A débeda pública galega pasou de 3.922 millóns antes de Feijóo a máis de 11.500 en 2018

Sede de la Xunta de Galicia.
Sede de la Xunta de Galicia. / Mundiario

Desde o ano 2009, en que Alberto Núñez Feixóo preside o goberno galego despois de tomar o relevo do bipartito (PSOE-BNG), a evolución da débeda pública tomou unha velocidade que aparenta unha carreira de competición en busca do podium dos grandes debedores.

A débeda pública galega pasou de 3.922 millóns antes de Feijóo a máis de 11.500 en 2018

Desde o goberno da Xunta solicítase ao do Estado autorización para empregar o aforro fiscal en usos sociais. A nova aparece reflectida deste xeito nos medios de comunicación destes días próximos pasados. Son uns 300 millóns de euros, aproximadamente 60 millóns máis que o orzamento anual dunha Universidade como a de Santiago.

Certamente ao goberno actual da Xunta viríalle moi ben poder dispor duns fondos extra despois de cumprir obedientemente co obxectivo do déficit tendencia cero, xusto neste momento preeleitoral, e no que non coincide a cor do goberno galego co español.

A xestión tanto do orzamento público como do conxunto do erario galego, á parte de cumprir con ese obxectivo do déficit, amosa algún outro aspecto da xestión  moi problemático: referímonos á evolución da débeda pública galega, que, se ben acada cifras próximas ao infarto, é máis preocupante ao analisar o destino dos fondos tomados a préstamo, así como as posibilidades de pagamento.

Desde o ano 2009, en que o señor Núñez Feixóo preside o goberno galego despois de tomar o relevo do bipartito (PSOE-BNG), a evolución da débeda pública tomou unha velocidade que aparenta unha carreira de competición en busca do podium dos grandes debedores. En 2009, no primeiro trimestre, a débeda pública galega (as eleicións foron en marzo) era de 3.922 millóns de euros. En 2018 pasa de 11.500 millóns de euros, en 10 anos case se triplica. A débeda pública en 2009 significaba o 8,6% do PIB galego, hoxe é do 18,5%, máis do dobre en período de non aumento do PIB (de feito con caída).

A débeda per capita no ano 2009 supoñía 1.752 euros por galego e agora pasa de 4.200 euros tamén por habitante. Se observamos a tipoloxía dos acredores, atopamos que en 2009, Galiza non lle debía nada ao Estado, e, pola contra, en 2017, debiámoslle 5.496 millóns de euros. Os bancos españois teñen unha débeda nosa o dobre en 2017 que en 2009. E os bancos estranxeiros, xunto  coas outras administracións, detentan cifras semellante, arredor de 300 millóns de euros, nos diferentes períodos. Só hai una cifra que era superior en 2009 que en 2017: os bonos, que, en contra da primeira aparencia, significa maior confianza dos inversores naquel ano que neste momento: quer dicer, os mercados expresaban maior confianza no xestor daquela que agora.

Outro aspecto da valoración da xestión pública do goberno actual transparenta os problemas derivados do tamaño da débeda. Uns en relación directa coa práctica non prudente de renegociar débeda para pagar débeda anterior (nunca fagan isto, di o manual de economía para non iniciados) e outra, a resultante da diminución, mesmo até case desaparecer, dos investimentos públicos, que é un xeito de colaborar de facto ao estancamento económico, á conxelación das fontes de xeración de novos ingresos, e a non creación de emprego. Dito doutra forma, a política económica en época de crise débese integrar con actividades contracíclicas que saneen o tecido económico gravemente afectado ou  mesmo destruído. Queda ademais un aspecto da xestión pública sen resolver: Cal foi o destino dos fondos pedidos a préstamo? En que se gastaron? @mundiario

Comentarios