Debe a Igrexa pagar máis impostos?

San Martiño Pinario. / Turismo de Galicia
San Martiño Pinario. / Turismo de Galicia
A Igrexa, titular de bens que por miragre histórico foron salvados da desamortización,  non é capaz de mantelos. Depende das axudas públicas e/ou privadas
Debe a Igrexa pagar máis impostos?

Temos constatado que os terratentes (por exemplo a Casa de Alba, os Franco…) reciben en España un trato fiscal singular da súa propiedade.

Noutros países occidentais o Estado faise dono das ruínas e dos bens abandonados para facerlles cumprir un destino colectivo ou simplemente poñelas en pública subhasta e que alguén tire beneficio do seu uso. Á súa vez, xa no mercado, poden render ingresos ao fisco: como vivendas, como hoteis ou como museos.

Todo isto que aseveramos non é  novidoso,  nin innovador, nin revolucionario, nin tan sequera orixinal: os liberais do XIX quixeron logralo coa desamortización pero non tiveron moito éxito, polo menos aquí en Galiza. 

En Santiago houbo hai anos un intento desde o Concello de recadar por IBI (imposto de bens inmóbeis)  afectando á privilexiados. So pagou algún ente de titularidade estatal algo despistado.

Os bens da Igrexa a cuberto polas relacións de privilexio co Estado español ficaron exentos. Hoxe, e de non mediar outro cambio, esperemos a que a obediencia debida ao  papa Francisco, contribúa a lle dar outro uso aos pazos bispais, as residenciais de superluxo de bispos en exercicio e eméritos, e a todo canto edificio baleiro –pero en pé– poida render un uso social.

A Igrexa, titular de bens que por miragre histórico foron salvados da desamortización,  non é capaz de mantelos. Depende das axudas públicas e/ou privadas, e ademais non paga os mesmos impostos que o resto de mortais, que viven na vida civil (aquí na terra a única que coñecemos), deben pagar e pagan.

Hai unha frase evanxélica que resume o que pretendo dicir: “ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus”. No noso caso, neste presente, o César é o Estado e todos contribuímos, con mellor ou pior inclinación, a sostelo pagando impostos, taxas, prezos públicos, peaxes ou todo o que a lei obrigue en cada caso, para exercer como cidadáns.

A Igrexa católica non, é dicir non trata ao César como César, logrou un trato de privilexio que constitúe hoxe unha rémora desde a perspectiva da evolución xusta da estrutura impositiva.

Que xustificación hai para que o Estado contribúa ao retellado de miles de metros cadrados das cubertas dos bens titulados pola Igrexa so examinando a ollo as posesións en Santiago de Compostela?

Teñamos en conta que na visita a San Martiño Pinario fálase de 9.000 m² construídos (fóra de culto): tanto como o templo do Vaticano!!! E, San Martiño Pinario en todo caso, é un só dos numerosos edificios eclesiásticos que hai no termo municipal de Compostela (máis dunha ducia).

Imaxinemos que a Igrexa pagase un IBI, por deferencia, con desconto do 50% do que pagan os cidadáns titulares dunha vivenda habitual: se un piso pequeno na mesma zona urbana dos conventos, paga máis de 500 euros /ano (unha cifra media baixa), os ingresos procedentes do IBI das posesións da Igrexa serían unha boa fonte de ingresos para a Facenda pública e unha contribución para colaborar ao seu sostemento.

 Mentres isto non pase, é inútil falar da elusión fiscal das compañías multinacionais. @mundiario

Comentarios