DE BOLINA

O sector turístico en Galicia pode morrer de éxito sen alcanzar a madureza

Peregrino nas pallozas do Cebreiro. / FrAn LaREo para Mundiario
Peregrino nas pallozas do Cebreiro. / FrAn LaREo para Mundiario
Ou se fan estudios e planificacións axeitadas ou a masificación será a espada que mate esa actividade.
O sector turístico en Galicia pode morrer de éxito sen alcanzar a madureza

A actividade turística creceu exponencialmente e a súa industria converteuse nun dos principais sectores económicos do mundo, cun dos máximos representantes no Estado español, onde o turismo é o sector económico que máis achega ao PIB. O seu gran éxito nace porque entre Administracións e industria, que invisten fortemente en publicidade, crearon no ideario popular unha imaxe idílica do turismo, converténdoo en aspiración e necesidade vital e transformándoo nun ben de consumo e de recoñecemento social.

Do que non se fala é doutros efectos que produce, entre eles: precariedade laboral, destrución medioambiental, exclusión social, colonización cultural e, incluso, incremento da brecha de xénero.

No 2018, diversos movementos de cidades europeas nas que o número de visitantes alcanzara cotas difíciles de soportar para os residentes, como Venecia, Valencia, Sevilla, Pamplona, Palma, Lisboa, Málaga, Malta, Madrid, Girona, Canarias, Donostia, Camp de Tarragona e Barcelona, xuntáronse para facer fronte a este novo fenómeno da turistificación.

Daquela, como consecuencias máis obvias do exceso de turismo, falaron da influencia no dereito á vivenda pola suba dos prezos de aluguer, que afecta especialmente aos nativos de menos recursos; do encarecemento e transformación do comercio que se especializa en usos turísticos inútiles para a poboación local, obriga a desprazamentos e ten como vítimas ás persoas de mobilidade reducida e de idade avanzada; da masificación de rúas e prazas que perturba a vida de acotío, prexudicando o descanso e o dereito a gozar dos propios espazos públicos, pensados e calibrados para os residentes; da especialización económica no sector turístico que trae consigo, á forza, precarización das condicións laborais; da alta xeración de contaminacións e residuos ; da apropiación masiva dos recursos propios -auga e territorio- e da privación do dereito a un medio ambiente san; de políticos cegados polo turismo que non dubidan en subirse a unha esixencia constante de ampliación infinita de infraestruturas (estradas, portos, aeroportos, depuradoras...); da banalización das contornas tanto urbanas como naturais, convertidas en parques temáticos; do espolio e mercantilización do patrimonio; ou da eliminación de usos agrarios. E todo cun obxectivo común: a explotación turística ilimitada.

O turismo considera aos recursos naturais como un instrumento
O turismo considera aos recursos naturais como un instrumento.

Na Rede SET fixéronse propostas como o establecemento de límites á industria turística

Estas consecuencias levan algún tempo manifestándose en Galicia: o casco histórico de Santiago transformouse nun inmenso souvenir e desprazou a súa poboación; o prezo das vivendas en Sanxenxo e no Grove son difíciles de asumir, e non se planifican parques de vivendas sociais, nin espazos para a convivencia; a Illa de Arousa destina inversións a infraestruturas que os residentes non precisan, os recursos naturais son ocupados masivamente. E, entre tanto, séguese a producir unha chamada constante das institucións -Xunta, Deputacións, Concellos- mediante gastos inxentes en publicidade, para que se visite o noso territorio sen que se albisque ningún esforzo en planificar, controlar, adaptar á nosa realidade o fluxo turístico, nin que se propoña ter en conta os dereitos dos residentes.

Naquela reunión do 2018 que conformou a Rede SET (Cidades do Sur de Europa contra a masificación do Turismo), fixéronse propostas como o establecemento de límites á industria turística, a adopción de políticas fiscais diferenciadas para vivenda e aloxamento turístico, a desturistización da economía propoñendo políticas de fomento doutras actividades xustas social e ambientalmente, buscando sensibilizar á opinión pública e empuxando ás Administracións para que regulen a actividade turística desde criterios de sustentabilidade económica, social e ambiental.

En realidade, convenlle tanto á industria do turismo como a nós mesmos. Pero agora andamos coa inversión de fondos europeos, coas indemnizacións e subvencións provocadas polo baixón do turismo - do 13% ao 5%- por causa da pandemia, e, seguramente, sería o caso de investir en estudiar, planificar, optar por industrias alternativas e novos modelos. Mais non vai ser así: ata se presentan peticións de fondos Next Generation para incentivar festas gastronómicas. Ese non é o camiño. @mundiario

O sector turístico en Galicia pode morrer de éxito sen alcanzar a madureza
Comentarios