Salvar a Torre de Escuredo no Grove convírtese nunha necesidade

A Torre de Escuredo no Grove está a esperar pola declaración de ruina. / Mundiario
A Torre de Escuredo no Grove está a esperar pola declaración de ruina. / Mundiario
A Xunta de Galicia deixou sen efecto a inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia da denominada Torre de Escuredo no Grove, provincia de Pontevedra.
Salvar a Torre de Escuredo no Grove convírtese nunha necesidade

A Xunta de Galicia, nunha resolución infrecuente, acaba de excluir do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia á Torre de Escuredo no Grove, por estar erroneamente clasificada como torre de defensa militar. Ten outros valores detrás que permitirían manter a inclusión, como defende un movemento cidadán  que loita por evitar a ruína deste fermoso inmoble, nun municipio carente de infraestructuras sociais.

O pasado 7 de xuño o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución   de 25 de maio de 2021 pola que  a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia deixou sen efecto a inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia da denominada Torre de Escuredo no Grove, provincia de Pontevedra.

A chamada Torre de Escuredo ocupa un solar céntrico e estrema con dous edificios; un, enorme, habitado, e outro, paralizado no seu día, en estrutura, así como cunha praza e cunha rúa.  A Dirección Xeral de Patrimonio argumentou que a inclusión era defectuosa porque, con evidente desleixo, figuraba como edificio de defensa militar, unha tipoloxía que non lle corresponde. Pero resulta obvio, para a xente do común e para Patrimonio tamén, que iso non quere dicir, -nin se di-, que ese edificio careza de elementos arquitectónicos, historia e aprecio social para permitirlle seguir a ser BIC. E, ademais, cun pasado cultural importante: nesa casa creceron figuras como dous académicos -Luis Antonio Mestre ou Jaime Solá Mestre- e o pintor Conde Corbal, que foron anfitrións alí da intelectualidade do seu tempo; pero tamén testemuño da burguesía da conserva, herdeira dos salgadores cataláns.

Paréceme que foi unha decisión lixeira, non meditada. Sobre todo porque esa resolución non significa que a Torre deixe de estar protexida legalmente como integrante do patrimonio cultural galego. Facticamente pouco cambia, -por eso é extraña esa exclusión- aínda que de agora en diante o Concello de O Grove, gobernado con maioría absoluta polo PSOE, vai ter que asumir un papel non inerte, senón activo e determinante. Antes de analizar a posición de cada un dos actores nesta penosa desfeita é preciso referírmonos ás leis de Patrimonio Cultural de Galicia e do Solo, para coñecer en que situación queda ese edificio.

Os bens do patrimonio cultural de Galicia son, por unha banda, os declarados BIC, como era ata agora a Torre de Escuredo -a denominación “torre” por residencia de lecer parece influencia catalá- e, pola outra, os bens catalogados. Estes, na súa definición legal, son “elementos que polas singulares características de seu ou por valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos, arqueolóxicos, etnográficos ou paisaxísticos estímase conveniente conservar, mellorar ou recuperar” e son os que aparecen recollidos nas normas urbanísticas municipais. No Grove, por Decreto da Xunta do 2002, o planeamento quedou suspendido, -imperdoables dezanove anos sen normas urbanísticas,  ou modelo de pobo que é o mesmo, nesa vila que foi tan puxante!- pero iso non afectou á vixencia do Catálogo. A Torre de Escuredo figura nel con protección estrutural, que preserva fachada, patios interiores, elementos estruturais e tipolóxicos e distribución dos espazos.

Estilo modernista - indiano sobreedificado nun pazo

Nesa Torre, decrépita, diferénciase a parte do vello Pazo da Carrela que foi da familia Fernández Mariño de Soutomaior, da sobreedificación, mestura de estilos modernista –como algúns outros edificios da vila grovense catalogados- e indiano. No nonnato, -ou premorto-, proxecto de PXOM que leva dúas lexislaturas "a piques de ser aprobado" aparece novamente catalogada, cunha proposta inviable que permitiría edificar a carón do edificio estremeiro polo Norte da parcela e desmontar e trasladar a Torre ao estremo Sur, cedéndolla de balde ao Concello para formar unha praza e permitindo unha edificación para vivendas no lugar que agora ocupa.

Unha proposición, inviable e inxusta incluso, que provocaría o colapso definitivo. É dicir: a Torre de Escuredo continúa protexida como ben catalogado do patrimonio cultural de Galicia, pero condenada a morte e pendente dun indulto.

Os actores desta traxedia

Analicemos, pois, a posición dos diversos actores que poderían influír na salvación, aínda posible, deste edificio simbólico. En primeiro lugar, os donos, sen obriga ningunha de remediar necesidades da vila do Grove e que, como calquera, actuarán na defensa dos seus intereses. É obvio que neste momento manter en bo estado este edificio precisa dunha inversión obrigatoria conforme á lei pero pouco esperable dun particular. Manifestan querer vendelo. Outros actores son a sociedade civil, grovense e galega, que non debería permanecer pasivas -no enlace vai unha petición en change.org-. Nese municipio xurdiu un movemento denominado Torremakers que actúa utilizando manifestacións artísticas pedindo a salvación e uso público do inmoble; e, en particular,  Francisco Meis, experto na obra do poeta Luis A. Mestre e deste seu emblemático inmoble -ubicado, por certo nunha rúa que leva o nome deste bardo- que con afouteza defende a rehabilitación e o uso público. O actor fundamental é a Administración Pública, tan fraccionada no Grove. A Xunta de Galicia desde 2018, co coñecemento expreso do Concello, viña suxerindo a desclasificación da Torre como BIC, pero, atención, non ten facultades para descatalogala das normas urbanísticas.

O Concello do Grove pretendeu en diversos mandatos e con diversos interlocutores -PP, BNG, PSOE- unha negociación coa familia propietaria, pero nunca se chegou nin se insistiu en serio nun acordo e o edificio, cada inverno, vaise derruindo ata que, sen duda, remate  nun expediente de ruína. Así que o responsable máximo  é o Concello do Grove, -un municipio que se caracteriza pola carencia de equipamento social, ben podería facer un tándem coa Deputación e/ou coa Xunta-, ao que haberá que encomendarse con fe cega para que actúe con rapidez, mantendo a catalogación e iniciando un proceso de adquisición, xa, voluntario ou forzoso.

Todos estes actores, incluso os donos, xente da cultura e sensibles a este tema, teñen un denominador común: a frustración de ver caer a cachos o edificio. Pero quen pode e debe non adopta iniciativas serias para darlle uso público. Albíscanse saídas e habelas, hainas. Pero empezou a conta atrás definitiva. Por iso habería que facer un chamamento a esas Administracións -Xunta, Deputación de Pontevedra e Concello do Grove- para atopar unha solución. É urxente, de verdade. @mundiario

Salvar a Torre de Escuredo no Grove convírtese nunha necesidade