David Lombao: "Datos como os casos novos diarios non significan nada sen contexto"

David Lombao. / CPXG
David Lombao. / CPXG
Propón evitar vivir na última hora permanente, porque "eses globiños vermellos coa última hora do número de casos novos ou de falecidos cada vez significan menos e non significan nada sen contexto". 
David Lombao: "Datos como os casos novos diarios non significan nada sen contexto"

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) iniciou unha serie de conversas con xornalistas que traballan na cobertura informativa da Covid-19. Tócalle o turno a David Lombao, xornalista e director de Praza.gal, medio dixital nado en 2012 que fixo da visualización de datos un dos seus sinais de identidade, como está demostrando na cobertura da pandemia. Antes de dirixir Praza, David Lombao dedicouse á información política en Xornal de Galicia e traballou tamén en RadioVoz e na Cadena Ser. 

– Cal pensas que debe ser o papel do xornalismo nunha pandemia?

– Penso en primeiro lugar que debemos afastarnos do papel de pretendidos protagonistas. Tivemos esa tentación, como en case todos os fenómenos grandes, críticos. Todos aqueles debates das primeiras semanas sobre se había moitas ou poucas roldas de prensa, o formato das comparecencias e das preguntas dos xornalistas... Nunha crise coma esta penso que temos que separar o gran da palla, explicar qué está pasando e poñer o foco no que afecta á xente, volvendo á esencia do que é este oficio, que é coller unha cantidade inmensa de información e de datos, tanto numéricos como textos legais, ordenalos e xerarquizalos. E non contribuír á cerimonia da confusión, evitando, por exemplo, vivir na última hora permanente, porque eses globiños vermellos coa última hora do número de casos novos ou de falecidos cada vez significan menos e non significan nada sen contexto. 

– Como está respondendo a este desafío o xornalismo galego?

– Estase facendo moi bo traballo –tamén temos exemplos malos–, tanto en medios tradicionais como nos medios novos, con moita vontade por parte de xornalistas individuais e ás veces, non sempre, tamén das cabeceiras. Estamos demostrando a necesidade do xornalismo galego e iso é moi importante. Moitos xornalistas locais están facendo un bo traballo no ámbito máis próximo, xornalistas que nos días de opacidade absoluta ían chamando centro de saúde por centro de saúde para facer un mapa de como incidía o virus nun concello ou nunha comarca determinada. Un dos retos que temos é contrarrestar o feito de que haxa xente moi asustada por cousas que non lle afectan, e penso en todo o que ten que ver con Madrid, co Madrid político. Temos Isabel Díaz Ayuso ata na sopa e, con todos os meus respectos, iso é política autonómica, con certas repercusións estatais ás que deberemos atender. É difícil non escorar cara a aí porque o ruído é brutal e as cabeceiras de ámbito estatal están onde están, pero é responsabilidade nosa manter unha axenda propia, tanto para falar da evolución do virus como da situación política. O día que o Parlamento galego aprobaba por unanimidade a comisión de reconstrución para paliar os efectos da pandemia, había medios con sede en Galicia que contaban con todo luxo de detalles que houbera un cristo terrible no pleno municipal de Madrid. Tamén temos que reflexionar sobre iso. Non todo o que pasa en Madrid nos é propio. @mundiario

David Lombao: "Datos como os casos novos diarios non significan nada sen contexto"
Comentarios