DE BOLINA

Contaminación visual e lingüistica con rótulos, carteis e indicadores

Indicadores. / Mundiario
Indicadores. / Mundiario
Non sendo nalgúns cascos históricos a rotulación de negocios, os anuncios, os indicadores, os paneis e carteis de propaganda pública, conforman unha contaminación visual que ata elimina a arquitectura que a sostén e, ao ser o primeiro que se percibe, provoca a formación dunha imaxe caótica de cada urbe.
Contaminación visual e lingüistica con rótulos, carteis e indicadores

A primeira vista, un dos elementos que amosa a calidade dun lugar -polo tanto o seu nivel cultural e socioeconómico- é a rotulación comercial e a cartelería. Sempre é o primeiro impacto que se recibe ao chegar a calquera localidade e provoca a formación dunha imaxe que incide na percepción da realidade, facendo que nos representemos a cidade e a sociedade que a ocupa.

Podemos clasificar os carteis e rótulos dunha vila nuns tres tipos: informativos -direccións, nomes de rúas ou prazas-; publicitarios comerciais -que dan conta da existencia dun establecemento e moitas veces, das súas peculiaridades cando o local non ten moita sona-; e os paneis institucionais de obras, que recordan aquelas inscricións nas latrinas que poñían un “aquí estivo Pericán”. Rótulos, sinais, cartelería, forman parte do ambiente dunha urbe e, dalgún xeito, representan un deseño colectivo que retrata á cidade e aos seus cidadáns. E, así, grandes concellos como Ámsterdam, Valencia, Londres, París ou Lisboa dispoñen de regulamentos de publicidade, conscientes de que signos, carteis, logotipos, vallas publicitarias e incluso graffiti condicionan e definen a estética dos espazos públicos ata un punto no que a arquitectura desaparece comesta por eles.

En Galicia a responsabilidade do control de rótulos é dos concellos e neste eido, a maioría das urbes, non sendo algúns cascos históricos, son un absoluto caos, cunha estética inclasificable, de dubidosísimo gusto en xeral e con materiais e formatos variopintos. Nos lugares de turismo masificado, a falta de calidade, deseño e uniformidade resultan aínda máis deplorables. A esta situación estética lamentable hai que engadir a nefasta xestión das Administracións públicas nas actuacións físicas que levan a cabo: cada obra, un letreiro de grandes dimensións indicando canto se investiu, con que fondos e que organismo a levou a cabo.

Non critico que se informe durante a execución do proxecto, senón que os carteis permanezan no lugar transcorridos anos desde o remate das actuacións, afeando e desfigurando o entorno. Estes paneis, que tantas veces duran máis que a propia obra -como pasa con decadentes rótulos comerciais que sobreviven ao establecemento- dispoñen de orzamento, teñen un custe e afean a contorna sen que ninguén se encargue de retiralos e, por suposto, non contribúen fiscalmente por ocupación de espazo público e publicidade, converténdose nunha fonte de contaminación visual que impide apreciar adecuadamente o entorno e a propia obra. A contaminación non é só a da auga, o aire ou o solo: tamén hai que incluír a visual e recordar que contaminar tamén é transmitir un mal inmaterial. @mundiario

Na nosa Comunidade Autónoma neste ámbito das sinalizacións, a peor contaminación é a da clamorosa ausencia do galego na sinalética privada. Unha mágoa, unha demostración máis do colonialismo lingüístico consentido no que estamos inmersos e que, ademais, transmite unha imaxe de falta de autenticidade, de artificialidade total que, sendo outro dos elementos desa contaminación visual da paisaxe, tamén proba de xeito irrebatible a situación de diglosia: hai unha lingua dominante e unha lingua que se deixa dominar, o que incide na alteración estética e social do medio. Este caos sinalético e idiomático fai que en xeral se perciban as nosas urbes como absolutamente feas, kitsch e carentes de identidade.

Queda moito traballo para chegar a ordenanzas municipais como as citadas de Ámsterdam ou Londres, que poñan orde e sentidiño…en galego. @mundiario

Carteis de obras de 2016 e 2017, e publicidade da empresa construtora estes días no Grove, fronte á Illa da Toxa
Carteis de obras de 2016 e 2017, e publicidade da empresa construtora estes días no Grove, fronte á Illa da Toxa

Comentarios