Buscar

Tristemente, o fútbol galego vive o peor momento deportivo neste século

Á posible desaparición do Deportivo en caso de descenso a 2ª B, debemos engadir a feble situación deportiva de Celta e Lugo ou a perda de peso na 2ª B.

Tristemente, o fútbol galego vive o peor momento deportivo neste século
Xogadores de Celta e Deportivo.
Xogadores de Celta e Deportivo.

Firma

Adrián Rosales Rodríguez

Adrián Rosales Rodríguez

El autor, ADRIÁN ROSALES RODRÍGUEZ, colabora en MUNDIARIO. Es licenciado en Ciencias Políticas y de la Administración, y trabaja como profesor de Geografía e Historia. @mundiario

O noso fútbol vive o peor momento deportivo do que levamos de centuria. Atrás quedan os fermosos 90, con Celta, Deportivo e Compostela na elite ou o EuroCelta e SuperDépor do cambio de século. Se botamos unha ollada ás respectivas clasificacións a día 17 de novembro de 2019, vemos a un Celta en postos de descenso a 2ª división, a un Deportivo na mesma situación, pero nunha categoría máis abaixo -e afogado polas débedas-, a un Lugo rozando os postos de descenso a 2ª B máis a ausencia de clubes galegos de 2ª B en postos de play-off ou a posición actual, respectivamente, de play-out e descenso a 3ª do filial celeste e do Coruxo. Ademais, debemos ter en conta o feito de que o Compostela leva máis de dúas décadas fóra da hoxe chamada Liga Santander, e actualmente milita na Terceira galega.

Hai uns días Lendoiro, o expresidente deportivista, facía esta mesma análise, lanzando un SOS ao fútbol galego. E ben é certo que se botamos a vista ó pasado recente é imposible non emocionarse: hai un cuarto de século o Compos ascendía a 1ª división e Dépor e Celta lograron ser, respectivamente, subcampións de Liga e Copa do Rei. Iniciábase así a década dourada do fútbol galego (1994-2004). Nestes anos vimos, en primeiro lugar, o Compostela catro anos en Primeira e logrando un subcampionato de inverno na temporada 1995-96. No referente ó Celta, este mantívose todo ese tempo na máxima categoría e entre 1997 e 2004 viviu os mellores anos deportivos da súa historia, ó lograr outro subcampionato de Copa (2001) máis seis participación europeas. Pero o equipo galego máis exitoso nesa época foi o Deportivo, que logrou seis títulos nacionais, nove participación europeas e alcanzou a semifinal da Recopa (1996) e da Champions (2004). A todos estes datos, debemos engadir os coqueteos cos postos de ascenso a 1ª división do CD Ourense (a comezos da temporada 1997-98) ou do Rácing de Ferrol a finais de 2001.

Pero o fútbol galego entrou en declive a partir de 2004. Ese ano o Celta baixou a 2ª división e o Dépor pechou un brillante ciclo entre os mellores ó longo do periodo 1992-2004 trala derrota por 0-1 co Porto nas semifinais da Liga de Campións. Ademais, nese fatídico ano o Compostela descendía a Rexional Preferente e era liquidada como entidade (logo, resucitou a través club homónimo que herdou a marca deportiva) a causa das enormes débedas.

A partir de entón o Deportivo nunca voltou ser o que chegou a lograr, converténdose en equipo ascensor a partir de 2011. Mentres, o Celta pasou interrumpidamente seis anos na segunda categoría, saneou as débedas e incluso deportivamente viviu entre 2015 e 2017 un segundo periodo de éxito (o MiniEuroCelta), ó lograr alcanzar dúas semifinais de Copa do Rei máis unha de Europa League (2017). Pero nos últimos anos entrou de novo en declive a nivel deportivo.

No que se refire ó resto de conxuntos galegos, na última década -á parte dos dous grandes- soamente o Lugo militou na hoxe chamada Liga Smartbank. Polo demais, tristemente, o CD Ourense foi liquidado en 2014, o Rácing de Ferrol oscilou entre a terceira e cuarta categoría e o Compos non conseguiu volver ó fútbol 100% profesional.

Se hai cinco momentos negativos dos últimos vintecinco anos que quedarán grabados na retina dos afeccionados galegos serán: os penaltis errados por Djukic e Alejo (1994), o golazo de Alberto (do Vila-real) ó Compostela en Santiago (1998), o penalti transformado por Derlei, do Porto, en contra do Dépor (2004); ou, xa recentemente, o erro do celtista Guidetti en Manchester, o cal puido dar o pase á final continental ao meu equipo. Os tres últimos feitos marcaron un antes e un despois neses conxuntos.

Pero a situación máis dramática é a que está a vivir o Deportivo actualmente: pechacancelas de 2ª e cunha débeda próxima aos 88 millóns de euros. O descenso á 2ª B pode significar -pola caída de ingresos que iso suporía- a desaparición como entidade. A pesar de sentirme moi celtista, desexo que o Dépor poida superar esta difícil situación. Sería moi triste para A Coruña e Galicia perder ó que é, xunto co Celta, un dos sinais de identidade galaica a nivel futbolístico.

Se nos seguimos poñendo nostálxicos, pois tamén bótase de menos a emisión de partidos de equipos galegos na TVG ou a ampla cobertura do fantástico programa En Xogo -a través do cal moitos galegos afeccionámonos ó fútbol- ó longo do fin de semana.

Hoxe mesmo cúmprense dúas décadas da morte do sensacional cantante de Los Secretos Enrique Urquijo, quen, entre outras cancións produciu a fermosa canción Desde que no nos vemos. Se humanizamos o futbol galego como suxeito, este pensará agora mesmo que ya no seré el mismo (versonando a Urquijo). Oxalá isto último non sexa certo e que máis cedo que tarde o noso balompé volva ser o que un día foi. @mundiario