DE BOLINA

Da revolución que puido ser e non será

Votar nestes tempos debería ser un acto revolucionario
Votar nestes tempos debería ser un acto revolucionario
Neste ano máis da metade da poboación mundial está votando. Se o voto reflectise a concencia  real da xente habería unha revolución. Pero non será así.
Da revolución que puido ser e non será

As algaradas dos políticos españois actuais son prosaicas e insoportables: palabras altisonantes e baleiras, acusacións persoais, usurpación do papel da Xustiza; todos imaxinándose shériff de películas do Oeste -de serie Z- disparando a todo o que se move, sen puntaría nin tino de ningunha clase. Non hai debate de ideas, todo é oportunismo de titular, sen defensa do cidadán común, cada un de nós. 

Persoalmente, -coa excepción do Parlamento galego- dáme arcadas a simpleza dos debates, os permanentes ataques ad hominem que se basean no modelo berrón, ordinario, groseiro, de choqueirada, dos faladoiros televisivos de temas da pelve. Un panorama desolador, triste, que a eses políticos non lles permite ver a situación que vivimos a xente normal neste contexto imparable de globalización. Coas ínfulas deses persoeiros non imos a ningures. Insufrible a vulgaridade. E esas babecadas e cegueira van permitindo que o imperio económico supraestatal devore ás persoas, porque os poderes económicos son agora tan potentes que condicionan, anoan, aos representantes populares.

Neste ano 2024, como xa contei, máis da metade da poboación mundial está votando. En pura lóxica sería unha oportunidade para revolucionar, cambiar o mundo. Non vai ocorrer tal cousa porque non se consente en lugar algún que o voto sexa psicoloxicamente libre: pode que a xente común non vote o que desexa e que o faga en base a medos, a informacións e a formación amañadas, a influencias sibilinas. Quizá sexa un voto cativo, preso. E iso que son os cidadáns, os traballadores, os que sosteñen toda a montaxe económica, tamén a dos Estados, cos seus traballo e pagos fiscais. Iso hai que transformalo. O vindeiro día 9 é a primeira ocasión: as eleccións europeas. Fundamentais. A Rede Europea Attac, pide aos candidatos que resulten elixidos que graven con tributos aos ricos, ás finanzas e ás multinacionais introducindo impostos sobre as transaccións financeiras, as grandes fortunas e os beneficios das multinacionais, para paliar a crecente desigualdade da cidadanía producida pola acumulación de riqueza nas multinacionais e nas grandes fortunas. Cóntannos como pasada a Segunda Guerra Mundial conquistamos o Estado do Benestar, pero despois da década dos 80, as políticas neoliberais provocaron nel un retroceso, cuns efectos tremendos: concentración da riqueza en poucas mans, desconfianza na democracia das clases medias e traballadoras e o conseguinte incremento do apoio a movementos populistas e de estrema dereita, por desesperación. 

Nesta situación os gobernos propuxeron avances timoratos: a Unión Europea, España, Italia, Bélxica e Suecia crearon impostos sobre os beneficios extraordinarios dos sectores bancario e enerxético, pero só temporais, para entre o 2022 e o 2024. O movemento Attac ou a campa

Máis de medio mundo votará en 2024
Máis de medio mundo votará en 2024.

ña Tax the Rich impulsan unha xustiza fiscal a escala europea e mundial. Pídennos que esixamos ao Parlamento Europeo que lexisle un Imposto Europeo sobre as Transaccións Financieiras entre o 0.5% e o 1%; un para grandes fortunas entre o 0,5% e o 20% e outro sobre os beneficios consolidados das multinacionais, entre o 20% e o 40%. Todo para avanzar na creación dun sistema fiscal común europeo que facilite a loita contra a especulación e a evasión fiscal. Os datos resultan contundentes: a riqueza agachada en paraísos fiscais é de 12 billóns de dólares -o 12% do PIB mundial!-; os beneficios das multinacionais transferidos a eses lugares suman -restan aos recursos públicos- un billón de dólares, o 35% de todos os beneficios desas empresas.

Así que este domingo teremos nas nosas mans poder para transformar o mundo. Cambiémolo, empreguemos esa potestade porque non quedan moitas oportunidades. Si, xa sei: non nos deixan distinguir as mensaxes entre tanto barullo. Ese rebumbio insufrible da política non permite pensar. Fano adrede, nin caso. @mundiario

Comentarios