto de cada comunidade histórica), incluídas as convencións / acordos internacionais que se teñan asinado.

Reiteramos, non existe o dereito dos pais a escoller se non poden / queren pagar a súa escolla. Non se pode escoller unha opción particular e esixir que o ensino público ofereza esa modalidade concreta e de xeito gratuíto. @mundiario

Comentarios