O delegado do Goberno remarcou o compromiso para que o AVE chegue no 2019

Javier Losada Aspiazu, o novo Delegado do Goberno en Galicia. / CRTVG
Javier Losada Aspiazu, o novo Delegado do Goberno en Galicia. / CRTVG

Javier Losada falou tamén da recuperación do Pazo de Meirás, enmarcándoa no cumprimento da lei de Memoria Histórica.

O delegado do Goberno remarcou o compromiso para que o AVE chegue no 2019

Javier Losada Aspiazu, o novo Delegado do Goberno en Galicia, foi entrevistado no Bos Días da Televisión de Galicia. Na súa conversa con Marcos Sueiro, remarcou o compromiso do goberno de Pedro Sánchez para manter os prazos de chegada do AVE a Galicia e falou da situación política da nosa comunidade.

En primeiro lugar, Losada, que leva quince días como delegado do goberno, sinalou que “a chamada dun presidente sempre sorprende, pero síntome moi respaldado polo meu partido e pola sociedade en xeral”. Durante a entrevista, o delegado do goberno remarcou o compromiso do Goberno de Sánchez para cumprir os prazos do AVE, “que chegará a finais do 2019”. Losada afirmou que “agardo quea reunión do día 17 entre o presidente da Xunta e o presidente do Goberno ese compromiso quede ratificado” e recordou os paróns sufridos con Ana Pastor á fronte do ministerio de Fomento. Arredor do sector ferroviario, tamén salientou que “o obxectivo é que cando chegue o AVE as estacións intermodais estean en funcionamento”.

Javier Losada falou tamén da recuperación do Pazo de Meirás, enmarcándoa no cumprimento da lei de Memoria Histórica. Sobre esta lei, afirmou que “é un compromiso do Partido Socialista, pero tamén falando cos aliados parlamentarios”. Na conversa tamén se falou da comisión parlamentaria sobre o accidente de Angrois, da que destacou que “é necesaria para que non volva suceder, para buscar as persoas con responsabilidade e para respectar e escoitar as vítimas”.

Para finalizar, o ex alcalde de A Coruña manifestou que “estou convencido de que imos ter moi bo resultado nas eleccións municipais, o PSdeG está nun momento de rexeneración liderado por Gonzalo Caballero”. Sobre os posibles pactos de goberno con Podemos e as Mares sinalou que “ninguén é incomodo, hai que acostumarse o dialogo e a lograr acordos”. @galiciamundiari

Comentarios