Darío Villanueva ingresa na Academia Xacobea inmerso na achega do Camiño aos pobos de Europa

Acto da Academia Xacobea. / Mundiario
Acto da Academia Xacobea. / Mundiario
A institución celebrou dúas sesións solemnes para dar entrada tamén como novos académicos a Xosé Luís Barreiro, José de Cora, María Pérez de Herrasti y Urquijo e Íñigo Méndez de Vigo.
Darío Villanueva ingresa na Academia Xacobea inmerso na achega do Camiño aos pobos de Europa

A Academia Xacobea celebrou este luns dúas sesións solemnes para dar entrada a novos membros e proseguir así coa súa dinámica de incorporar a “figuras de gran relevancia e transcendencia intelectual, académica e profesional”. Esas foron as palabras coas que o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, definiu a Darío Villanueva no primeiro dos dous actos celebrados no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que serviu para formalizar o ingreso na institución como Académico de Número de quen foi reitor da universidade compostelá e director da Real Academia Española, ademais de “amante e estudoso do fenómeno xacobeo e do Camiño de Santiago”.

“A partir de hoxe, a Academia Xacobea conta cunha mente privilexiada, un traballador infatigable. Un novo faro que iluminará o noso Camiño con luz potente e clara, como unha garantía máis de acerto no noso futuro camiñar, seguindo as pegadas xacobeas nun mundo que queremos de paz, concordia, fraternidade e solidariedade, lamentablemente lonxe aínda da realidade”, explicou Xesús Palmou no transcurso do acto presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez.

Darío Villanueva parafraseou a Miguel de Cervantes para atribuír ao “favor e a ventura” este nomeamento. “Ventura polo azar favorable do que son beneficiario, quizais tamén pola oportunidade de estar en determinado lugar no momento máis apropiado. Pero sobre todo, favor: o que os membros do pleno da Academia Xacobea fixéstesme chamándome a formar parte da vosa prometedora corporación”.

Ademais, mostrou a súa satisfacción por sumarse a unha institución que naceu “para atender a un fenómeno prodixioso e milenario que desde Galicia interpelou historicamente a toda Europa e segue facéndoo”, e manifestou o seu compromiso con “continuar contribuíndo á revisión do moito que, ao longo dun milenio, o Camiño dos camiños achegou aos pobos de Europa, sen pechar as portas, sobre todo nos últimos anos, a peregrinos e persoas interesadas de todo o mundo”.

Villanueva tamén tivo palabras de agradecemento para María Teresa Carballeira, a académica encargada de dar resposta ao seu discurso. “O seu madriñado ten para min unha significación adicional, porque ademais da súa condición de catedrática na Facultade de Dereito da miña alma mater, desempeña a importante función de secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, unha das máis destacadas redes académicas europeas cuxo nacemento tiven a sorte de compartir no primeiro ano do meu mandato como reitor en 1994”, lembrou o novo académico.

Na súa intervención remitiuse, así mesmo, a súa recente responsabilidade como comisario da exposición Xacobeo. As pegadas do Camiño, promovida pola Xunta, a Biblioteca Nacional Española e Acción Cultural Española, e seguindo as acepcións da palabra pegada realizou un repaso á historia, as singularidades e particularidades, e a importancia do fenómeno da peregrinación a Santiago desde as súas orixes.

Máis incorporacións

Tras o acto de ingreso de Darío Villanueva, a Academia Xacobea celebrou unha segunda sesión solemne na que procedeu a oficializar a entrada de outros catro novos membros. Trátase do politólogo, profesor e articulista Xosé Luis Barreiro Rivas, o xornalista e escritor José de Cora Paradela, e o xurista, político e exministro Íñigo Méndez de Vigo, que se incorporan como Académicos de Honra, e de María Pérez de Herrasti y Urquijo, integrante do Padroado da Fundación Comendadoras de Santiago, que o faio como Académica Correspondente.

A todos eles deu a benvida Ulises Bértolo, secretario da Academia Xacobea, sinalando que esta institución é “un crisol de experiencias en torno ao Camiño de Santiago e o que significa” e que con estas catro incorporacións incrementa o seu valor e coñecemento, e a súa capacidade de prestar un mellor servizo á sociedade. @mundiario

Comentarios