Buscar

DE BOLINA

Da corrupción tamén en tempos de coronavirus

O vindeiro 9  de decembro celébrase o Dia Internacional contra a Corrupción e a ONU quere que destes tempos de pandemia, que tamén son unha nova  ocasión para os corruptos, saiamos con con integridade.

Da corrupción tamén en tempos de coronavirus
António Guterres, secretario general de la ONU.
António Guterres, secretario xeral da ONU.

Estes días celébrase en Corea do Sur a XIX Conferencia Internacional Anticorrupción, co lema “Deseñar o 2030: verdade, confianza e transparencia” e o vindeiro mércores será o Dia Internacional contra a Corrupción instaurado pola Convención das Nacións Unidas contra a Corrupción. Todos coñecemos este fenómeno e, aínda entendendo tal concepto, non está de máis lembrar que deriva do latino ruptio e transmite o significado de desfacer ou romper, como cando dicimos que se corrompe un cadáver. Ese é o efecto que provoca na sociedade: descompoñela, en canto os valores sociais e democráticos, a idea da solidariedade, que é a que dá razón de ser ás estruturas de poder, quedan destruídos. Resulta tamén gráfico pensar nos sinónimos: depravación, descomposición, putrefacción, podremia, peste, envilecemento, deshonestidade. Di a ONU que é “un complexo fenómeno social, político e económico, que afecta a todos os países. Por exemplo, socava as institucións democráticas ao deturpar os procesos electorais, perverte o imperio da lei e crea atrancos burocráticos, coa única razón de ser de solicitar subornos. Tamén atrofia os alicerces do desenvolvemento económico, xa que desalenta a inversión estranxeira directa e ás pequenas empresas nacionais resúltalles a miúdo imposible superar os «gastos iniciais» requiridos pola corrupción”.

Esta gangrena é inseparable de tódolos males que afectan á Humanidade, da pobreza, das guerras e ata das enfermidades. Nestas situacións, nas que xurde a debilidade de persoas e grupos, aparece a corrupción infestándoo todo. A ONU constata datos impresionantes: nos países en desenvolvemento pérdese cada ano en corruptelas unha cantidade de diñeiro dez veces superior á destinada á súa asistencia -impresionante-, no mundo páganse máis dun billón de euros en subornos -perdóeme o pobre xogo de palabras: sobrecolledor- e, ademais, róubanse -emprega este verbo- case tres billóns de euros: o 5% do produto interior bruto mundial!.

A corrupción é criminal e inmoral

António Guterres, Secretario Xeral da ONU, é categórico: “A corrupción é criminal e inmoral e representa a máxima traizón á confianza pública. É aínda máis prexudicial en tempos de crise, como a da pandemia polo COVID-19. A resposta ao virus está a crear novas oportunidades para explotar a supervisión débil e a transparencia inadecuada, desviando recursos que debían estar destinados a persoas que se encontran no seu momento de maior necesidade”.

Unha das características da corrupción é que canto menos desenvolvemento social, democrático e educativo exista, máis se incrusta; aínda que ningún país está inmunizado contra ela. A cuestión, de difícil solución que non sexa penal, é que para evitar as situacións de falta de desenvolvemento, é preciso seguir a aportar fondos, que seguen a cebar aos corruptos. A propia Convención das Nacións Unidas contra a corrupción (UNCAC) aprobou unha Guía lexislativa dirixida aos Estados membros na que pide desde medidas preventivas, pasando pola penalización, a cooperación internacional e a recuperación dos activos, considerando a esta última un principio fundamental da Convención e obriga aos Estados a prestárense a máis ampla cooperación e asistencia.

Corrupción, de maletín e corrupcionciña, de sobre

España é un caso especial por vir dunha ditadura na que untar -así se dicía e recolle como acepción o Dicionario da RAG- era o ordinario, podéndose distinguir entre, chamémoslle así, as culturas do maletín ou gran corrupción, que sempre ten relación coa patrimonialización da Administración Pública; e as do sobre, a corrupcionciña, das que son suxeitos a xente do común. A grande é a que, por exemplo, deriva do narcotráfico, do branqueo de capitais, das comisións urbanísticas, das recualificacións, das contratacións públicas nacionais e internacionais, das autoridades que se apropian do poder para enriquecérense, dos políticos logreiros, da falta de transparencia, que segue a ser unha materia pendente no Estado español e con sectores da Administración remisos a poñela en práctica sen dárense  conta, ou si, que non hai ningún aspecto da xestión pública que deba fuxir da transparencia.

A corrupcionciña aínda queda entalada na conciencia da sociedade como cando as autoridades políticas substitúen aos funcionarios con aquelo de “arránxocho eu” ou “ti vai facendo”, -hai Alcaldes que dedican todo o seu tempo a recibir veciños para solucionarlle cuestións administrativas relativas aos IBIS, á auga, á foco de luz- ou asígnanse salarios impensables na súa vida privada, sabedores ata de que son incompetentes; ou cando se atura e provoca e admite o enchufismo; ou cando se vai ao súper en horario laboral, ou non se paga o IVE, ou se fan fotocopias para os traballos escolares do neno da casa nas oficinas públicas.

Os listillos e a corrupción

A verdade é que en España, a golpes, tense avanzado na loita contra esta lacra, particularmente coa repugnante de luva branca. Aínda que, neses casos, asombra unha especie de simpatía que, como se tiveramos na xenética asumidos aos heroes da picaresca, fainos que eses persoeiros, condenados por corrupción, sigan a alardear do status logrado e lles permitamos mil xustificacións, as peores das cales son aquelas frases de que viña sendo o normal ou que se non o facía el, faríao outro.

Fronte a iso é preciso continuar a crer e a fomentar os valores que todos coñecemos: honestidade, respecto da lei; no fondo, como dixemos: solidariedade. Hai que seguir, porque a corrupción é monstro de mil tentáculos e non deixará de insidiar. Sexamos consecuentes contra corruptos e corruptiños: son o peor do peor; non os votemos, botémolos. @mundiario