O delegado do Goberno implica a Xunta na búsqueda de solucións para Alcoa

Javier Losada. / El Progreso
Javier Losada. / El Progreso de Lugo

No caso da viabilidade de Alcoa, afeoulle a Goberno de Alberto Núñez Feijóo que “durante sete anos estiveron moi calados” tanto o Goberno central como o autonómico. Ao consello de administración de Ence pídelle “cooperación e responsabilidade”.

O delegado do Goberno implica a Xunta na búsqueda de solucións para Alcoa

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, defende a actuación do Executivo central na busca de solucións para a industria electrointensiva en xeral e de Alcoa en particular. Insiste en que o Ministerio de Industria ten “vontade total” para aceptar alegacións ao borrador do estatuto do consumidor electrointensivo “que sexan asumibles e que melloren as condicións”. Ante a xuntaza do luns para analizar as alegacións, Losada dixo na Radio Galega que están “convencidos” de que “imos conseguir entre todos un bo estatuto que permita estabilidade”. Nesa busca Losada apelou á responsabilidade da Xunta ao entender que “ás veces ten unha posición de crítica e de confrontación” cando el entende que “estamos no mesmo barco”. Ao tempo, afeoulle a Goberno de Núñez Feijóo que “durante sete anos estiveron moi calados” tanto o Goberno central como o autonómico.

Ante as dúbidas que poida haber entre as empresas interesadas nas factorías da Grela e de Avilés de Alcoa, Losada suxire que pode haber quen non desexe que se atope unha solución. Sen dar nomes, o delegado do Goberno dixo que “ás veces dá a sensación que hai algunha institución ou algunha empresa que o que quere é que isto non saia adiante, algúns por intereses propios empresariais, outros por intereses partidistas”. Enmarcou esas tensión ante o “inicio dun proceso electoral” que “ás veces iso trae consigo que a xente perda un pouco a tranquilidade, que deixe de pensar en lealdade e en cooperación”. Respecto aos posibles interesados nas factorías, Losada dixo que lle parece que “son nove” pero non entrou en nomes nin de que tipo son porque considera “que estas cousas hai que levalas con tranquilidade” e aposta porque as tres comisión creadas traballen.

Sobre as cargas policiais en Madrid durante a concentración de traballadores de Alcoa ás portas do Congreso e na que participaron deputadas e deputados de Unidos Podemos, Losada dixo na Radio Galega que defende sempre “a liberdade de expresión e a liberdade de manifestación”. Evitou entrar nos motivos das cargas pero si dixo que “a Policía Nacional cando ten que intervir, intervén porque o ve necesario” aínda que teimou en que non vai “valorar se os traballadores, se esas persoas que me di de certos partidos políticos (en alusións aos deputados) fixeron unhas actuacións que violentaron a normal posición que ten que ter unha manifestación”. Para Losada, o importante é que “os traballadores saiban que este Goberno está con eles”.

A situación de Ence

O delegado do Goberno en Galicia pídelle ao consello de administración de Ence “cooperación e responsabilidade”. Nunha entrevista na Radio Galega, e tralas palabras do conselleiro delegado da pasteira, Losada opina que “debe medir as súas palabras”. Para o representante do Goberno estatal en Galicia, “un consello de administración debe ser rigoroso, debe ter en conta as decisións que tomou no seu momento e os perigos das decisións que tomaron”. Para Losada, “eles -en relación á dirección de ENCE- tiñan que saber que a decisión tomada estaba nunha posición con dificultades xurídicas, como así pasou e así o considera esta denuncia”. Denuncia, lembra o delegado do Goberno, que “é do Concello de Pontevedra” polo que para Losada, “o Estado é un convidado, se me permite a expresión, deste litixio”.

Losada teimou na Radio Galega en defender a actuación do Goberno central ante “un informe que lle presenta a Avogacía do Estado que considera que non é acorde á legalidade a ampliación máis aló de 2033”. Ante esa data, o delegado do Goberno en Galicia fala de extrañeza ante “posición do delegado de Ence dicindo que xa non vai investir en melloras nesta empresa, ou non vai investir en competitividade nesta empresa porque esta empresa aínda ten un tempo no que está a súa concesión en vigor”. Por isto, Losada pídelle a “este consello de administración cooperación e responsabilidade porque tamén saben, os traballadores de Ence e sabe o consello de administración que dende o primeiro momento en que o Goberno ten coñecemento do informe da Avogacía do Estado xa se está a traballar coa empresa e cos traballadores para darlles unha solución a este problema”. Solución que pasaría, entre outras, apuntou “polas achegas que faga a empresa”. Losada di que a de Ence, a teor do informe da Avogacía do Estado, “é unha actividade que pode levarse a cabo en calquera outro punto do territorio” e que polo tanto, “non ten que desaparecer esta actividade en Galicia”.

Ademais, apunta Losada, “estamos falando de 2033 para acadar solucións” e lembra que se está pendente “do procedemento xudicial que aínda non sabemos como vai rematar”. Por todo isto, conclúe, “quero trasladarlles tranquilidade aos traballadores de Ence e que o consello de administración invista en competitividade, en melloras e que siga coa súa actividade”.

Carga de traballo en Ferrol

O delegado do Goberno en Galicia cualifica de “destacamento de osíxeno” para Ferrolterra a autorización do Gobenro central para executar as fragatas F-110 no estaleiro de Navantia Ferrol. Un proxecto, “o máis importante que ten recibido Galicia dende o AVE”, segundo Losada, que suporá tamén -indicou- a “modernización do estaleiro”, “creación de novas empresas” e a “competitividade posterior da propia Navantia para concorrer a outros concursos”.

Losada lembrou ademais que xa está previsto que este 2019 se executen 41 millóns de euros.

Corredor Atlántico

Javier Losada defende a actuación do Ministerio de Fomento logo de que o secretario de Infraestruturas admitise que o plan director do Corredor Atlántico aínda está en xestación. O delegado do Goberno afirma que o Executivo de España conseguíu incorporar o Corredor “á rede europea” e demostrou -dixo- que “o seu compromiso co Corredor Atlántico é do memos nivel que se puxo do anterior Goberno co Corredor Mediterráneo”. Agora, dixo, “hai que definir o proxecto” e que nesa definición está inmerso Fomento para escoitar ás comunidades, ao sector, coa “idea de conseguir o mellor Corredor Atlántico”. Para Losada, “o estado fixo os seus deberes” e contrapón esta actuación coa da Xunta. Di o delegado do Goberno en Galicia “que todo o discurso que ten a Xunta e certas consellerías sobre todo e ás veces o presidente, con referencias constantes ao Goberno de España” e engade que “se lle quitan iso quedarían sen discurso”. “Hai tempo que non escoito á Xunta falar do que fai ela polos galegos”, sentenciou.

O xuízo do caso Diana Quer

Na véspera da audiencia preliminar do caso Diana Quer, Javier Losada felicitou “aos corpos e forzas de seguridade do Estado porque conseguiron resolver un problema que foi moi difícil”.

Respecto a un eventual dispositivo de seguridade de cara ao xuízo ao Chicle, Losada admitiu que “por suposto que nós tomaremos tódalas medidas precisas para que se manteña a orde” pero xustificou non detallalas porque “son traballos de certa confidencialidade”. @mundiario

Comentarios